domingo, 21 de outubro de 2012

Aburrida xornada electoral: déjà vu

Despois de almorzarnos coas fotos dos líderes gozando do día reflexión, un paseando co neto, outro coa súa parella á beira do mar, facendo footing, ou recollendo castañas, aínda nos queda ao longo da mañá ver unha e outra vez as imaxes deses mesmos líderes exercendo o seu dereito ao voto. 
 
Logo virá o apartado de anécdotas que son sempre as mesmas. A señora maior transportada en brazos pola falta de accesibilidade do colexio para a súa cadeira de rodas; o individuo que ven de festa, colocado e sen durmir, e monta un lío; o outro que despois de meter a papeleta di que se equivocou e quere recuperala; o que quere seguir votando por Fraga Iribarne; a tenra imaxe das monxas do convento de clausura que dando exemplo de civismo democrático saen unha vez cada catro anos; a aboa máis vella do lugar que tamén exerce o seu dereito democrático; o marido que quere votar por el e pola muller; algún famosillo de presidente de mesa; etc.
 
No solpor das horas da sesta, a falta de outra cousa, analizaranse, compararanse, prognosticaranse, os datos de participación a cada hora. "Ás doce da mañá a participación é tres puntos menos que hai catro anos... Sen dúbida, co espléndido día que fai, meteoroloxicamente falando, esa cifra recuperarase ás seis da tarde..." Todo o día con este tarabelo.
 
Ás oito en punto da tarde, a facer zapping para non perderse ningunha das incontables israelitas que presentarán cada unha das cadeas de tv. Non sei por qué, pero sempre que escoito falar das israelitas, lémbrome das vietnamitas. Inintelixible para a xente moza, xa o sei.
 
E así pasaremos o día, ata que a iso das dez da noite se fagan públicos os resultados definitivos. Teño para min que esta maneira tan aburrida e tradicional que teñen os sistemas democráticos de deseñar as xornadas electorais é un auténtico desperdicio. ¿Imaxina o amable lector o negocio que un día coma o de hoxe se podería xerar, se aproveitando as posibilidades tecnolóxicas que hoxe temos, se organizase o asunto doutro xeito?.
 
¡Resultados en tempo real, xa!. Once horas de emocións ininterrompidas. Retransmisións en directo toda a xornada, con previa e postpartido, como ten que ser. Infinidade de posibilidades para xerar apostas. Dez euros contra un, se ás 13.35 horas o PP supera os 133.350 votos, por exemplo. Posibilidade para as forzas políticas de deseñar estratexias de votación. É importante empezar a xornada con bos resultados, polo tanto, a militancia facendo cola antes de que abran as mesas, ou de ser o caso de que se implante o voto electrónico, todos ás nove da mañá co dedo enriba do rato para facer clic. Ou, polo contrario, mellor empezar frouxos para animar aos indecisos a que nos voten diante do risco que de gañen os outros...
 
En definitiva, que a isto hai que darlle unha volta. Vou votar. Pola vella, de momento. 

Um comentário:

  1. Podes explicar o das israelitas e vietnamitas? Entereime hoxe que lle chaman israelitas, por certo...

    ResponderExcluir

No faiado