sábado, 20 de outubro de 2012

Todo o peixe na lonxa

Leo hoxe na rede, o da xornada de reflexión é unha antigualla superada pola tecnoloxía, que seica o PP anda preocupado por mor do tracking (que non sei moi ben o que é), que disque os sinala ancorados nos 37 deputados. Non sei, non é o que se percibe na rúa, pero xa veremos.
 
Foi esta unha campaña bastante plana. Como era previsible, o PP limitouse a presumir das contiñas que nos fan, segundo Núñez Feijóo a comunidade autónoma máis solvente de España. Nin unha proposta de futuro minimamente artellada. Só vagas referencias a que a vindeira lexislatura será a do crecemento. Pero non se sabe cómo. Se como parece á vista da confección das listas electorais, vai manter ao conselleiro de economía e industria, parece bastante imposible que sexan quen de deseñar ningunha política industrial digna de tal nome. O que si conseguiu Núñez Feijóo foi esconder bastante ben a Rajoy evitando así, en boa medida, facerse cargo do desgaste do goberno central. E tamén conseguiu que se aplazase a petición do rescate. Aínda que, polo que se viu en Andalucía esa dilación non garante nada.
 
O PSOE, aínda moi tocado a nivel estatal a pesar das vitorias de Andalucía e Asturias, e carente de lideranza tanto en Madrid como en Galicia, limitouse a facer unha campaña baseada na demagoxia burda e directa. Poñendo en evidencia, unha e outra vez, os recortes que efectuou o goberno da Xunta. Enredándose máis alá do razoable coas dúbidas sobre si existen ou non os contratos de Pemex. Prometendo miles e miles de empregos públicos na próxima lexislatura para mozos, mulleres e parados de longa duración. Facendo as contas do que prometeu Pachi Vázquez, achegariámonos en emprego público ao nivel de Cuba, ou case.
 
Ao BNG hai que lle recoñecer que mantivo o tipo mellor do que era previsible despois da sangría das excisións, aínda demasiado recentes. E o candidato Jorquera constituíu unha sorpresa positiva para a meirande parte da cidadanía que non o coñecía. Ademais de enredarse, na miña opinión en exceso, co lío de Pemex, poñendo en dúbida as contas de Núñez Feijóo a raíz do informe do Consello de Contas, e tamén coas críticas aos recortes do goberno da Xunta, demasiado poucas propostas dignas de tal nome cara á vindeira lexislatura. A única relevante foi a que lanzaron ao comezo da campaña reclamando un concerto fiscal para Galicia, ao estilo de Cataluña. Non imos repetir aquí a nosa opinión sobre este asunto porque para os lectores habituais é ben coñecida. O que si resulta sorprendente é que a medida que avanzaba a campaña esa proposta foi desaparecendo do argumentario do BNG. Nin saíu no debate de Jorquera con Núñez Feijóo, nin se volveu a falar do asunto, que eu saiba.
 
No que respecta aos grupos extraparlamentares, nada pola dereita, nin UPyD nin Mario Conde lle van rabuñar voto algún ao PP. E esta era unha das esperanzas da esquerda, que un e outro grupo acadasen o meirande número de votos posibles sen chegar ao necesario 5%. 
 
Compromiso por Galicia foise diluíndo a medida que avanzaba a campaña. Penso que é unha forza política necesaria polo espazo ideolóxico que pretende ocupar. Penso tamén que ten xente valiosa e ben intencionada. Pero penalizoulle en exceso a falta de liderazgo. A heteroxeneidade interna, cara ao futuro debería soltar lastre, tanto pola dereita coma pola esquerda, para conformarse como opción nidiamente socialdemócrata. A falta de tempo para desenvolver unha mínima estrutura de partido imprescindible. E tamén, supoño, a escaseza de recursos económicos para enfrontar unha campaña deste tipo. Cousa que se pon máis de manifesto cando non se conta cun mínimo apoio dos medios de comunicación.
 
A grande sorpresa destas eleccións, como xa tiñamos prognosticado aquí, foi Alternativa Galega de Esquerda (Anova e Esquerda Unida). Máis propiamente, a grande sorpresa, quen o diría á súa idade, foi Xosé Manuel Beiras. O efecto Beiras foi medrando cada día da campaña. É indubidable que pola súa brillantez persoal, está a anos luz do resto de líderes que concorren a estas eleccións, tanto en capacidade argumentativa e dialéctica, como en oratoria, como en coñecementos. Se me apuran, mesmo fisicamente, sigue dando mellor na cámara que todos os seus opoñentes. Pero teño para min que o aspecto relevante do éxito foi centrar o discurso nas cuestións de clase, cunha posición nidia de esquerdas, internacionalista e solidaria, deixando moi en segundo plano o asunto do nacionalismo. Nos tempos que corren, e coa que está caendo, esta é a mensaxe que quere oír unha sociedade, sobre todo unha mocidade, desencantada, cando non desesperada.
 
Por todo isto, como xa prognosticamos aquí hai días, a única posibilidade de que o PP perda a maioría absoluta é que Alternativa Galega de Esquerda obteña por riba dos cinco escanos. O PP sábeo, por iso na última semana de campaña se dedicaron máis a atacar a Beiras que ao PSOE. 
 
Hoxe, o PP confía en que boa parte da cidadanía decida o seu voto en función das dúbidas que lle xera o imaxinarse o complicado que podería chegar a ser formar un goberno alternativo digno de tal nome.
 
Así está a cousa.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado