domingo, 28 de outubro de 2012

Despois das eleccións, resaca

Leo con retraso, pois non estiven operativo estes días, o artigo de Anxo Quintana en Praza Pública. Interesante. Sobre todo polo que ten de autocrítica, ou de crítica ao BNG -pois un xa non sabe se Quintana segue dentro ou está fóra-. Hai que empezar por dicir que non compartimos as descualificacións que se lle fan nos comentarios que lle seguen ao artigo, simplemente polo seu pasado como vicepresidente da Xunta, ou polo mal que escribe en galego. Penso que, como el mesmo di, o seu protagonismo político xa pasou e que, polo tanto, se fala é simplemente para dicir o que pensa, sen buscar ningún rédito político. 
 
Non compartindo moitos dos argumentos que manexa Quintana, a súa reflexión, porén, semella moito máis atinada que todo o que temos lido estes días doutros militantes cualificados do BNG e mesmo da súa dirixencia (Paco Rodríguez, Pilar García Negro ou Xosé Ramón Ermida). 
 
En primeiro lugar, é reconfortante escoitar que os galegos non son cidadáns alienados que votan ao PP debido á súa escaseza de capacidade de análise. Non. Efectivamente, os galegos teñen un nivel de coñecemento político e de capacidade crítica homologable á do resto de cidadáns europeos. Desmentindo, dunha vez por todas, aquilo tan socorrido nas noites electorais de que se non nos votan, e votan ao PP, é porque son parvos.
 
Como calquera outra cidadanía, os galegos deciden o seu voto en función do que creen será mellor para os seus intereses. Polo tanto, como di Quintana, o papel dunha forza política é convencelos de que o seu proxecto é mellor que o dos adversarios. Evolucionar dende a cultura da emancipación descolonizadora á cultura da loita democrática de proxectos.
 
Segundo, non ten ningún sentido que ao BNG lle preocupe máis o 14% dos votos que obtivo Beiras coa Alternativa Galega de Esquerda que o 66% dos votos que suman PP e PSOE. Esa demonización que se está a facer de Beiras, revisións biográficas con mala baba incluídas, nas que o BNG coincide con Núñez Feijóo, é reveladora de que se respira pola ferida. Pero non deixa de ser unha análise miope. Porque, postos a coincidir, coincidirase máis con Anova-Izquierda Unida que co PSOE e o PP, ¿ou non?. 
 
Resume ben Quintana as contradicións esquizofrénicas nas que leva vivindo o BNG nos últimos 20 anos. En 1993, con Beiras como cabeza de cartel, o BNG obtivo o 18,55% (véxase o gráfico 1). En 1997, co mesmo candidato, acádase un resultado histórico, impensable poucos anos antes, o 25,11% dos votos, constituíndose en segunda forza política do país. Resultado que, co mesmo candidato, se defende en 2001, cun 22,97% e se continúa sendo a segunda forza política. Son estes resultados, debidos fundamentalmente a Beiras, os que permiten acceder ao goberno en 2005, xa con Quintana como cabeza de cartel. 

 

Gráfico 1. Resultados das eleccións autonómicas en Galicia (1981-2012).


Ese era o momento para converter ao BNG nun partido normalizado, homologado dentro do sistema. Pero non, optouse por seguir sendo un partido marxista leninista revolucionario. O BNG Seguiu xogando a facer oposición ao propio goberno. Un día moderados, e outro día radicais. Sostendo unha cultura política sen matices. Relativizando os éxitos electorais, pero facendo crises polos resultados adversos (así tivo que dimitir o propio Quintana). Querendo estar no goberno, pero ao mesmo tempo, renunciando a gañar eleccións. 
 
Seguimos coincidindo con Quintana en que, dende hai anos, é un erro manter posicións antisistema, coas que é imposible gañar eleccións. Esta é a transición á que nunca se atreveu o BNG. Renunciar a ser un partido anticolonialista e liberador, para xogar coas regras que dende hai anos lle corresponden a este país. 
 
Quéirase ou non, Galicia está hoxe no club dos trinta países máis ricos do mundo. No marco dun sistema político de democracia representativa e cun modelo económico capitalista. A análise á que tanto contribuíu Beiras, de país atrasado e colonizado, xa non ten vixencia. É certo, polo tanto, que na actual situación política e económica de Galicia, correspóndelle ao sector privado ser o principal motor de desenvolvemento do país. Calquera outra formulación peca de romántica e trasnoitada. 
 
A cuestión que ten por diante o BNG é, efectivamente, a de reflexionar consensuadamente sobre o qué se pode facer, non de pelexar por ver quén manda. 
 
No que discrepamos de Quintana é na súa formulación de nacionalismo ortodoxo. Hoxe por hoxe, o benestar dos cidadáns galegos non depende de si acadamos ou non o pleno autogoberno. Calquera reorganización política que nos sitúe fóra dos mecanismos de solidariedade do estado español suporía para a cidadanía galega unha perda de entre o 10% e o 20% da súa renda dispoñible. É aquí no que se equivoca Quintana na súa análise, o seguidismo miope de Cataluña. 
 
Polo tanto, calquera opción política que se formule como obxectivo prioritario o pleno autogoberno, ten que comezar por explicarlle á cidadanía que, aló menos a curto prazo, esa posibilidade converteranos en bastante máis pobres. 
 
Finalmente, é unha mágoa que Quintana acabe por incorrer nos mesmos erros que a liña oficialista do BNG. Deixemos que o altermundismo, a esquerda solidaria, Beiras, demostren a súa utilidade, sen descualificalos de antemán. 

4 comentários:

  1. Moi triste, autolimitado e cortoplacista que negues calquera alternativa ao sistema capitalista actual, sen maior argumentación que que se trata dunha formulación romántica e trasnoitada. O futuro quitarache a razón. De momento perdes un lector.

    ResponderExcluir
    Respostas
    1. É duro perder así, dun plumazo, o 50% da audiencia. Pero qué lle imos facer... Hai tempo que deixei de mirar a realidade só dende dogmas preconcibidos.
      Dito isto, e dependendo de cál sexa o prazo do que falemos, evidentemente todo pode ser posible.
      Saúde,

      Excluir
  2. Coñezo ben a constrición espacial que implica o marco blog; así e todo, excesivamente sumario resulta ler que 'o pleno autogoberno' implica, rectilineamente, perder entre un dez e un vinte por cento de renda. Fáiseme vertixinosa a distancia entre a abstracción do primeiro concepto e o numérico do segundo. Talvez outras entradas concreten algún argumento, pero inicialmente substancio unha pregunta: foi computado no haber o ingreso por recadación propia de todos os ingresos?

    Entendo o complicado da pregunta se o termo entre aspas continúa sen determinar. Tocante ao artigo de Quintana, tamén me parece interesante; na parte criticada por seguidismo, a priori eu vexo un nacionalista que confía neste país. Un saúdo.

    ResponderExcluir
  3. Vaia: o vicio de reler mal os propios escritos. Corrixo a pregunta final do primeiro parágrafo: foi computado no haber o ingreso por recadación propia de todos os impostos?

    Desculpa e novo saúdo.

    ResponderExcluir

No faiado