sexta-feira, 22 de janeiro de 2010

Acto de fe

Tanto tempo esperando pola auditoría de KPMG e agora resulta que é confidencial. Só Núñez Feijóo ten acceso a ela. Bueno, Núñez Feijóo e La Voz de Galicia, dende hai tempo. Nin as propias caixas poderán dispoñer dela, seica porque non pagaron.

Sen ningunha opción para poder coñecer os datos en que está baseada, a gran achega da auditoría, da que tamén sería de interese coñecer canto se pagou por ela –imaxino que isto non será confidencial- é que di Núñez Feijóo que di KPMG que para adiante. O pasado recente do mundo das empresas de auditoría non anima, precisamente, a ese xeneroso exercicio de credibilidade que se nos está a pedir.

Tería moito interese coñecer algúns datos relevantes que aparecen no power point da conselleira de facenda.

Por exemplo, en qué están baseadas as estimacións de beneficios para os vindeiros seis anos. Cómo se avalía o impacto na competencia e, polo tanto, na cota de mercado, do peche de 300 oficinas. Cómo é que o rateo de solvencia da nova caixa é moi superior á media dos rateos de solvencia das entidades fusionadas. Cómo se cuantifica e se periodifica a devolución dos fondos FROB. Qué solución se lle da ao descalabro dos investimentos inmobiliarios. En qué datos está baseado ese ranking que permite afirmar que a nova caixa será a quinta, en volume, de España. Qué valoración se fai da saúde económico-financeira de cada unha das entidades. En base a qué se pode afirmar que a nova caixa non tería xa risco de ser absorbida. Etc.

Por grande que sexa a cota de popularidade do presidente, non está aínda en condicións de esixirnos tamaño acto de fe.

2 comentários:

  1. Ui, a min xa me estás a pedir fe de máis cando dis 'por grande que sexa a cota de popularidade do presidente'. Eu creo que está en cotas ben baixiñas, incluso entre os seus (e ben sei do que falo, que os aturo a diario).

    En canto á auditoría, o do 'segredo de sumario' é de chiste. Pero unha cousa, das poucas que puiden ler sobre eso, que moito me chamou a atención é a progresión cós anos do que gastaron as caixas en temas de vocación social (temas que fai ás caixas ser o que son). O conto era algo asi como que no 2000 CG gastaba uns 90 millóns de euros, e hoxe 45, e CN algo así como de 60 a 35, unha cousa polo estilo. E coa fusión, estimábase que o que destinen a causas sociais baixaría a 60 millóns entre as dúas, 15 ou 20 menos que as dúas por separado cando ambas levan xa reducindo cifras a metade nunha década.

    iso si, as especulacións inmobiliarias no levante nese mesmo periodo de tempo coido que non seguiron a mesma pauta.

    qué país, señor, qué país.

    ResponderExcluir
  2. En canto á cota de popularidade... hai turbulencias, pero non esquezas nunca "a maioría silenciosa".

    O das caixas... todo cada día máis subrealista. Neste post quería chamar a atención sobre cómo se pode utilizar o argumento de que a auditoría avala un argumento e ao mesmo tempo mantela en secreto. Ou sexa, fíase todo á credibilidade que lle outorguemos á empresa auditora... de paso, evítase entrar en detalles que poderían ser escabrosos.

    ResponderExcluir

No faiado