quinta-feira, 21 de janeiro de 2010

O que vai dun borrador a un decreto (nota bene)

Saudando o éxito da xornada de hoxe en Compostela, quixera poñer un contrapunto para evitar a tentación de lanzar as campás ao voo.

Teño para min que Núñez Feijóo estalle collendo gusto a iso de envolverse na bandeira e na galeguidade. Gusto e réditos políticos. O asunto das caixas é un bo exemplo.

Hoxe titulaba La Voz de Galicia que "Feijoo abre una vía para equiparar al 50% gallego y castellano en las aulas". 50% en tanto non comece o proceso de implantación do inglés.

Só quedan por arranxar as dúas grandes meteduras de pata do borrador. A primeira, non aclarar cómo se fará a implantación do terzo de inglés. A segunda, esa estrafalaria e caótica democracia directa pola que os pais de cada aula decidirán, en infantil a lingua prioritaria da ensinanza, e na ESO que materias se imparten en cada idioma.

A primeira cuestión pode ter doada solución. O proceso de implantación do inglés como lingua vehicular será lento e paulatino. Non menos de dez ou quince anos. A medida que avance irán reducindo porcentaxe, a partes iguais, galego e castelán ata ese 33% de que fala o borrador.

O segundo asunto, a capacidade de elección dos pais, sabe Núñez Feijóo que é operativamente inaplicable. Polo tanto, ten que rectificar. E estará disposto ao consenso. Probablemente mantendo a capacidade de elección en infantil, duplicando aulas -se o custo é asumible- co que cumpriría parcialmente o compromiso ao que se agarra Galicia Bilingüe, e establecendo no propio decreto algún criterio para decidir que materias da ESO e do Bacharelato se imparten en cada unha das linguas.

A curto prazo podería verse como unha claudicación, pero con máis perspectiva quedará como o presidente que recuperou a paz lingüística en Galicia. O presidente do bilingüismo amable e cordial.

En calquera caso, aínda que hoxe ao mellor non é o día para incidir neste asunto, como xa temos escrito aquí, unha lexislación máis ou menos aceptable no ámbito educativo non garante a recuperación nin sequera a supervivencia do idioma. Sería importante, pois, traballar para evitar que a máis que previsible vitoria de hoxe non acabe por converterse nunha vitoria pírrica.

3 comentários:

  1. Esto não vai de rebaixas, que 33% que 47%... É umha questóm de actitude, e concordarás a actitude nom é muito boa, nom é?

    Para além disso eu vejo algo de inocência nos teus plantejamentos: Se tira o dos pais, e asume que o do inglês nom é assim tam facil, fica a coisa em 50%, coma antes nom? Pois nom, porque agora um aluno pode passar a escola sem falar galego/espanhol todo o tempo (excepto na disciplina de lingua espanhola/galega), uma barbaridade... e nom é a única, mas se nom ves malicia neste decreto suponho que nom as verás. E se de feito nom cambia tanto a cousa, para que a cambiou?

    Um saudo cordial

    ResponderExcluir
  2. Grazas polo comentario Brath. En esencia, onde eu quería incidir é en que para este goberno o único importante é a rendibilidade política. Se para iso é necesario cambiar de posición, cámbiase. Nese sentido é importante o éxito do día 21, avanzarán cara a unha proposta máis razonable e desmarcaránse de GB. Pero coa pretensión de capitalizar o resultado envolvéndose na bandeira unha vez máis. Alertar sobre esto era a pretensión do post.

    Saúde,

    ResponderExcluir
  3. Nom o entedera assím, desculpa. Concordo absolutamente, mas seria cousa boa que GB e a caverna ficaram longe e nom tenho claro se isso vai ser assim.

    Apertas

    ResponderExcluir

No faiado