Nove meses de goberno PP en Galicia. Pouco tempo, pero suficiente para deixar ver a concepción que da política ten este presidente da Xunta. Sabedor de cáles foron as bazas que o levaron a gañar as eleccións, esta primeira etapa de goberno consistiu en seguir expremendo os mesmos limóns.
Aínda que disfrutando agora dunha aparentemente confortable maioría absoluta, o único que semella non esquecer que gañou as eleccións por uns poucos miles de votos é Núñez Feijóo. Por iso segue insistindo en poñer de manifesto cada día os desastres do goberno bipartito e en desmontar de xeito sistemático os escasos proxectos de longo alcance que se puxeron en marcha na anterior lexislatura.
Así ocorre no ámbito asistencial -tanto en xeriátricos como en garderías-, recursos naturais –concurso eólico, acuicultura-, sanidade –listas de agarda-, en educación –libros de texto, universidades-, ou en industria –plan Incite de I+D+i-.
Sen deixar atrás dous asuntos que entraron en campaña electoral simplemente como dous clásicos do xogo sucio, importados doutras latitudes, aos que se recorre en situacións desesperadas: despilfarro-austeridade e lingua. Os dous ocuparon boa parte da visibilidade da acción de goberno nestes nove meses.
Subasta de Audis e compra de Citroëns retransmitidas en directo e publireportaxes das cadeiras de deseño de Touriño nos telexornais.
Ou a longa xestación e parto do borrador de decreto do galego, con esa innovadora achega a un novo concepto de democracia directa que supuxo a consulta aos pais e que, lonxe de resultar anecdótica, semella que se consolida no decreto finalmente parido pola Dirección Xeral de Política Lingüística. Sobre este asunto volveremos pronto cun post ad hoc.
Isto, xunto co vodevil final das caixas de aforros e unha especial atención por parte do presidente ás tertulias madrileñas, resume toda a acción de goberno.
Ningún debate estratéxico. A fonda crise económica, os douscentos mil parados, non son asuntos, semella, dos que deba ocuparse o goberno da Xunta de Galicia. Unha Superconsellería como Economía e Industria, que aúna dous dos ámbitos de goberno máis presentables do anterior goberno bipartito, da que dependen tamén o IGAPE –que debería ser a verdadeira axencia de desenvolvemento económico do país- e a D.X. de I+D+i, está a facelo tan ben, está molestando tan pouco, está pasando tan desapercibida, que se diría que non existe. Nun post anterior, Algunhas ideas para un modelo económico na Galicia do século XXI (primeiro esbozo), expoñiamos algúns dos asuntos que deberían estar ocupando ao Conselleiro e ao seu equipo nestes momentos.
O mesmo se podería dicir de Traballo, Consellería á que se lle engadiu Benestar, que se ocupou algún espazo nos medios foi por contar cunha Directora Xeral de Formación e Colocación condenada por contratación irregular.
Nada en Infraestruturas e Ordenación do Territorio –só dous globos sonda: áreas metropolitanas e reducir o número de concellos-. Nada en pesca –autorizar a Pescanova a construír a piscifactoría en Touriñán-, nada en medio rural –coa que está caendo no sector do leite-, …
Todo, cun goberno de perfil tan baixo que non se ve (véxase Think tank e conselleiros kamikazes ) . Deseñado só para destruír xogo, especialistas en dar patadas. O balón acapárao o presidente para facer sempre un xogo de regate curto, para a galería. Trátase de captar a atención da cidadanía e da oposición con asuntos de curto recorrido. Actuar en función do titular de prensa e do telexornal.
Todo é tacticismo, día a día. Ningún proxecto de longo alcance, ningún debate estratéxico. É a banalización rendible da política. Rendible, e isto é o peor, porque á vista das enquisas e dos debates sociais parece que esa política de regate curto é a que lle gusta á cidadanía.
Ao que se ve, tamén á oposición. Unha oposición desnortada e descabezada, con líderes (?) provisionais sen capacidade para formular algún tipo de iniciativa política de alcance e que se senten máis cómodos –ao tempo que se autoxustifican- neste xogo embarullado, de continua melée, que non vai a ningures.
Quizás por esa aceptación popular, este modelo se está impoñendo, non solo aquí. Boa parte do que acabamos de dicir sería perfectamente aplicable ao goberno Zp en Madrid. Outro especialista en banalizalo todo. Pero este asunto require o seu propio espazo.
Concordo, bo post frijolete eche moi zptista, duar
ResponderExcluirGrazas, duar
ResponderExcluir