Qué diferenza entre o xogo que despregaban uns e outros ao comezo deste asunto, e o que amosan agora!. Só hai que botarlle un vistazo a La Voz de Galicia de hoxe.
Empezou o partido con LVG templando e mandando no medio do campo. Deseñando a estratexia e lanzando pases de tiraliñas. Con finos e habilidosos estilistas que desenvolvían un xogo incisivo e mordaz. Contaban ademais cunha pléiade de opinantes profesionais e especializados, cada un facendo o seu traballo. De cando en vez algunha encíclica que compensaba o xogo de malabarismos e lle daba solidez defensiva e consistencia ao bloque –non ao BNG-.
Cando xa conseguen encarrilar o partido cun Núñez Feijóo plenamente motivado e implicado, disposto a asumir todo o protagonismo, atópanse cun reforzo co que non contaban, o BNG que ve neste partido unha oportunidade para mostrar as súas habilidades.
Foron incorporando tamén, por refachos, ao mellor da intelectualidade do país, que se ben, como é propio neste tipo de futbolista, cun xogo intermitente, desaparecendo durante longos minutos, deixaron o seu selo de calidade en media ducia de xogadas.
Non había ningunha dúbida de que o partido acabaría en goleada. A afección estaba exultante, pensando en organizar a festa en Cuatro Caminos, algúns mesmo pensaban no Obradoiro para darlle outra dimensión.
E o equipo de enfronte?. Toda a primeira parte pechado na súa área. Non eran quen de plantar cara. Só achicar balóns de calquera maneira. Por momentos semellaba que no banquillo seguía aínda Maguregui.
Pero foron pasando os minutos sen que se movese o marcador. En fútbol xa se sabe, o que perdoa acaba perdendo.
Os do sur moi pouco a pouco foron recuperando algúns folgos. Ao redor dun centrocampista rocoso, FdV, que empezou a cortar xogo de xeito eficaz, foron xurdindo dous xogadores capaces de lanzar algún contraataque perigoso. Pola dereita o veterano Gayoso, un xogador de enorme experiencia e cun xogo tremendamente sereno, sen deixarse intimidar. Pola esquerda o efectista Caballero, con nula eficacia cara ao gol, pero cun xogo preciosista para a galería. Conseguiu levantar o ánimo dos escasos siareiros do equipo sureño.
Os do norte, equivocaron a táctica. Abandonaron o seu xogo, ata ese momento arrollador, e adicáronse ao xogo subterráneo intentando sacar do partido aos dous únicos xogadores que facían algo no equipo contrario.
A medida que pasaban os minutos sen conseguir desequilibrar o marcador nin sacar do partido aos xogadores rivais, foron perdendo os papeis, xogando contrarreloxio, o seu fútbol era cada vez máis caótico e anárquico. Empezaron a discutir no campo uns cos outros. Cada vez máis buscaban solucións individuais. Xa non había coordinación nin xogo de conxunto.
E así, chegamos aos minutos finais. Os do norte pechados na súa área, pedindo insistentemente o tempo ao árbitro. Darían o empate por máis que bo. E os do sur, cun ataque en tromba, á desesperada, sabendo que xa só poden gañar eles. Pero como nunca foron un equipo ofensivo, quizás tamén se conformen co empate.
Demóstranse unha vez máis algúns dos asertos centrais da nosa filosofía social: “fútbol es fútbol”, “hasta el rabo todo es toro”, ou “aquí el más tonto hace relojes”.
Desculpen a broma. Mañá falaremos das caixas.
E non é posible ir ver outro partido doutras equpas e doutra liga?...
ResponderExcluirCamo diría Ansar...
Estamos traballando en elo!...
Ainda que creo que o simil futbolistico pode inducir a error, e sobre todo fomentar o "hooliganismo" descerebrado que tanto aflora neste tema da fusión das caixas, debo dicir que coincido en moito na visión que da vostede no tan mal levado tema da fusión das caixas. Miña noraboa pola cobertura que ben facendo dela: fannos falla moito máis sentido común (neste e noutros asuntos)
ResponderExcluirDesgraciadamente, os últimos acontecementos fanme terriblemente pesimista: a fusión das caixas está a sacar o peor de nos mesmos coma sociedade. Afonda en rivalidades estériles; lembranos das incapacidade dos que nos gobernan e tamén de quenes teñen que facer oposición; dalle pulo a politicos nefastos que se aproveitan dos baixos instintos da xente; e evidencia o baixo nivel da prensa da comunidade.
En fin, un panorama para chorar. Imposible sair ben parado.
De momento temos partido dabondo eiquí, non che parece comisión promotora?
ResponderExcluirComparto o pesimismo prezado Ansible. O símil era só unha pequena broma.
ResponderExcluirSaúde,