domingo, 23 de janeiro de 2011

Acabouse a festa

Escribiamos o 16 de maio de 2010: "[a Novacaixagalicia] nace lastrada e condenada ao fracaso. No mellor dos casos, no prazo dun ano estaremos falando de privatización a través dese eufemismo das cotas participativas. No peor, nin poderá chegar a materializarse e haberá que pechar o chiringuito. Por dous motivos. O primeiro, que non se encontre comprador, hipótese máis que probable no contexto actual, para as 250 oficinas da rede exterior de Caixa Galicia que é imprescindible vender. O segundo, que en calquera caso, a pesar de que se siga ocultando información veraz da situación económico-financeira de cada unha das dúas caixas, o hoxe xa máis que certo buraco inmobiliario de Caixa Galicia hai que pagalo" Caixas e crise. Unha mala solución para Galicia


Non foi necesario que pasara un ano, abondaron oito meses. A día de hoxe, diante dos desastrosos rateos de solvencia, en especial das caixas resultantes das fusións rexionais -entre elas Novacaixagalicia-, din desde Madrid, só queda a solución de inxectar capital. As orixes desa escasa solvencia son basicamente dúas: a sobreexposición destas entidades á burbulla inmobiliaria -especialmente caixagalicia no noso caso- e o enorme custo de reestruturación interna, consecuencia da fusión de redes de oficinas que non eran complementarias senón redundantes.

Ao goberno de Madrid gustaríalle que fose capital privado, pero como xa anticipabamos nos, non é doado atopar inversores agás fondos de inversión puramente especulativos que poderían estar dispostos si se lles ofrecen as caixas a prezos de derribo, titula hoxe El País. Ademais, está o problema de que as fusións que non se fixeron pola vía SIP non constituíron un banco no que os inversores poidan inxectar capital.

Así pois, a día de hoxe semella que as únicas alternativas son, ou ben deixalas caer, ou ben nacionalizalas. Calquera das dúas é moi mala solución. A primeira, porque acabaría por arruinar a imaxe de España nos mercados financeiros internacionais. A segunda porque o seu custo dispararía o déficit público, co risco de arrastrar ao Estado Español pola senda que percorreron antes Islandia ou Irlanda.

O goberno galego, que intentou capitalizar en todos estes meses o éxito de ter logrado unha fusión en clave de país, aínda que a que finalmente resultou era xusto a contraria da que inicialmente pretendía, está agora missing, agardando que resolva Madrid.

Acabouse a festa.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado