A tan traída e levada fusión de Caixanova con Caixa Galicia só foi posible grazas á crise. Se a credibilidade do Estado Español non estivese en cuestión nos mercados financeiros internacionais, hoxe non teríamos caixa única en Galicia.
A folla de ruta pactada en Madrid por PP e PSOE non contemplaba esa posibilidade. O que estaba pactado era forzar a Núñez Feijóo a non vetar as SIP que estaban previstas tanto por Caixa Galicia como por Caixanova. O Banco de España tardou demasiado, e cando quixo racionar, poñendo en práctica a ameaza latente dende o principio, a intervención de Caixa Galicia, debido ao deterioro da posición española nos mercados internacionais, xa non era posible. Nestes momentos, a intervención dunha entidade financeira precipitaría o descalabro español nos mercados de débeda internacionais.
Por qué motivo?. Explicábao ben Albino Prada hai uns días en LVG. O problema español non é, de momento, o endebedamento público. Nin tampouco o perverso criterio das axencias de cualificación internacionais. O verdadeiro problema é o nivel de endebedamento privado en España. Tanto de familias como de empresas. Con outras palabras, levamos dez ou quince anos vivindo moi por riba das nosas posibilidades.
Ese nivel de endebedamento privado orixinado, en boa medida, pola burbulla inmobiliaria e polo consumo privado, non foi saneado cando outros países -Reino Unido, Irlanda, Islandia- tomaron medidas drásticas ao respecto. Nós, dicíannos, tiñamos un sistema bancario solvente. Como non se fixo nada, a crise do noso sistema financeiro está aínda pendente. E resulta inevitable.
É neste contexto onde o Banco de España se veu imposibilitado de materializar a ameaza de intervir Caixa Galicia. A única opción, para gañar tempo, foi cambiar de criterio e pasar a apoiar a fusión.
Outro día ocuparémonos dos patéticos esforzos, no norte e no sur, por vender o resultado deste accidentado proceso como un triunfo de país. A realidade é que a nosa anhelada caixa única só foi posible porque non había outra solución.
Nace lastrada e condenada ao fracaso. No mellor dos casos, no prazo dun ano estaremos falando de privatización a través dese eufemismo das cotas participativas. No peor, nin poderá chegar a materializarse e haberá que pechar o chiringuito. Por dous motivos. O primeiro, que non se encontre comprador, hipótese máis que probable no contexto actual, para as 250 oficinas da rede exterior de Caixa Galicia que é imprescindible vender. O segundo, que en calquera caso, a pesar de que se siga ocultando información veraz da situación económico-financeira de cada unha das dúas caixas, o hoxe xa máis que certo buraco inmobiliario de Caixa Galicia hai que pagalo.
A conclusión obxectiva de toda esta patética odisea é que por xogar a facer política sen ter en consideración a máis mínima análise económica, perdeuse a oportunidade de manter, mal que ben, unha caixa galega orientada aos intereses de país: Caixanova.
Aledámonos que ao final da historia desvelase as súas cartas, nos xa as estabamos vendo...
ResponderExcluirCoincidimos en parte co seu diagnósticos, (as caixas, ao igual que moitos bancos, van morrer, o becho lévanno dentro, non se engane, Caixanova, tamén), o becho levamolo todos, e ise, o sobreendeudamento e o inevitable default a mínima turbulencia...
Por iso nos estamos ao que estamos, a tentar partir de cero, de crear unha entidade nova sobre outras bases, creemos que conceptualmente o fórmula, dentro do que a lexislación permite, mais axeitada é a das cooperativas de crédito, e retomamos a nosa prédica...
http://caixanacionaldagaliza.blogspot.com/2010/03/hoxe-nascemos.html
Escomenzando polo final, eu non creo que Caixanova tivese algunha oportunidade de perdurar soa neste escenario que plantexa. Por tamaño especialmente, pola súa (nosa) insignificancia política, pero tamén porque non presenta unha xestión tan libre de erros como para situarse nunha posición vantaxosa económicamente.
ResponderExcluirO acordo acadado permite adquirir unha dimensión importante, pero tamén visibilidade política (a "caixa galega"). Perante a falta de contas saneadas, estes e non outros son criterios que van contar para determinar a pervivencia. Coma exemplo a situación de Caja Madrid, feble en termos económicos, pero na que ninguén se plantexa intervir ou dubidar da súa existencia futura.
Os cambios nas caixas son necesarios. Vense dicindo dende hai tempo, e alguns excesos nas xestión o proban. Non sei se o camiño é o anunciado das cotas participativas, pero está por ver se finalmente levase a cabo. Somos especialistas en deixar os cambios para cando xa é demasiado tarde.
Sexamos optimistas. Chegouse a un acordo aceptable no reparto do poder (todos sintense perdedores, e ese un bo sinal). O frente da mesma parece haber un home sensato, máis preocupado pola xestión dos cartos que pola política ou as victorias morais. Podese imaxinar unha nova caixa que traia a xestión da carteira industrial de Caixanova, a calidade do marketing de Caixagalicia, a súa infinitamente mellor banca electrónica, a capacidade de crear auténticos pulos de desenrolo económico coma a escola de negocio de Caixanova, etc, etc... E dicir, ¿porque non creer que a nova caixa vai saber coller o mellor dos seus dous partícipes agora que os políticos afastanse xa do proceso? Temos a oportunidade de que saia unha caixa mellor do proceso. O primeiro paso está dado (non sen sufrimento). Alomenos desta vez non fracasamos na primeira etapa.
Coincido. Quedan pendentes as avaliacións persoais de cada un dos actores. Pero ben sabemos que non hai xusticia divina que se cobre os seus "pecados".
Estimada Comisión Promotora, non sei se as cartas ás que se refire teñen que ver coa argumentación de que Caixanova sería máis viable -non sei canto máis, pero dende logo máis- en solitario, con capacidade para establecer outro tipo de alianzas, que cargando co lastre de Caixa Galicia. Se é así, teño que dicirlle que ese era o argumento dende que abrimos este blog. Ou sexa que non descubrimos ningunha carta neste post.
ResponderExcluirEn canto á súa iniciativa, se ben resulta simpática por romántica, e incluso moi probablemente viable i efectiva,debería, na miña opinión, promovela nun plano diferente e non formulándoa como panacea á crise das actuais caixas.
Saúde e desculpas por non ter respostado antes.
Sinto dicir, prezado Ansible, que eu son moito máis pesimista.
ResponderExcluirNos tempos que se aveciñan o "peso político" pouco efecto vai ter fronte á pésima situación financeira, mesmo para Caja Madrid.
Concordo en que, moi probablemente, Caixanova sería inviable en solitario, pero tería máis posibilidades con outro tipo de alianzas como as que tiña previstas.
Se finalmente se materializa a fusión, segue formulándome dúbidas a saída que se vai atopar para desfacerse da rede exterior de Caixa Galicia, cuestión que hoxe por hoxe parece imprescindible, concordo tamén en que de todo este proceso o máis positivo é a figura do director xeral, pero moito me temo que diante do que se aveciña, as súas capacidades persoais non servirán para moito máis que para buscar, na segunda derivada -dentro dun ano ou dous-, unha solución -probablemente vía cotas participativas, se daquela segue sendo factible- que evite o desastre total.
Desculpas por ter tan abandoada a leira ultimamente.
Saúde,