sábado, 8 de outubro de 2011

Calendario laboral e modelo económico

Seica a Unión Europea -ou o que é o mesmo, Alemaña- está presionando para que eliminemos as pontes do calendario laboral. Unha proba máis de que os alemáns non entenden nada do que pasa aquí.

Na súa lóxica, as pontes restan tempo de traballo, polo que cantas máis pontes hai menos se produce. Pero isto só é certo nunha economía produtiva como a deles. A nosa economía non funciona así.

Non se deixe enganar o lector pola aparente semellanza na composición do PIB dos dous países (táboa 1). 


Táboa 1. Estrutura sectorial do PIB (en porcentaxes)

Hai unha diferenza fundamental que non amosan estas cifras. A conformación do sector servizos en cada país. Eles teñen un gran peso do servizos de alto valor engadido para empresas. Nos non. Os nosos servizos concéntranse moi maioritariamente en atender a demanda privada interna e no turismo.

Isto significa que en Alemaña reducir o tempo de traballo implica unha menor produción tanto na industria como nos servizos a empresas dos que falabamos.

En España non. Primeiro porque o consumo privado interno ten unha gran capacidade de adaptación aos horarios dos oferentes. Dito con outras palabras, ímonos amañando. Por iso tamén a xornada laboral e os horarios de atención ao público son aquí moi diferentes aos do resto de Europa.

En segundo lugar, porque eliminar as pontes suporía un duro golpe para o único sector da economía española que é capaz de manter o emprego, o turismo.

En terceiro lugar, ¿ignoran os alemáns que a nosa senda de converxencia en termos de produtividade ven sendo, dende hai moitos anos, reducir o denominador -as horas de traballo- xa que non somos quen de incrementar o numerador? ¿Queren os alemáns poñernos en evidencia diante do mundo?

Por todas estas razóns, lonxe de eliminar as pontes, deberiamos incrementar un pouco o número de festivos -hai marxe para aumentar nun 25%- e colocalos cada ano de xeito que permitan deseñar facilmente macropontes ou acuedutos, dos que é bo exemplo esa fantástica primeira semana de decembro que se aveciña.

Esta si que sería unha verdadeira reforma estrutural do noso modelo económico.

Um comentário:

  1. En Alemaña teñen 30 dias laborais de vacacións, ou sexa, seis semanas de luns a venres. Teñen menos pontes mais en conxunto, a día de hoxe, andamos a par.

    ResponderExcluir

No faiado