No cadro 1, móstrase o tráfico portuario en Galicia no ano 2010. Se ben en tráfico total de mercadorías, medido en toneladas, o porto de A Coruña triplica ao de Vigo, é importante reparar en que o 88% do tráfico coruñés e de graneles, en particular líquidos -é dicir, tráfico con orixe ou destino na refinería de petróleos de Bens que se comunica co porto por tubería e non precisa do ferrocarril- que supón o 70,43% dos graneles e o 62% do tráfico total do porto.
Cadro 1. Tráfico de mercadorías nos portos galegos (Ministerio de Fomento)
Se reparamos no tráfico de contenedores, o que realmente xera valor engadido e o que si precisa dunha boa conexión intermodal porto-ferrocarril, o porto de Vigo move o 81,28 % do tráfico galego. E se lle engadimos os portos de Marín e Vilagarcía, os portos do sur acumulan o 96,38 % do total galego. Se analizamos o tráfico de peixe, o porto de Vigo duplica ao de A Coruña.
Esta é a realidade do tráfico de mercadorías nos portos galegos. Por iso non se entende a categorización de Vigo como porto complementario e o de A Coruña como porto central. Independentemente dos multimillonarios investimentos que se levan feito en Punta Langosteira -un Gaiás sen fin do que nunca se fala-.
Non se entende que o goberno galego, que tan habitualmente coloca nos seus discursos as estratexias de país, non diga nada neste caso, e se limite a botar o balón cara ao Ministerio de Fomento, ou o que é o mesmo, o ministro Blanco, tratando tamén por esta vía de eliminalo como posible contrincante político nas próximas eleccións autonómicas. Transformando deste xeito un asunto clave para a futura competitividade do país, nun mero xogo electoral.
E aínda máis inverosímil resulta que aos que levantan a voz dende Vigo se lles tache, unha vez máis, de localistas.
Porque este asunto ten tódalas trazas de ser resultado, un máis, diso que eufemisticamente se chama o lobby coruñés -non está demais lembrar aquí que o presidente de Puertos del Estado é o Sr. González Laxe-. É dicir, localismo pero de A Coruña que, ao que parece, é menos localismo que o de Vigo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário