Despois da recapitalización da banca, aplicáronse durísimas medidas de austeridade para a forrar 15.000 millóns de euros ata 2014: despido de 25.000 funcionarios -7% do total-, incremento do IVA ao 23%, incremento do IRPF, redución do salario mínimo interprofesional e redución dun 10% nas pensións, novos impostos, incremento das taxas universitarias, etc.
Todo isto con resignación e sen as protestas populares que vemos en Grecia e xa tamén en Portugal.
Pero a austeridade só explica a supervivencia do estado e da administración. Non a recuperación económica. Ao contrario, máis carga fiscal, menos salarios, máis paro, reducen a demanda interna e por tanto as taxas de actividade, polo que só cabe esperar máis recesión.
Sen embargo, o PIB irlandés incrementouse un 1,6 % no segundo trimestre do ano -o de Reino Unido medrou un 0,1 %- encadeando, despois de cinco anos, dous trimestres consecutivos de crecemento. Incrementouse a demanda interna, medraron as exportacións e mellorou a competitividade. En paralelo, vaise alixeirando paseniñamente o lastre da débeda.
A clave para esta esperanzadora recuperación irlandesa é a mesma que explica o pasado milagre irlandés: a captación de investimento estranxeiro directo. Cun incremento de 20.000 millóns de euros no último ano. É evidente que a taxa do imposto de sociedades ao 12,5 % -que a UE tanto presiona para que se incremente- é un importante factor explicativo, pero como xa temos comentado aquí hai tempo, non é o único: O milagre do Tigre Celta, verdade ou mentira?, ¿Sobrevivirá el tigre celta?
Nenhum comentário:
Postar um comentário