sexta-feira, 22 de junho de 2012

A falacia do exceso de formación

As elevadísimas taxas de paro que estamos a sufrir, coa conseguinte falta de oportunidades de traballo para os mozos que se gradúan na universidade, están empuxando cada vez con máis intensidade aos nosos mozos cara á emigración. É difícil xa non ter algún familiar ou coñecido traballando en Alemaña, en Londres ou en Finlandia.

Cada vez son máis frecuentes as noticias de empresas europeas, alemás ou nórdicas, que veñen aquí a facer reclutamentos masivos de titulados españois.

Nesta situación, estase consolidando entre a cidadanía un discurso regresivo que, en síntese, ven a dicir que é un despilfarro dedicar tantos recursos públicos á formación universitaria. Estamos sendo vampirizados xa que o capital humano que formamos aquí contribúe a xerar riqueza neses países. Os mozos que non emigran están sobrecualificados para os traballos que teñen oportunidade de desempeñar. Temos demasiados graduados universitarios en relación ás necesidades do país. As universidades son fábricas de parados que se utilizan como estratexia política para conter as cifras de paro.

Este discurso está sendo aproveitado pola marea ultraliberal que nos arrastra para, coa desculpa da austeridade e dos imprescindibles axustes, reconverter a universidade, dende o modelo de servizo público que temos hoxe, a un modelo de universidade elitista, só para uns poucos. Arguméntase que sobran universidades públicas ao tempo que se fomenta a implantación de universidades privadas.

O que si resulta evidente, penso, é a necesidade de reestruturar a totalidade do sistema educativo para potenciar unha auténtica formación profesional, tantas veces intentado e nunca conseguido. Aínda que nos últimos anos, cos ciclos superiores, se ten avanzado un chisco. Un bo exemplo a seguir é o alemán, cun modelo de formación dual, escola-empresa. Si se lograse, contribuiría a reequilibrar o número de universitarios e o de persoal técnico plenamente capacitado para o desempeño dunha profesión de alta cualificación, como ocorre en Alemaña ou en Francia.


Gráfico 1. Porcentaxe de poboación con título universitario no segmento de poboación entre 25 e 64 anos.

O certo é que as cifras de titulados universitarios en España son máis ben discretas se nos comparamos con outros países da OCDE. O gráfico 1, mostra a porcentaxe de titulados universitarios no segmento de poboación entre 25 e 64 anos. En España, aínda que nos últimos anos, dende 1999 a 2006 -últimos datos publicados pola OCDE- se incrementou 7,4 puntos, seguimos tendo unha taxa discreta, o 28,5%. Aparte de Alemaña, 23,9%, e Francia, 26,2%, polos motivos que xa comentamos e que teñen que ver cos seus potentes modelos de formación profesional, só están por debaixo de España, Portugal, 13,5%, Italia, 12,9%, e Grecia, 22,2%.

Pola súa banda, o gráfico 2, representa a porcentaxe de poboación que, no grupo de idade correspondente, ingresa na universidade. En España en 2007, o 41% dos rapaces acceden á universidade, 6 puntos menos que no ano 2.000, consecuencia, seguramente, do éxito dos ciclos superiores de formación profesional, e tamén das meirandes oportunidades de emprego en pleno boom económico español. Este dato sitúanos só por diante de Suíza, 39%, Bélxica, 30% e o consabido caso de Alemaña, 34%. 

 

Gráfico 2. Porcentaxe, entre o seu grupo de idade, de mozos que acceden á universidade.

Así, pois, cunha taxa discreta de poboación adulta con formación universitaria e cunha aínda máis feble, comparativamente con outros países, taxa de ingreso na universidade, no futuro afastarémonos aínda máis dos países máis punteiros do noso entorno.

Independentemente da crise e das taxas de paro, tanto a nivel individual, como a nivel de país, o diminuír o esforzo en educación superior é renunciar a consolidarnos entre o grupo de países máis desenvolvidos social e economicamente.

A nivel individual porque, incluso nas circunstancias máis adversas, en que a falta de oportunidades aquí obrigue á nosa mocidade a emigrar, non é o mesmo emigrar cunha elevada cualificación profesional, que emigrar para ser carne de canón nas cadeas de montaxe alemás ou na construción, en Suíza ou en Francia, como faciamos nos anos sesenta e setenta.

A nivel de país, porque serán eses mozos con experiencia profesional en empresas de primeiro nivel os que contribuirán co seu retorno, a pouco que sexamos quen de saír do buraco negro no que nos atopamos, á súa verdadeira transformación, para convertelo definitivamente nun país realmente competitivo entre as economías máis desenvolvidas do mundo. 

2 comentários:

  1. Para demostrar que é falaz non vale facer comparacións cuantitativas con outros países. A carencia ou exceso de licenciados está en relación con outros países.

    ResponderExcluir
    Respostas
    1. *está en relación co sistema produtivo. (corrixo)

      Excluir

No faiado