segunda-feira, 25 de junho de 2012

Que a realidade non estrague un titular

Jordi Pujol entende aos alemáns, entende que non queiran ser os cataláns de Europa. En alusión, parece claro, a que Cataluña, coa súa balanza fiscal negativa -como xa temos analizado aquí- contribúe a financiar os desmáns das outras comunidades autónomas españolas, AVE galego incluído. Mentres que os alemáns non están dispostos a seguir pagando os despilfarros dos PIGS.

 


Gráfico 1. Contribución neta dos diferentes países á UE.

Recoñecendo que é un titular brillante -quen tivo, retivo- é falso. Agora, que nos países periféricos, en particular en España, arrecian as críticas a Alemaña, ou máis concretamente, á súa presidenta Merkel, por non acceder a mancomunar as débedas de todos os países da UE, non está demais recordar, como se recolle no gráfico 1, cál é a contribución neta dos diferentes países que a integran a UE. Apréciase como, con moita diferenza Alemaña é o principal contribuínte. E están dispostos a seguilo sendo, porque é obvio que unha parte importante da súa balanza comercial positiva xérase nos restantes países da Unión. O que non están dispostos é a seguir soportando que os países do sur, particularmente España, manteñan un nivel de vida moi por encima das súas posibilidades reais e que o teñan que pagar os cidadáns alemáns. E que por riba, se resistan a realizar axustes e que falseen as contas.

 

Gráfico 2. PIB per cápita por comunidades autónomas en 2011 (España = 100)


Gráfico 3. Contribución neta das comunidades autónomas ao Estado no réxime xeral.

Por moito que insistan os diferentes gobernos cataláns, a súa posición respecto ao resto de España non é a mesma que a de Alemaña respecto á UE. Para empezar, a reivindicación de Cataluña é deixar de ser contribuínte neto, cando o seu PIB está moi por riba da media española (gráfico 2). En segundo lugar, Cataluña é o terceiro contribuínte neto ao conxunto de España, por detrás de Madrid e das Illas Baleares (gráfico 3). En terceiro lugar, Cataluña presenta en 2011 un déficit público do 3,69%, -máis de 1.300 millóns de euros- e unha débeda pública de 41.778 millóns de euros que equivale ao 20,7% do PIB catalán, o que a converte na comunidade autónoma máis endebedada de España.

Evidentemente, Alemaña non é, nin quere ser, a Cataluña de Europa. 

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado