Despois duns meses de escéptica calma, o anuncio por parte do goberno de España das novas esixencias ás caixas, que deberán cumprir en setembro, volveu a poñer en primeiro plano o discurso da galeguidade, dos intereses de país, da aldraxe ou do espolio -algúns falan xa directamente de roubo a tódolos galegos-.
A estas alturas, que este sexa o argumentario do BNG parece ata natural, porque neste asunto non foron quen, ao longo de todo o proceso, de definir unha posición clara -neste blog hai dabondo escrito ao respecto-.
Sorprende máis que o goberno de Núñez Feijóo adopte, máis ou menos, aínda que de momento coa boca pequena, o mesmo discurso.
Curioso tamén o de La Voz de Galicia. Despois de meses de ter totalmente abandonado o tema caixas, ou caixa -unha vez perdida a partida-, titulaba hai uns días con letras quilométricas Salgado pone contra las cuerdas a la caja gallega para que sea un banco, e cun despliegue inaudito, ata catro na mesma folla, de tódolos seus opinantes profesionais. Destilaba o conxunto un certo tufo a satisfacción vingativa...
Así pois, Se a fusión galega se dilucidou como un clásico Celta-Deportivo dos de antes, agora é o momento da Selección Galega. Curioso que o goberno Feijóo, tan reacio ás seleccións deportivas representativas do país, sexa o máximo impulsor de que, neste caso si, os galegos vivamos o funeral da caixa uniformados de azul e branco.
Seguiremos sen facer ningún tipo de análise económica, salvo aquel fantástico informe da consultora Kpmg. Seguiremos sen saber quén son os responsables -si os do Celta, ou os do Deportivo, ou os dous- da sobreexposición ao sector inmobiliario.
Nunca saberemos si a única alternativa para seguir tendo unha caixa en clave dos intereses do país era permitir as fusións SIP que dende antes do principio estaban deseñadas.
Quédanos superar as dúas seguintes ocorrencias que xa se albiscan no curto prazo.
A primeira, esixirlle a Amancio Ortega que por unha vez pense en Galicia, á que tanto lle debe, e poña a pasta.
A segunda, unha vez que a primeira non funcione, facer unha subscrición popular, total tocamos a 714 € por cabeza -pódese facer incluso progresiva a achega de xeito que poñan máis os que máis teñen-.
Despois de que estas dúas brillantes e patrióticas solucións fracasen, iremos todos a Compostela, de azul e branco, xogar o partido coa Irmandiña.
E logo que facer?...
ResponderExcluirGritar Viva o Rei?...
Francamente, coidamos que a NCG "NON" foi unha boa solución, (coa excepción de case calquer outra), pero chegados eiquí non queda outro remedio que defenderse como se poida, con razón ou sin ela, ainda sabendo que non hai posibilidade de victoria...
Ben, outra posibilidade...
ResponderExcluirNon podería a Xunta, dado que é imposible acadar a cantidade esixida pola Vicepresidenta Salgado para recapitalizar a NCG, crear una nova "Caixa" aportando o capital fundacional mínimo público?... (ise si é facilmente aportable).
Nacería sin débedas, e abrindo unha sucursal a carón de cada delegación da Xunta e canalizando a través disa nova entidade os pagos e cobros da administración económica para darlle o pulo inicial...
Nos esquecemos da NCG, sentenciada por MAFO, Botín, Salgado, etc..., e escomenzamos de 0, cunha entidade dependente 100% da autonomía, (por lei, e por ser a entidade fundadora única)...
Pensamos que sería unha solución imaxinativa e provocadora...
E teríamos unha verdadeira banca pública galega...
Xa sei que na práctica é imposible, (non hai collóns para facelo e ademais o PP e o PSOE están a traballar xusto para facer o contrario)...
Pero soñar non custa, e dende o nacionalismo habería que propoñelo e poderíase tentar poñelo en práctica vía cooperativa de credito...
A nosa iniciativa é isa...
http://caixanacionaldagaliza.blogspot.com/search/label/Inicio
Facelo cotra o Estado e a gran banca, (Botín e González), e a marxe dunha Xunta cobarde e apoucada...