domingo, 17 de janeiro de 2010

Con qué bimbios se constrúe o discurso económico do BNG?

Dende hai tempo, Xavier Vence, recoñecido economista do BNG, ven mantendo, nesta polémica das caixas de aforros, unha posición abertamente contraria á fusión.

Hoxe, o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), que preside o ex vicepresidente da Xunta e deputado do BNG, Anxo Quintana, fai público un informe elaborado polo economista Xavier Martínez Cobas -profesor da Universidade de Vigo e ex director xeral do R.C. Celta e de Xornal de Galicia- no que se defende como fórmula máis viable un Sistema de Protección Institucional (SIP) foráneo. Di o informe que esta alianza entre entidades de aforro de diferentes territorios é "a única opción" que, "previsiblemente", eleva a solvencia e permite o mantemento de emprego, crédito e obra social en Galicia. O IGEA advirte, finalmente, que non se debe caer no erro de pensar que o tamaño dunha caixa blinda a súa galeguidade.

Así pois, mentres a intelligentia económica nacionalista posiciónase abertamente en contra da fusión, a dirección nacional do BNG, ou ao menos o seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez, non contempla outra alternativa que a da fusión e ameaza con respostas contundentes se esta non se leva a cabo. Mesmo a CIG, inicialmente contraria, anunciou onte mobilizacións para forzar a súa consumación.

Hai tempo que escribimos neste blog que o problema das caixas non estaba na axenda política do BNG ata hai tres meses -tampouco na do PSOE nin na do PP-. Entraron neste asunto, todos, sen contar con ningunha análise seria do problema, e facendo cálculos de rendibilidade política a curto prazo, exclusivamente.

Agora que o BNG se veu sorprendido pola toma de posición de Núñez Feijóo -e do PP-, que está capitalizando en exclusiva o efecto "galeguidade", os dirixentes nacionalistas, totalmente desorientados e descoordenados, buscan desesperadamente unha saída, sen saber que opción tomar.

Así, hoxe mesmo, saen voces que advirten de que a posición do BNG non é monolítica, polo menos, non na medida que ata agora traslada a dirección nacionalista á opinión pública de "fusión, fusión e só fusión". Así quedou patente onte en Santiago na reunión do Consello Nacional da formación frontista, que insistiu en que a organización aposta "pola fusión das dúas caixas galegas ou que cada unha siga a súa propia existencia de xeito independente". O debate aireou a existencia de varias posturas internas diferentes entre os dous polos: a da UPG, a favor da fusión e a do Encontro Irmandiño a favor de dúas entidades independentes.

Dixémolo de maneira reiterada aquí, La Voz de Galicia conseguiu levar o debate ao nivel propio das disputas Celta-Deportivo, e as forzas políticas, mobilizando á cidadanía, entraron ao trapo. O país está máis para confrontacións estritamente pasionais que para debates serios e rigorosos sobre os asuntos estratéxicos. Entre política e marketing, preferimos, cada vez máis, o valor estético dos iconos.

Um comentário:

  1. léchesme o pensamento. tiña pensado comentar algo sobre cómo agora empeza a demostrarse que o paso á fronte dado pola entente vázquez-rodríguez que comanda a UPG, e por ende o BNG, foi unha soberana cagada. Actuaron en contra do que recomendaba Vence, do que se comentou no teu blog e no meu i en moitas outras páxinas, do que dictaba o sentido común (primeiro espera a saber con coñecemento de causa cómo está cada entidade e logo plantexa a túa estratexia), e por último actuaron en contra do que dictaban os tempos políticos: deixa que sexa o governo da Xunta o que se queime, o que demostre que non ten alternativa crible, o que se expoña á opinión pública...

    Non. No canto diso, a UPG toma unha decisión pola súa conta, contraria ó que como dis sinala como razoábel a intelligentsia do BNG, pon a cara bonita na foto xunto a Feijoo (tranquilo Alberto, si te pegan a ti nosotros ponemos la otra mejilla), e acaban demostrando que se un 25% de galegos se declaran nacionalistas, probablemente máis do 50% se declaran galeguistas, pero só o 10-15% vota BNG, por algo será.

    ResponderExcluir

No faiado