Ata hai seis meses o tema caixas era tabú nos medios de comunicación galegos. Confiábase cegamente nas súas tecnocracias dirixentes e na súa despolitización (hai algúns post neste blog nos que se fala de ambos asuntos).
Unha vez que o xornal do norte decide convertelo en asunto estratéxico –véxase tamén o correspondente post neste blog para entender as claves-, ábrese a veda.
A teimosía con que se vai traballando o asunto é admirable. Sen presa pero sen pausa, van desfilando polas súas páxinas economistas, sindicalistas, empresarios, profesores universitarios, pais da patria, opinantes habituais, xornalistas de plantilla, ... ata que se consigue crear o clima de inevitable e urxente decisión no que agora estamos: hai que fusionar!
Falou a intelectualidade máis lúcida do país: Suso de Toro, Antón Bahamonde, Barreiro Rivas, ... xa está todo dito: hai que fusionar!
Abríronse os foros na versión dixital dos diarios. Cada día que pasa o veredicto é máis nidio: hai que fusionar!
Mesmo xente con responsabilidades políticas directas, Pedro Puy, e Fernández Currás –esta con algún que outro titubeo-, deixaron ver claramente que a opción está practicamente tomada: hai que fusionar!
Hai que fusionar pero ninguén explica cales van ser as consecuencias directas desa fusión. Salvo a CIG que deixou clara a súa posición contraria polos efectos que tería sobre o emprego e salvo algunhas asociacións empresariais do sur que tamén se posicionaron en contra por temor a perder o trato preferente que Caixanova lles ven dando. Os demais, todos acérrimos defensores da fusión, agás de que se terá acceso aos fondos do FROB, non poñen enriba da mesa ningún outro argumento digno de tal nome. Non se explica en qué medida a fusión reducirá a morosidade. Non se explica en qué medida a fusión reducirá o stock inmobiliario que teñen ambas entidades. Non se explica en qué medida se reducirá o risco das carteiras de investimento. Non se explica cómo a fusión mellorará as rateos de solvencia, ... Non se explica en qué medida a fusión incrementará a intervención política e o control. Non se explica, en fin, cal das dúas entidades chega con mellores cifras a este momento, dato fundamental para artellar esa fusión. Non teño visto ningunha análise seria do impacto das economías de escala nos custos de funcionamento, nin do impacto do tamaño na captación de cota de mercado...
Pero o veredicto está tomado: hai que fusionar!. Cada cidadán deste país enfundouse xa a súa camiseta. Cando a Xunta tome finalmente a decisión haberá festa rachada en Catro Camiños. Outra metade do país lamentará, unha vez máis, outra derrota.
Así se deseñan as estratexias deste país... Onde mellor nos desenvolvemos é no terreo de xogo... canto máis embarrado mellor.
Eu resérvome para cando os adalides da fusión empecen a reparar que non están de acordo nos asuntos realmente importantes que veñen despois. O máis sinxelo é o nome. Parece que ten éxito esa idea, que non é mala, de Caixa Atlántica. Pero... aceptarán moitos, entre eles os primeiros impulsores do debate, que caixa con nome tan marítimo teña a súa sede en Santiago de Compostela, tan afastado da ribeira? Cómo se vai conformar o Consello de Dirección?, Aceptarase máis control político, ou pola contra, deberá deixarse que os profesionais, que como ben se ve teñen demostrado a súas capacidades, sigan facendo o seu traballo?.
Esta segunda metade do asunto promete ser moito máis entretida aínda.
Nenhum comentário:
Postar um comentário