Sen desculpar para nada á clase política nin aos bancos, paréceme imprescindible unha certa dose de autocrítica, ou autoindignación.
Con carácter xeral, a xeración que ten agora entre 45 e 55 anos mantivo un nivel de consumo moi superior ao dos seus ingresos a costa de dilapidar as herdanzas familiares (o aforro de moitas xeracións anteriores) e a costa de hipotecar o futuro dos seus fillos, cando non o dos seus netos. Certo que nuns países máis que noutros. Aquí, que viñamos dunha longa etapa histórica de pobreza, cando non de miseria, rapidamente nos adaptamos ao status de novos ricos. Claro que favorecidos pola voracidade dos bancos que foron relaxando ata límites incribles as condicións de acceso ao crédito. O gráfico, pillado ao vo dun blog que non recordo, mostra ben cál foi a evolución da débeda, tanto privada como pública, nos últimos vinte anos en España.Neste país os mozos, algúns xa non tan mozos, que están nos movementos 15-M, ou 15-O, criáronse cun nivel de benestar económico ficticio que agora é imposible de manter. É certo que son, sen ningunha dúbida, a xeración mellor formada da historia. Pero, salvo excepcións, foron educados nun sistema de autocomplacencia, de abundancia, no que están claros os dereitos individuais pero non tanto as obrigacións. Cunha escasa predisposición ao sacrificio.
Nos países emerxentes a xente está acostumada a "resolver", a "buscarse a vida", a sacrificarse e a competir. Aquí, polo contrario, o esforzo céntrase en esixirlle aos poderes públicos que manteñan un status quo que, como dixemos antes, é en gran medida ficticio e está moi por riba das nosas verdadeiras capacidades económicas.
Así, resulta moi difícil que poda callar ningún proceso verdadeiramente transformador. As revolucións precisan de xente que non teña nada que perder máis que a vida, como acontece nos últimos meses no norte de África. Pero é difícil imaxinar a revolucionarios pendentes de non perder o i-phone nas carreiras diante da policía, ou discutindo a que tipo de interese teñen que estar as hipotecas...
Empézanme a interesar máis os movementos estudantís latinoamericanos, de Chile e Colombia, de momento.
Sen acritude, efectivamente váiselle a ola :)
ResponderExcluirCon efecto poden resultar máis interesantes as mensaxes doutras latitudes. Tamén os cadernos de bicicleta do Che éranlle ben máis interesantes que as andanzas dos novos cachorros nacionalistas.
Mais este é o país que temos e que fixemos. E esta é a resposta social e cidadán á herdanza que como ben di nos deixaron, non só os poderosos senón as xeracións dos primeiros novos ricos que encheron a boca co maio do 68, versión París, Madrid ou Compostela mentres se beneficiaron da primeira ondada capitalista e democrática.
Parécelle que non hai concreción? Haina nos partidos políticos ou frontes tradicionais? Haina no altermundismo do que se vanaglorian algúns fidalgos ilustrados?
É certo que o 15M acadou alcance social como expresión de castigo contra os renegados da esquerda real (léase PSOE), máis este movemento social e político é o ingrediente básico e fundamental ao lado do que callar unha alternativa política e, si, partidaria, a este estado de cousas.
Criticar desde quen se sitúa fóra do movemento para preservar a pureza, desde outras xeracións vencidas e vendidas, desde outra posición económica e laboral... todo iso é ben doado.
Pero o resultado é o mesmo: só estes mozos se moven. Falan, logo cabalgan.Isto é o que hai.
Con todo, eu pregúntome tamén se alcanzarán e cando a masa crítica necesaria para artellar un discurso global, quizá non novo pero si críbel, e iniciar así un novo escenario político. Precisámolo.
Dou por descontado, amigo Calidonia, que é sen acritude.
ResponderExcluirAo meu ver, incorre en dous desenfoques no seu amable comentario.
Primeiro, o interpretar o meu texto exclusivamente coma unha crítica ao movemento 15-M -ou 15-O-. A miña pretensión era, máis ben, poñer en evidencia algunha das causas, non menores, de por qué nos atopamos como nos atopamos. Das que, evidentemente, non son responsables os mozos que se mobilizan.
Segundo, o pretender explicar a análise que eu fago en función da previa hipotética clasificación do escribidor. A estas alturas, xa de volta, nin cachorro nacionalista, nin sobrevivinte de ningún maio, nin beneficiario de ningunha marea capitalista ou democrática, nin altermundista nin fidalgo ilustrado, nin representante de xeracións vencidas ou vendidas, nin dende outra posición económica ou laboral... Tratábase, simplemente, de compartir unha libre opinión persoal, que, por suposto, é discutible.
Finalmente, coincido, primeiro, en que de momento, este movemento si está tendo efecto como expresión de castigo aos que gobernan -ata o de agora PSOE- ou o que é o mesmo, a favor dos que pretenden gobernar -léase PP-. Segundo, coincido tamén co anceio que expresa no seu epílogo, ogallá que este movemento sexa quen de artellar un novo discurso político, con suficiente impacto, que serva de base para construír un novo escenario político.
Saúde,
Desde logo, dificilmente alcanzarán a masa crítica necesaria desde a inmadurez dos que talvez non saben se prima manter o nivel de consumo no que foron criados ou procurar relacións sociais máis xustas e modelos de produción sustentables. Os tales mozos móvense, xaora (cando os mozos ficaron parados?), e mellor é ese movemento que a caída no desánimo e a autodestrución; probablemente viña ben un encontro con mobilizados e mobilizadores doutras xeracións. Ora ben: non se espere que tal entendemento veña tampouco da tendencia (camiño de atávica?) a cifrar a esperanza no mozo e reputar globalmente vencido, vendido e acomodado a quen supera certas barreiras de idade e experiencia.
ResponderExcluirSeguramente a mobilización protagonizada polos fillos do 'benestar' efémero é, de momento, a mellor pista cara a un hipotético futuro transformador. Pero hai incógnitas non pouco numerosas nin importantes, e talvez unha sexa que esa xeración non é tanto a mellor formada coma a máis escolarizada da historia, titulacións incluídas. Polo demais, todos estamos en tránsito; pero non nos reñan por dicir o que vemos, ou nos parece.
As miñas balas non ían todas dirixidas ao escribinte. Mal podería eu atinar nel pois disparar a tanta xente denota con case toda seguridade falta de puntería. E mal podería el reunir todos os defectos e culpas das que falo.
ResponderExcluirEn calquera caso coincidimos na última esperanza, que non derradeira. Non a estraguemos.