Mostrando postagens com marcador empresarios. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador empresarios. Mostrar todas as postagens

domingo, 6 de janeiro de 2013

Isaac Díaz Pardo, empresario (reedición no primeiro cabodano)

Non vou falar do pintor, nin do escritor, nin do intelectual, nin do artista. Abondan voces máis autorizadas ca min para facelo.
 
Interésame traer aquí unha faceta da vida de Isaac que sendo moi coñecida foi, na miña opinión, pouco recoñecida. A de empresario.

 
E non só polo fito histórico de ter fundado, en plena longa noite de pedra dos anos sesenta, Cerámica de Sargadelos e Cerámicas do Castro.
 
Eu valoro, sobre todo, o seu traballo como dirixente empresarial cunha visión clara dos obxectivos superiores aos que debería servir o negocio.
 
Coido que é un dos poucos exemplos que se poden atopar de competir con éxito baseándose en intanxibles como a cultura, a tradición, mesmo a idea utópica de país, para vender un produto industrial como son as vaixelas. Os compradores galegos de Sargadelos, ou O Castro, non compran pratos ou imaxes decorativas, están comprando un anaco do imaxinario de país que podería ser e non foi. Os foráneos identifican a marca con Galicia. Regalar un agasallo Sargadelos é regalar Galicia. Aínda hoxe, penso, segue a ser o produto industrial que máis se identifica con Galicia. 
 
Pero todo isto non é consecuencia do azar. É froito dun traballo constante e meticuloso. A recuperación do entorno da antiga Fábrica de Sargadelos, a reivindicación da figura histórica de Antonio Ibáñez, Marqués de Sargadelos, a creación de Edicións do Castro, o Seminario de Estudios Galegos, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego da Información, o proxecto do Xornal Galicia, son todos enormes empeños persoais de Isaac que contribuíron a ir conformando paseniñamente esa identificación de Sargadelos e cultura, de Sargadelos e Galicia. 
 
Interésame tamén a claridade de ideas que sempre mostrou para entender a importancia da innovación para competir. E non estou pensando no deseño artístico das pezas, pois isto é consubstancial ao propio produto que vendía, senón sobre todo á súa capacidade para buscar sempre solucións enxeñosas, cando non radicalmente novidosas, que melloraban notablemente os procesos de produción, ou desenvolvían novas liñas de produto. Son coñecidos os enormes esforzos, en tempo e recursos, que dedicou a investigar na fabricación de vidro, por exemplo. 
 
Por último, sempre me resultou admirable o clima laboral que foi quen de crear e a súa capacidade para motivar á xente. Nos anos setenta e oitenta só había que entrar na fábrica para darse conta que dende o punto de vista das relacións laborais Sargadelos era un oasis no medio do páramo que era a produción industrial en Galicia. 
 
Co pasamento de Isaac Díaz Pardo vaise unha boa parte do que foi a Galicia do século XX. Pero desaparece tamén a evidencia de que se pode ser empresario de éxito sen necesidade de traizoar ideais nin principios morais nin renunciar ao compromiso político. 

sexta-feira, 10 de agosto de 2012

Cainismo galaico

Xa sei que é difícil, pero estaría ben non mesturalo todo. Publicábase estes días que Amancio Ortega é xa o terceiro home máis rico do mundo. As reaccións en España, e moi especialmente en Galicia, son dun cainismo que espanta.

Por dúas vías diferentes de ataque. A primeira, os salarios de miseria que Inditex paga nos países en que fabrica os seus produtos. A segunda, lembrando a explotación que a mesma Inditex fixo nos seus inicios das costureiras galegas que cosían na casa ou en talleres clandestinos do rural, sempre con condicións laborais moi precarias e traballando en negro.

A respecto deste segundo asunto, certo sen dúbida, a ninguén que coñecese a Galicia dos anos setenta lle pode estrañar nin sorprender. Era habitual o traballo mergullado en todos os sectores, e máis no téxtil. Lembro verdadeiras empresas fantasma, que nunca chegaron a existir legalmente, que se montaban repartindo máquinas de tricotar polas aldeas. Nese contexto, a única diferenza é que Inditex, e algunha outra, chegaron a ter éxito e conseguiron consolidarse como proxectos empresariais reais.

En canto á explotación laboral en países en desenvolvemento, a crítica roza os límites do cinismo. Porque vostede, querido lector, que retwittea de boa fe novas de xornais que poñen de manifesto os salarios de miseria que Inditex paga en Marrocos, está utilizando, con toda seguridade, aparellos electrónicos fabricados cos mesmos salarios de miseria na India, na China ou en Taiwán. Probablemente vista roupa deportiva fabricada por meniños neses mesmos países por salarios aínda máis miserables. Seguramente estea seguindo os Xogos Olímpicos nun fantástico televisor de plasma que puido comprar a prezo de ganga polo mesmo motivo. E cando avalía as súas decisións de compra, tanto de roupa, como de aparellos electrónicos, nun próximo futuro tamén de automóbiles, o prezo segue a ser unha variable fundamental sen reparar en si eses prezos supercompetitivos dependen dos salarios de miseria que o fabricante paga nos países de orixe.

Dentro da lóxica do sistema económico no que nos movemos, Inditex só é responsable de saber aproveitar as avantaxes dunha axeitada localización para cada unha das fases do seu proceso de deseño - fabricación – distribución - comercialización. E dende este punto de vista, deberiamos de estar orgullosos de que unha empresa galega fose quen de facelo tan ben e de acadar resultados tan espectaculares.

Outra cousa é poñer en cuestión a lóxica do sistema capitalista. Pero entón non fagamos a Amancio Ortega responsable único de todos os males.

terça-feira, 21 de fevereiro de 2012

Gibraltar español ¿y Laponia?

En estos dos meses escasos de gobierno de la derecha, a falta de proyecto político, especialmente en lo económico, se echa mano a lo de siempre.

Sin arriesgar nada, aferrándose a los tópicos de éxito contrastado, especialmente entre sus votantes de extrema derecha. Un ministro de justicia que hace bingo salvando su imagen de progre de derechas al tiempo que anuncia la revisión de la ley del aborto, en opinión de su partido excesivamente permisiva. A falta -de momento- de éxitos deportivos, salvo la reciente victoria del Real Madrid en la copa del rey de basket en la cancha del Barça, que permitan corear aquello de: español, español, español, eo eo eeee, se recurre a un clásico infalible: ¡Gibraltar español!.

En esta línea, eran noticia esta mañana en las emisoras de radio las declaraciones de José Luis Feito, madrileño a pesar del apellido, presidente de la comisión de economía y política financiera de la CEOE, poniendo de manifiesto que en la reforma laboral recientemente aprobada, se les han quedado algunos importantes cabos sueltos. Por ejemplo, el no retirar el subsidio de desempleo a todo aquel que rechace una oferta de trabajo, sea la que sea y donde sea, incluida Laponia.

Esta ofensiva de nuestra clase empresarial, a rebufo de la comodísima victoria electoral de la derecha, tratando de laminar cualquier tipo de protección social de los trabajadores -los siguientes pasos serán la ley de huelga y las cuotas patronales a la seguridad social- deja bien claro cuál es modelo económico en el que realmente se sienten cómodos. Liberalismo a ultranza por el lado de los inputs, para vender en mercados cuanto más protegidos y regulados mejor.

Poco importa que España siga siendo el país europeo con menor inversión privada en I+D+i. Para nuestros empresarios, la competitividad pasa, como siempre, por los recursos naturales y los costes laborales. Un empresariado idóneo para cuando, en pocos años, volvamos a ser un país en vías de desarrollo.

¡Viva Honduras!

sexta-feira, 27 de janeiro de 2012

O catecismo do empresariado vigués

O Club Financiero de Vigo, agora seica Círculo de Empresarios de Galicia, é basicamente un club social, con servizo de restauración e salas de lecer para goce dos asociados.

Amais disto, dedícase a organizar charlas, xornadas, foros de debate, almorzos con persoeiros relevantes -case sempre políticos-. Actividades financiadas, a meirande parte das veces, con recursos públicos -Consellerías e outros departamentos da Xunta de Galicia-.

De cando en vez, elabora pseudoinformes, sempre con un ton provocador. Semella que seguindo aquela máxima de "hagamos que ladren, luego puede parecer que cabalgamos". Sempre sen datos, sen ningún rigor, e sen límites a respecto da temática sobre a que lles podería corresponder opinar.

Hai aproximadamente un ano presentou un informe que en síntese viña a dicir que un dos graves problemas de competitividade do país tiña a súa orixe na cooficialidade do idioma galego. Seica os directivos de empresa rexeitaban vir a Galicia para non someter aos seus vástagos á tortura de ter que aprender o galego. Incitaban á Xunta de Galicia a financiar colexios integramente en español ou, curiosamente, en inglés.

Hoxe fixeron público outro destes panfletos, que leva por título "propuestas para un cambio necesario". Unha síntese do seu contido, extractada das reseñas de Faro de Vigo e El País -mágoa non ter acceso de momento ao documento íntegro- di cousas coma estas:

1) Transcurridos más de treinta años desde la aprobación de la actual Constitución, surgen serias dudas sobre si el proceso que se ha seguido en la construcción del Estado de las autonomías ha ido mucho más allá de lo que pretendían los padres constituyentes.

2) La eliminación del Senado. Lejos de ser, como parecía pretenderse, una cámara territorial, no ha pasado de ser una mera cámara de segunda lectura, sin apenas actividad, con un coste anual de 55 millones. Es perfectamente prescindible con su actual composición y fines.

3) En España existen más de 8.000 ayuntamientos, 41 diputaciones, 7 cabildos, 4 consejos insulares, 17 autonomías calcadas de la administración central con consejos consultivos, fundaciones, defensores del pueblo, etc..., además de dos ciudades autónomas, 80.000 cargos públicos, 1.256 diputados autonómicos, 350 diputados, 264 senadores, 1.030 diputados provinciales, 3.186.000 funcionarios... Todo ello en una población de 47 millones de habitantes, de los que 4.910.000 (20%) están desempleados.

4) Aboga también por reducir el número de diputados nacionales a 300, "como propuso Rajoy en varias ocasiones".

5) El Estado debe “recuperar competencias transferidas a las comunidades” para acabar con la “carga ideológica” que se transmite en las aulas de lugares como Cataluña.

6) Debe retomarse una unidad mínima en los planteamientos educativos porque ahora hay 17 legislaciones independientes y estancas.

7) No es de recibo que los españoles tengan problemas para ser atendidos en otras comunidades, ni que nuestros escolares, al margen de imposiciones lingüísticas, ignoren la historia común.

8) Es necesario plantearnos si realmente España precisa de 50 universidades públicas y 24 privadas, con 100.000 empleados a su servicio y presupuestos que superan los 6.700 millones de euros con unos estándares de calidad que ubican a la mejor en el puesto 180 entre todas las del mundo.

9) Posiblemente la enseñanza universitaria no deba ser gratuita. Las universidades han de ser capaces de seleccionar, atraer y becar los mejores expedientes.

10) Reducir a la mínima expresión el Estado. Sobre las 4.023 empresas, fundaciones y consorcios públicos, que hay en España piden una reestructuración de cara a su privatización, integración o liquidación.

11) En Galicia sobran 200 -todos los de menos de 5.000 habitantes- de los 315 ayuntamientos. Además esa fusión, el lobby recomienda que se haga “de arriba abajo”, y no de manera voluntaria.

12) Reformar o, en su caso, suprimir diputaciones.

13) Incentivos fiscales para los familiares que presten a emprendedores. Es decir, estimular los préstamos para montar negocios por razón de parentesco.

14) Más tradicionales fueron sus peticiones de rebajas en el Impuesto de Sociedades y las cuotas para los autónomos.

15) No deberíamos obsesionarnos con la política de recortes. La subida de impuestos es un recurso fácil, pero no es imaginativo ni innovador.

16) En el mercado laboral, suscriben las demandas de la CEOE para que se simplifiquen los tipos de contrato e ir hacia el contrato único, con indemnizaciones por despido de 20 días.

17) Esfuerzos contra el fraude fiscal.

18) Un mix energético que no descarte la energía nuclear.

19) Reducir y simplificar las normas administrativas.

20) El saneamiento de la banca.

21) Las televisiones públicas, cuyo coste de mantenimiento superó los 1.100 millones de euros, mientras que las pérdidas acumuladas en 2010 alcanzaron los 1.600 millones, lo que supone 118 euros por hogar. Urge la racionalización de este gasto, sin descartar su privatización o cierre, para lo que habría que proceder a realizar los cambios pertinentes.

Despois de ler tal fileira de boutades, xorden algunhas preguntas inevitables:

1) ¿Imaxínanse vostedes aos socios do Celta, ou aos socios do club de petanca de Matamá, cuspindo as mesmas opinións, co mesmo fundamento?

2) Entende o CFV cál é o seu papel e cáles son os seus límites?

3) Realmente, cántos dos 641 asociados que figuran, con nome ou razón social, na páxina web do CFV subscriben este documento?

4) ¿Son conscientes os empresarios asociados a este Círculo do despropósito que supón deixar que se utilice o seu nome para isto?

5) Trátase simplemente dunha estratexia de reality show para darlle visibilidade ao seu club social?.

6) Si realmente esta é a opinión maioritaria do empresariado, ¿qué clase empresarial ten este país?.

quinta-feira, 5 de janeiro de 2012

Isaac Díaz Pardo, empresario

Non vou falar do pintor, nin do escritor, nin do intelectual, nin do artista. Abondan voces máis autorizadas ca min para facelo.

Interésame traer aquí unha faceta da vida de Isaac que sendo moi coñecida foi, na miña opinión, pouco recoñecida. A de empresario.

E non só polo fito histórico de ter fundado, en plena longa noite de pedra dos anos sesenta, Cerámica de Sargadelos e Cerámicas do Castro.

Eu valoro, sobre todo, o seu traballo como dirixente empresarial cunha visión clara dos obxectivos superiores aos que debería servir o negocio.

Coido que é un dos poucos exemplos que se poden atopar de competir con éxito baseándose en intanxibles como a cultura, a tradición, mesmo a idea utópica de país, para vender un produto industrial como son as vaixelas. Os compradores galegos de Sargadelos, ou O Castro, non compran pratos ou imaxes decorativas, están comprando un anaco do imaxinario de país que podería ser e non foi. Os foráneos identifican a marca con Galicia. Regalar un agasallo Sargadelos é regalar Galicia. Aínda hoxe, penso, segue a ser o produto industrial que máis se identifica con Galicia.

Pero todo isto non é consecuencia do azar. É froito dun traballo constante e meticuloso. A recuperación do entorno da antiga Fábrica de Sargadelos, a reivindicación da figura histórica de Antonio Ibáñez, Marqués de Sargadelos, a creación de Edicións do Castro, o Seminario de Estudios Galegos, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego da Información, o proxecto do Xornal Galicia, son todos enormes empeños persoais de Isaac que contribuíron a ir conformando paseniñamente esa identificación de Sargadelos e cultura, de Sargadelos e Galicia.

Interésame tamén a claridade de ideas que sempre mostrou para entender a importancia da innovación para competir. E non estou pensando no deseño artístico das pezas, pois isto é consubstancial ao propio produto que vendía, senón sobre todo á súa capacidade para buscar sempre solucións enxeñosas, cando non radicalmente novidosas, que melloraban notablemente os procesos de produción, ou desenvolvían novas liñas de produto. Son coñecidos os enormes esforzos, en tempo e recursos, que dedicou a investigar na fabricación de vidro, por exemplo.

Por último, sempre me resultou admirable o clima laboral que foi quen de crear e a súa capacidade para motivar á xente. Nos anos setenta e oitenta só había que entrar na fábrica para darse conta que dende o punto de vista das relacións laborais Sargadelos era un oasis no medio do páramo que era a produción industrial en Galicia.

Co pasamento de Isaac Díaz Pardo vaise unha boa parte do que foi a Galicia do século XX. Pero desaparece tamén a evidencia de que se pode ser empresario de éxito sen necesidade de traizoar ideais nin principios morais nin renunciar ao compromiso político. 

terça-feira, 3 de janeiro de 2012

Responsabilidade social e patrimonio persoal

Escribe hoxe José Luis Gómez en El País, a propósito da compra da Torre Picasso de Madrid por Amancio Ortega, a cerca das escasas mostras de filantropía, mecenado, e mesmo de solidariedade, do empresario coruñés. E aproveita para lembrar a inmensidade da súa fortuna. Segundo a revista Forbes o home máis rico de España, o segundo de Europa e o sétimo do mundo, con 31.000 millóns de dólares.

Ao meu ver, este asunto pode analizarse dende dous planos diferentes. En primeiro lugar, e máis importante, o da presumible responsabilidade social dos empresarios de éxito, alimentada ultimamente polos exemplos de Bill Gates e Warren Buffett.

Penso, como apunta tanxencialmente José Luis Gómez, que a gran responsabilidade do empresario é ter éxito no seu negocio, pois é así como se xera emprego e se distribúe riqueza. Máis alá disto, que no caso de Inditex e Amancio Ortega é indiscutible, o que faga un cidadán -tamén Amancio Ortega- co seu patrimonio persoal é un asunto que lle incumbe exclusivamente a el, e aquí todas as decisións son lexítimas.

Agora ben, se ese cidadán se sinte socialmente valorado e implicado coa súa comunidade e decide aportar unha parte do seu patrimonio para accións sociais de interese público, mellor que mellor. Si Amancio Ortega non o fixo, cabería preguntarse polas causas desa falta de implicación. ¿Terá algo que ver coa actitude que mantiveron cara a el os poderes fácticos coruñeses nas primeiras etapas da súa actividade empresarial?. Lembremos os difíciles e modestos inicios do que hoxe é Inditex, os apoios recibidos e a falta de apoios, cando o todopoderoso lobby coruñés -coido que non é preciso lembrar aquí a súa composición- non consideraba que un fabricante de batas de casa e roupa barata fose digno de sentarse na súa mesa camilla. Aquela na que se deseñaban, con aires de grandeza, as estratexias capitalinas.

En segundo lugar, sorprenden os destinos que José Luis Gómez ten pensados para o patrimonio de Amancio Ortega: converter a Universidade da Coruña en referencia mundial e colocar ao Deportivo na Champions. Primeiro, porque son obxectivos exclusivamente localistas, esquecéndose das tan frecuentes alusións recentes á Galicia Única e ás estratexias de país -¿terá que ver co paso de Xornal a Localia?-. Segundo, porque son dous asuntos ben dispares, imposibles de equiparar dende algún punto de vista que non sexa a megalomanía da cidade herculina.

A respecto do tema universitario, ¿sería máis fácil a implicación de Ortega si a Universidade da Coruña tivese dado algunha mostra de utilidade para os intereses de Inditex?, seguramente si.

En canto ao futbolístico, parece que a Ortega lle motiva máis o deporte ecuestre. E non hai nada que engadir. Cada quen dedícase aos hobbys que lle interesan.

sábado, 19 de novembro de 2011

Bancos malos, capitalismo con rede

Promotores inmobiliarios e bancos andan presionando para crear un banco malo no que concentrar tódolos activos tóxicos (créditos ao sector inmobiliario, vivendas, solo, etc.) e así sacalos dos balances dos bancos. Desta maneira, liberaríanse recursos cos que poder reactivar os fluxos de crédito a familias e empresas.

Ese banco malo mantería eses activos todo o tempo necesario, ata que a reactivación da demanda permita sacalos ao mercado. Con outras palabras, trátase de evitar que eses activos perdan valor e que, co paso do tempo, os seus propietarios se vexan obrigados a baixar os prezos para desfacerse deles.
Loxicamente, a creación dese banco malo faríase con recursos públicos (débeda soberana), cos que se lles compraría aos promotores inmobiliarios e ás entidades financeiras todos os activos tóxicos aos prezos cos que os teñen valorados nos seus balances. As estimacións din que se precisarían nada menos que 170.000 M €.

Un exemplo máis de cómo a clase empresarial entende o libre mercado. Mentres as cousas van ben, desregularizar, liberalizar, privatizar, minimizar o estado. Cando os negocios saen mal, debe ser o estado o que asuma as perdas.
Nada novo. As eléctricas, as concesionarias de servizos públicos, as caixas de aforros, os fabricantes de automóbiles, as grandes construtoras de obra pública, ..., hai tempo que se veñen lucrando desta tan sui generis lóxica capitalista.

sábado, 22 de outubro de 2011

A lei do funil do empresariado español

Lía onte en Expansión que os empresarios (CEOE e Cepyme) fixeron público un documento que leva por título “Soluciones de los empresarios para afrontar la crisis”. Lendo isto, calquera podería pensar que, por fin, as patronais lograron deseñar unha folla de ruta que baseándose en estratexias empresariais, nos permita saír da crise.

Non se faga ilusións o lector. Nada máis lonxe da realidade. O documento non é máis que un decálogo de prebendas que a patronal lle esixirá ao próximo goberno. Ou sexa, o de sempre e coma sempre. Aí van:

1. Redución do gasto corrente. O groso do axuste debe realizarse reducindo o gasto público corrente: simplificando a estrutura administrativa, reducindo o tamaño do sector público, e aproveitando a colaboración público-privada. Aproveitemos a crise para reducir o sector público e substituílo por negocio privado.
2. Redución dos impostos. Mantemento constante do total da carga fiscal e reforma do sistema tributario: redución substancial das cotizacións sociais; a rebaixa da imposición sobre o aforro e a simplificación e redución do Imposto de Sociedades. Se hai que manter a carga fiscal para financiar todas as axudas que reclamamos, que outros paguen máis para nos pagar menos e cobrar máis.

3. Reforma del mercado laboral e da negociación colectiva. Un novo pacto de moderación salarial para o período 2012-2015; simplificación da lexislación laboral e do número de contratos para facer atractiva a contratación indefinida con unha redución substancial do custe do despido, que debe situarse en vinte días por ano traballado, con unha contía máxima de doce meses de salario; a creación de novos contratos a tempo parcial e de formación; a eliminación da referencia da inflación para fixar os salarios na negociación colectiva, e o impulso de máis liberdade para que o empresario poida organizar o cadro de persoal para atender á evolución do mercado. Hai que facilitar o convenio de empresa e a posibilidade de incumprir o do sector si elo pon en perigo a viabilidade da compañía. Tamén, unha nova lei de folga, favorecer a solución extraxudicial dos conflitos laborais. Modernicemos as relacións laborais. Desregularización. Acabemos dunha vez con esta lexislación laboral marxista que herdamos do franquismo. O acaído é un pacto bilateral traballador-empresario sen interferencias. A seguinte petición será a ilegalización dos sindicatos por perturbadores do clima laboral e innecesarios neste novo contexto.

4. Restablecemento do crédito e da liquidez para as empresas. Concluír o proceso de reestruturación do sistema financeiro; xestionar a súa reestruturación con criterios transparentes e que eviten a distorsión da competencia; o cumprimento estrito da lei de morosidade por parte das Administracións Públicas; o recoñecemento da débeda das Administracións Públicas con subministradores e establecer un calendario de pagos. A compensación das débedas tributarias e da Seguridade Social con débeda das Administracións Públicas coas empresas. Por suposto, é o estado, non os bancos que son dos nosos, o que ten que asumir o custo da reestruturación do sistema financeiro e o que ten que cumprir estritamente a lei de morosidade, as empresas non.
5. Unidade de mercado e fomento do espírito emprendedor. Unificar a lexislación que afecta á actividade empresarial, aprobar unha Lei de Garantía de unidade de mercado. Elevar a valoración social da figura do empresario e da economía de mercado, reducir os custes de financiamento das empresas que empezan, crear un réxime especial na política fiscal e laboral para as empresas de nova creación. Aproveitemos para acabar con esta leria das comunidades autónomas. É curioso que a esixencia de unidade de mercado non se refira ao conxunto da Unión Europea, ¿Será que cara á competencia foránea si nos veñen ben as "peculiaridades" normativas da lexislación española?. É un bo momento tamén para elevar por decreto a valoración social do empresario, xa que documentos coma este non contribúen demasiado.

 6. Aposta decidida polo proxecto de construción europea. Cumprimento estrito das regras da UE, sobre todo das regras fiscais. Non obstante, na transposición da lexislación debe terse en conta o seu impacto sobre a competitividade da economía española. Máis presenza de España nas decisións europeas. Normativa europea si, pero só a que nos favoreza. As restantes normas hai que adaptalas ás nosas comenencias. E tamén, por decreto, máis peso de España nas decisións europeas.
7. Mellora do sistema educativo. Ampliar a liberdade das familias e a participación do sector privado. Potenciar a formación profesional, a mellora da relación entre a empresa e o sistema educativo e o impulso do coñecemento de idiomas e das novas tecnoloxías. Avancemos, sen présa pero sen pausa, no proceso de privatización da ensinanza. É un enorme mercado cautivo -que son os que nos gustan- que non podemos desaproveitar.

8. Aposta pola I+D+i. Mantemento do esforzo inversor en I+D+i; a mellora da fiscalidade da actividade de investigación e desenvolvemento; o reforzamento dos sistemas de financiamento da I+D; o incentivo á participación de empresas españolas en proxectos europeos; a elaboración dun plan de desenvolvemento nacional dixital, e a busca de alternativas ao canon dixital. Se o esforzo inversor en I+D+i é baixo, en relación ao de outras economías semellantes, débese en gran medida ao ridículo esforzo privado. O gasto público é máis homologable. Por iso só pedimos que se manteña, non que se incremente. Pero o máis importante, o gasto "privado" ten que ser subvencionado ben con medidas fiscais, ben con financiamento público blando, ben con axudas directas ás empresas para que concorran ás convocatorias europeas. Nunha palabra, a aposta pola I+D+i, pola súa importancia, ten que ser 100% pública. Os resultados xa nos encargamos de rentabilizalos nos.     

9. Redeseño das políticas enerxéticas. Adecuado equilibrio entre uns prezos competitivos e unha axeitada remuneración do sector; un pacto de Estado que garanta unha seguridade xurídica necesaria para realizar investimentos a longo prazo, e que se integre a España no mercado de enerxía da UE. A incesante suba dos prezos da enerxía é un problema importante para as empresas. Pero as empresas enerxéticas son dos nosos -e tan importantes coma os bancos-, polo que ten que ser o Estado o que abone a diferenza entre o prezo da enerxía -exclusivamente a de consumo empresarial- que nos consideremos axeitado e o prezo que as empresas enerxéticas consideren que deben cobrar.Por outro lado, independentemente de que a liberdade de mercado garanta aos propietarios das enerxéticas o seu dereito de vender a quen consideren as súas participacións, o Estado ten que garantir a integración de España no mercado de enerxía da UE, aínda que xa non teñamos empresas de enerxía. Os nosos amigos, rusos, alemáns ou mesmo mexicanos, si as teñen.

10. Aumentar a dotación orzamentaria para a internacionalización  Aumentar a partida de gasto público destinada á internacionalización das empresas, a mellora do tratamento fiscal das actividades de exportación e investimento e a reforma do marco institucional de apoio á internacionalización de forma que sexa máis áxil e adaptado ás necesidades das empresas. Que se eliminen as restricións aos instrumentos de financiamento da internacionalización. Conscientes da importancia que a internacionalización e o incremento do volume de exportacións  ten para o país, debe ser o Estado o que asuma os custos dese esforzo que nos estamos dispostos a facer polo ben do país.
Esta é a clase empresarial que temos. Con un par.

Sen máis comentarios...

quinta-feira, 6 de outubro de 2011

Steve Jobs

Sempre fun anti-apple. Cando chegaron os primeiros Mcintosh, non podía entender como había xente que os prefería aos microsoft, se non era por puro snobismo.  Eu que viña do ms-dos e de programar en fortran e en cobol, solo vía nos Mac aparatos con menos capacidades e practicamente sen software comercial dispoñible.

Máis tarde, recoñezo que para determinadas actividades -textos matemáticos ou composición periodística-, Mac  era mellor.  Sen embargo, para o uso común, non especializado, seguían sen ofrecer apenas avantaxes. Ata o punto de que houbo unha época en que se vendían como aparellos duais capaces de traballar en entorno Mac ou en entorno windows.  Sen embargo, cada vez había máis talibáns de Mac, que coincidían en boa medida cos que compraban coches Saab -algúns, Volvo-.

Co boom dos miniportátiles, recoñezo que algún deseño de Apple era espectacular. Pero eu decanteime por Toshiba, que ofrece aparellos máis pequenos e máis potentes.
Moitos anos despois, chegou o i-phone e eu prefería os teléfonos Nokia ou as pda HTC, e despois as Black Berry. Seguía sen entender as maravillosas avantaxes que seica ofrecía Apple.  

Finalmente, sucumbín a Apple, comprando un ipad. O xoguete tecnolóxico ao que menos uso lle din de tódolos que tiven ata o momento. Aínda non sei onde está a súa superioridade a respecto dun mini pc.
Dito todo isto, estou enteiramente de acordo con tódalas gabanzas que ao longo do día de hoxe se levan feito deste home. Interésanme, sobre todo, a súa capacidade para imaxinar "solucións imposibles" e as súas habilidades para liderar e motivar aos colaboradores ata conseguilas.

Unha gran perda porque, sen ningunha dúbida, se o cancro non se cruzase no seu camiño, quedábanlle aínda moitos trebellos imposibles que ofrecernos.

terça-feira, 27 de abril de 2010

Un honoris causa para Amancio Ortega

Sorprende o desapego que a empresa autóctona máis importante e máis internacional que temos en Galicia a respecto de todo o que ten que ver co país. E sorprende, na mesma medida, o desapego que o país ten a respecto da empresa autóctona máis importante e máis internacional que ten.

Ikea, cunha traxectoria en tantas cousas semellante a Zara (Inditex), fai bandeira do seu país e exhibe, con orgullo, as súas raíces suecas por todo o mundo. Pola contra, Zara semella máis ben unha empresa apátrida, sen a mínima referencia, nunca ás súas orixes.

Certo que Ikea, ao fin e ao cabo vende madeira e Suecia e un país de tradición forestal e boas madeiras. Quizás neso non haxa paralelismo co caso que nos ocupa. Pero máis alá diso, Ikea e Suecia xeneran sinerxías virtuosas.

Teño visto, por exemplo, nas tendas de Ikea produtos delicatessen suecos, ou publicidade turística dese país nórdico. Pensen, por un momento, que escaparate, as tendas Zara en todo o mundo, para as nosas mellores conservas de peixe. Ou que publicidade para as nosas praias e outras riquezas paisaxísticas.

Á súa vez, o goberno sueco presume de ter unha empresa como Ikea. Aquí, faise referencia a Zara ou a Inditex unicamente nas estatísticas de exportacións... e pouco máis.

Precisamos, como país, recuperar a Zara como bandeira da nosa capacidade empresarial e do que os galegos somos quen de facer.

Propoño, pois, como primeiro paso, que tome a iniciativa quen corresponda e, conforme a ese modelo de Galicia única que propugna o presidente Núñez Feijóo, se promova o nomeamento de Amancio Ortega doutor honoris causa pola universidade galega.

Si, dixen ben, universidade galega: unha universidade, tres pistas... ou sete pistas. Non sei moi ben cantas pistas lle corresponderán, porque así como nos aeroportos está claro: un aeroporto, tres pistas; e nas caixas de aforros tamén: unha caixa, dúas pistas; quizás nas universidades poderíamos aproveitar para darlle algunha pista a Lugo e a Ourense... probiños.

domingo, 18 de abril de 2010

A culpa é do Just in Time?

Hai uns anos titulaba o Faro de Vigo "mexar Just in Time", para recoller o malestar sindical na planta PSA cando comezaron a aplicarse procedementos xusto a tempo.

Onte, publicaba Atlántico Diario un editorial que levaba por título "la culpa es del Just in Time", referido ao problema destes días en Citroën, consecuencia de que un provedor de segundo nivel, subministrador de Faurecia, deixou de subministrar e ademais negábase a devolver uns moldes vitais para fabricar noutra empresa os compoñentes que ela viña producindo. Concentraba Atlántico Diario as culpas no Just in Time, abogando, incluso, pola conveniencia de constituír stocks de seguridade para evitar este tipo de riscos.

O Just in Time é, despois da cadea de montaxe fordista, a meirande innovación que se ten producido no século XX nos procesos de produción de gran volume. Non só polos incrementos de eficiencia que provocou, senón, sobre todo, porque cambiou os criterios competitivos, permitindo fabricar produtos personalizados -mass customization- a precios de produto estándar.

En determinados sectores, nomeadamente os de produtos tecnoloxicamente complexos, ningunha empresa podería competir sen aplicar criterios Just in Time. Do mesmo xeito que a ninguén se lle ocorrería hoxe fabricar produtos de gran volume sen aplicar un proceso de produción fordista.

Porén, o caso destes días en Citroën, deixa en evidencia como as empresas occidentais, en xeral, esqueceron na implantanción do Just in Time, unha parte fundamental do asunto. Todo o relativo á relación con provedores. O éxito das empresas xaponesas estaba baseado nunha axeitada selección de provedores, fundamentada, antes que nada, nun clima de confianza, lealdade e fidelidade do provedor, compartindo con este os beneficios derivados deste modo de produción. En occidente, pola contra, optouse por aplicar ás empresas provedoras toda a presión do Just in Time, sen ofrecerlles ningunha compensación. López de Arrriortúa foi, no seu momento, un dos máximos exponentes deste comportamento.

En ausencia de cooperación, formuladas as relacións provedor-cliente en termos de conflito, cada parte do proceso fai valer as súas armas. No caso da empresa do Bierzo DDM (Diseño y Desarrollo de Matricería) interromper o subministro e quedarse cos moldes que lle había facilitado Faurecia para fabricar diferentes compoñentes do salpicadero do C4 Picasso. A orixe do problema é que Faurecia rescindiu diversos contratos de produción coa empresa de Ponferrada, a que, previamente, había realizado unha grande inversión na súa fábrica precisamente para poder atender a demanda de Faurecia.

A culpa é do Just in Time ou da nosa -occidental- particular visión das relacións comerciais interempresariais?

sábado, 13 de fevereiro de 2010

Capitán Pescanova fronte ao Caballero Abel

Sorprende comprobar como nos últimos días un dos empresarios máis recoñecidos do país baixa á area política e entra nun corpo a corpo desabrido co alcalde de Vigo. D. Manuel Fernández de Sousa-Faro, presidente de Pescanova, S.A., estase erixindo así no ariete do bando profusión en Vigo. Entrevista durísima hai uns días en El País, que repite hoxe en La Voz de Galicia.

Aproveitando a indiscutible imaxe de Pescanova como un dos máximos expoñentes empresariais da galeguidade -dende Vigo-, constrúe un discurso coherente onde os intereses de Galicia priman por riba dos localismos espurios que defende Caballero. Utilizando palabras grosas "Abel Caballero está incurriendo en los límites del delito", acusa ao alcalde de mentir e de enganar á cidadanía "No se puede convocar una manifestación sin informar bien a la gente. Si los que fueron supieran que el riesgo de la tesis del alcalde es una más que posible deslocalización de las cajas, probablemente no hubieran ido". Non explica, porén, coma todos os que están no bando profusión, en qué datos se sustenta a viabilidade futura da opción que el defende.

Sendo lexítima e respectable a opinión de D. Manuel, convén non esquecer un par de datos que, non por públicos e coñecidos, deixan de ser relevantes.

Primeiro, Caixa Galicia posúe o 20% do capital de Pescanova, S.A., segundo máximo accionista despois do propio D. Manuel. Caixa Galicia é ademais, un dos principais acreedores financeiros da empresa. É pois, un socio imprescindible de D. Manuel.

En segundo lugar, Pescanova, S.A. acaba de ver como o goberno de Núñez Feijóo autoriza de novo o macroproxecto de piscifactoría en Cabo Touriñán. Proxecto que como se recordará fora paralizado polo goberno bipartito co argumento de que estaba en espazos protexidos pola Red Natura. Aquela decisión provocou que Pescanova tivese que localizar a súa planta acuícola en Mira (Portugal).

Así pois, sendo indiscutible que Abel Caballero tomou este asunto das caixas como unha bandeira electoral coa que, pensa, pode gañar as vindeiras eleccións municipais, non é menos indiscutible, penso, que o que subxace ao pretendido discurso de galeguidade de D. Manuel son os intereses económicos de Rodolfo Langostino. Llevame a casa...

quinta-feira, 4 de fevereiro de 2010

Falou un self man

Falou Adolfo Domínguez, tan innovador deseñando pantalóns, tan clásico dando receitas de economía e xestión. Soe pasar. unha boa parte dos homes de éxito, eses que da nada chegaron a un certo nivel -neste caso moi relativo- de éxito empresarial, acaban imbuídos dunha prepotencia tal que se senten en posesión de tódalas claves para solucionar o mundo.

Case nunca se paran a reflexionar sobre os verdadeiros motivos do seu éxito. Descreen da continxencia, están convencidos que eles, que foron quen de chegar tan alto, serían quen de triunfar do mesmo xeito en calquera outra circunstancia. Tamén sen subvencións públicas, seguramente.

E xa ven, tanta traxectoria para volver ao taylorismo máis rancio, de principios de século pasado. É o que teñen as receitas clásicas, nunca pasan de moda. Ao contrario que lles ocorre aos pantalóns, que mesmo os enrugados acaban quedando out.

Imaxinabamos que unha persoa que aparentemente basea a súa actividade empresarial na innovación, no deseño, esforzaríase por crear un ambiente de traballo agradable e favorecedor da creatividade. Unhas condicións laborais orientadas a reter aos traballadores máis valiosos. Pero non, como tantos outros self man, está convencido que son máis efectivas as medidas disciplinarias e o despotismo. Seica é o único xeito de eliminar a preguiza que está acabando con nos.

E tamén como tantos outros, non acredita no criterio de ninguén que non se enfronte ao reto de pagar unha nómina. Que fermoso sería un mundo no que só existisen self man. Aturaríanse?

No faiado