Mostrando postagens com marcador desemprego. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador desemprego. Mostrar todas as postagens

quinta-feira, 8 de abril de 2010

Afiliación á Seguridade Social (atendendo a petición dun amable lector)

O número de cotizantes en Galicia en marzo de 2010 foi de 1.007.875, o que representa un aumento do 0,15% respecto ao mes anterior. Pero son 23.996 afiliados menos que no mes de marzo de 2009, o que supón unha caída interanual do 2,33%.

No conxunto do Estado o número de afiliados incrementouse en 22.457 (+0,13% respecto a febreiro de 2010), polo que o total de afiliacións ao remate do pasado mes era de 17.594.808.

Este aumento é o segundo que encadea a afiliación á Seguridade Social despois dos 26.000 novos cotizantes que gañou en febreiro. No último ano perdéronse 463.313 afiliados, un 2,57% menos.

Galicia situouse como a cuarta comunidade -por detrás de Baleares, Cantabria e Cataluña- na que máis subiu a porcentaxe media de afiliados en relación a febreiro de 2010.

No réxime xeral estaban dados de alta en Galicia en marzo 734.721 persoas -fronte ás 732.964 de febreiro de 2010-. No réxime de autónomos rexistrouse un descenso situándose en 223.701, fronte aos 223.943 do segundo mes do ano. O colectivo de empregados do fogar rexistrou un leve incremento de afiliados -pasando de 20.516 de febreiro a 20.569-.

En España o réxime xeral foi o que rexistrou un maior aumento da afiliación, ao gañar 32.691 ocupados no mes de marzo, un 0,25% máis, respecto a febreiro. O réxime especial de traballadores do fogar incrementouse un 0,86% e o réxime de autónomos sumou 873 afiliados máis en marzo, 0,03% máis que en febreiro. Co repunte de afiliados de marzo, o réxime xeral ten 13.255.716 ocupados, 393.326 menos que hai un ano (-2,88%), mentres que o réxime de autónomos suma 3.134.666 ocupados, acumulando unha perda de 118.603 afiliados no último ano (-3,65%).

quarta-feira, 7 de abril de 2010

Continúa a destrución de emprego

Despois de que no mes de febreiro o comportamento do paro rexistrado en Galicia, non sendo bo, fose sensiblemente mellor que a media española –un incremento mensual do 1,10%, fronte ao 2,03% de España-, no mes de marzo o incremento en Galicia sitúase lixeiramente por riba da media do estado -0,97% en Galicia, 0,87% en España-, co que se volve á tendencia iniciada en setembro de 2009, con cifras, mes tras mes, significativamente superiores en Galicia (véxase o gráfico 1).

Gráfico 1. Evolución mensual do paro rexistrado

A cifra total de parados alcanza en Galicia os 236.449 desempregados, 24.965 máis que hai un ano (un incremento do 11,80%), e en España 4.166.613, sumando no último ano 561.211 persoas (un incremento do 15,57%).

En Galicia, o incremento distribúese así: colectivo sen emprego anterior 1.030 parados máis, industria 500, servizos 441, construción 428 e agricultura 121 desempregados máis.

Sendo preocupante esta tendencia nas cifras globais, é máis alarmante o que está ocorrendo no emprego industrial.

A industria en Galicia ten un peso no PIB sensiblemente superior á media española, moi por riba do que ten en comunidades como Madrid e Andalucía e preto dos niveis das rexións máis industriais, Cataluña e País Vasco (véxase o gráfico 2).

Gráfico 2. Peso da industria na economía (% do PIB)

É por iso que resulta especialmente negativo para a nosa economía que nos últimos seis meses a industria galega estea perdendo, de xeito continuado, máis postos de traballo que a media española (véxase o gráfico 3).

Gráfico 3. Evolución mensual do desemprego na industria

Despois dun ano de goberno, sería bo que a Xunta de Galicia presentase algunha iniciativa -máis aló do reparto discrecional de millóns de euros a determinadas empresas- coa que, ao menos mostrase que ten algunha preocupación por estes asuntos.

terça-feira, 2 de fevereiro de 2010

Datos de paro rexistrado xaneiro 2010: máis do mesmo

Por quinto mes consecutivo o paro rexistrado increméntase máis en Galicia que no conxunto do estado (véxase o gráfico). A cifra total de parados elévase en Galicia a 231.628 -en España 4.048.493-. Aínda así, debido ao mellor comportamento dos datos galegos nos tres primeiros trimestres do ano pasado, o incremento interanual foi en Galicia notablemente inferior ao español, 15,06% fronte ao 21,66%.

Gráfico 1. Variación mensual paro rexistrado (xaneiro 09-xaneiro 10)

Sería o momento de que o goberno de Núñez Feijóo empezase a gobernar. Pero como vimos repetindo aquí con insistencia, este goberno non ten políticas económicas, nin industriais, nin de emprego. Nin a curto prazo, nin, moito menos, a longo. Nin as ten nin cree que deba telas. A concepción que ten da política o seu presidente está lonxe de cuestións tan áridas e duras -véxase: Política de regate curto mirando á galería-. É máis rendible politicamente enredar co que se ven enredando.

Ao menos si sabe cáles son os asuntos que realmente apaixoan á afección. Esta é a nova política: a política emocional.

sábado, 30 de janeiro de 2010

EPA: cifras de paro e taxas de actividade

Publicouse a EPA (enquisa de poboación activa) correspondente ao cuarto trimestre de 2009. Para o conxunto de España, o número de parados aumenta en 203.200 persoas respecto ao trimestre anterior, un 4,93% máis, e sitúase en 4.326.500. A taxa de desemprego aumenta nove décimas, situándose no 18,83%. A maior taxa de paro da Unión Europea despois de Letonia. A cifra de desempregados incrementouse en 1.118.600 persoas nos últimos 12 meses, un 34,87% de incremento interanual.

Para Galicia, o paro aumentou en 6.200 persoas respecto ao terceiro trimestre, un 3,81%, e sitúase en 168.400, un 30,53 % máis que un ano antes.

Así pois, en termos absolutos, a situación do emprego en Galicia, sendo moi mala, é mellor que a media do estado. Unha taxa de paro do 12,88%, fronte ao 18,83%, e un incremento no último trimestre do 3,81% fronte ao 4,93% estatal. Sen dúbida, esta menor incidencia do paro en Galicia é debida ao menor peso da construción e do turismo no noso modelo produtivo. Non debemos esquecer, porén, que nos datos de paro rexistrado publicados hai un mes, percibíase que nos tres últimos meses de 2009 as taxas de incremento do paro en Galicia eran sensiblemente superiores ás do conxunto do estado (véxase: Apunte breve sobre os datos de paro rexistrado: luces vermellas en Galicia).

Convén reparar, sen embargo, nas taxas de actividade (activos divididos por poboación maior de 16 anos). En Galicia, 54,79%, fronte ao 59,76% no conxunto de España. É dicir, en Galicia temos un 5% menos que o conxunto do estado de poboación en idade de traballar que efectivamente está traballando ou busca emprego. Ao contrario do que puidera parecer, esta diferenza respecto á media española é o dobre de grande entre a poboación masculina (62,14% fronte ao 68,14%) que entre a feminina (48,07% fronte ao 51,70%). Este dato é relevante, pois significa que temos unha poboación menos competitiva -sobre todo a masculina-, en relación á actividade laboral, que a media do estado.

terça-feira, 5 de janeiro de 2010

Apunte breve sobre os datos de paro rexistrado: luces vermellas en Galicia

Hoxe publicáronse os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de decembro de 2009. A cifra total de parados elévase en Galicia a 222.839 -en España 3.923.603-. É dicir, o paro galego representa o 5,68% do total do Estado, porcentaxe que se sitúa moi lixeiramente por debaixo do que representamos en poboación 5,95%. Nos tres primeiros trimestres do ano que rematou o comportamento das cifras de paro foi sensiblemente mellor en Galicia que no conxunto de España. Sen embargo, dende o mes de setembro a evolución en Galicia é alarmantemente peor que a media estatal (véxase o gráfico).

Gráfico 1. Variación mensual do paro rexistrado 2009

Este dato pode ser o inicio da constatación de algo que aquí vimos repetindo con insistencia, este goberno da Xunta de Galicia non ten políticas económicas, nin industriais, nin de emprego. Nin as ten nin cree que deba telas. A concepción que ten da política o seu presidente está lonxe de cuestións tan áridas e duras -véxase: Política de regate curto mirando á galería-. É máis rendible politicamente enredar co que se ven enredando.

No faiado