Mostrando postagens com marcador Galicia. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Galicia. Mostrar todas as postagens

terça-feira, 12 de fevereiro de 2013

Domingos Paciência, o adestrador con menos paciencia

Hai poucos días comentabamos aquí o acaído que parecía que o Deportivo fichase a un adestrador chamado Paciência. Certamente, cando se vai de último, e co club en concurso de acredores, o que compre é ter paciencia. E se non hai paciencia, cómprase, pensou Lendoiro.
 
Pero non foi tal. Aconteceu que contradicindo de xeito radical o que o seu propio nome suxería, o Domingos Paciência resultou ser o adestrador do mundo con menos paciencia. Ás primeiras de cambio saíu correndo. Aducindo veladamente a que o problema do equipo está en que os xogadores levan meses sen cobrar.
 
Desbarátase así a intelixente estratexia de Lendoiro, que buscaba coa fichaxe de Paciência un escudo protector que tapase a nefasta xestión do club nos últimos anos. Agora fica totalmente exposto. Xa apareceron as primeiras pintadas en Riazor pedindo a súa dimisión. 
 
Unha mostra do nerviosismo do presidente é o erro, impropio nel, que cometeu na elección do substituto de Paciência. E non polas características e capacidades do novo adestrador. Ao contrario, cremos que Fernando Vázquez é un boísimo adestrador. Pero, ¿cando se viu no norte un equipo de portugueses e cun adestrador do Celta?. O mundo ao revés. A este paso, os chorvos da Coruña acabarán sendo ghichinhos...
 
Para seguir nesa liña, por un módico prezo pódeselles facer unha adaptación da foliada... "dixéronlle ó presidente, os de tribuna cuberta dixéronlle ó presidente, pra temporada que ven temos que cambiar de xente"...

domingo, 6 de janeiro de 2013

Isaac Díaz Pardo, empresario (reedición no primeiro cabodano)

Non vou falar do pintor, nin do escritor, nin do intelectual, nin do artista. Abondan voces máis autorizadas ca min para facelo.
 
Interésame traer aquí unha faceta da vida de Isaac que sendo moi coñecida foi, na miña opinión, pouco recoñecida. A de empresario.

 
E non só polo fito histórico de ter fundado, en plena longa noite de pedra dos anos sesenta, Cerámica de Sargadelos e Cerámicas do Castro.
 
Eu valoro, sobre todo, o seu traballo como dirixente empresarial cunha visión clara dos obxectivos superiores aos que debería servir o negocio.
 
Coido que é un dos poucos exemplos que se poden atopar de competir con éxito baseándose en intanxibles como a cultura, a tradición, mesmo a idea utópica de país, para vender un produto industrial como son as vaixelas. Os compradores galegos de Sargadelos, ou O Castro, non compran pratos ou imaxes decorativas, están comprando un anaco do imaxinario de país que podería ser e non foi. Os foráneos identifican a marca con Galicia. Regalar un agasallo Sargadelos é regalar Galicia. Aínda hoxe, penso, segue a ser o produto industrial que máis se identifica con Galicia. 
 
Pero todo isto non é consecuencia do azar. É froito dun traballo constante e meticuloso. A recuperación do entorno da antiga Fábrica de Sargadelos, a reivindicación da figura histórica de Antonio Ibáñez, Marqués de Sargadelos, a creación de Edicións do Castro, o Seminario de Estudios Galegos, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego da Información, o proxecto do Xornal Galicia, son todos enormes empeños persoais de Isaac que contribuíron a ir conformando paseniñamente esa identificación de Sargadelos e cultura, de Sargadelos e Galicia. 
 
Interésame tamén a claridade de ideas que sempre mostrou para entender a importancia da innovación para competir. E non estou pensando no deseño artístico das pezas, pois isto é consubstancial ao propio produto que vendía, senón sobre todo á súa capacidade para buscar sempre solucións enxeñosas, cando non radicalmente novidosas, que melloraban notablemente os procesos de produción, ou desenvolvían novas liñas de produto. Son coñecidos os enormes esforzos, en tempo e recursos, que dedicou a investigar na fabricación de vidro, por exemplo. 
 
Por último, sempre me resultou admirable o clima laboral que foi quen de crear e a súa capacidade para motivar á xente. Nos anos setenta e oitenta só había que entrar na fábrica para darse conta que dende o punto de vista das relacións laborais Sargadelos era un oasis no medio do páramo que era a produción industrial en Galicia. 
 
Co pasamento de Isaac Díaz Pardo vaise unha boa parte do que foi a Galicia do século XX. Pero desaparece tamén a evidencia de que se pode ser empresario de éxito sen necesidade de traizoar ideais nin principios morais nin renunciar ao compromiso político. 

domingo, 2 de dezembro de 2012

Triste final para as caixas

A nós, que no pasado tanto temos escrito aquí sobre o asunto da fusión das caixas de aforro, resúltanos moi cansado ter que volver sobre este asunto. Pero hoxe toca. Fixéronse públicas as condicións que impón a Unión Europea para poder acceder aos 5.425 millóns de euros do fondo de rescate á banca que Novagalicia Banco necesita. Esas condicións pódense resumir dicindo que se trata de reducir á metade o tamaño da entidade (2.500 empregados menos, e peche de 400 oficinas). Ademais, deberá vender todas as participadas e concentrar a súa actividade en Galicia, Asturias e Castela León. Traspasar ao banco malo os seus activos inmobiliarios (7.200 millóns de euros), e centrarse no negocio minorista, familias e pequenas empresas. Por outra banda, parte do custo do rescate ten que ser asumido polos actuais accionistas: FROB (90,57%), Novacaixagalicia (6,84%), inversores galegos privados (2,59%). Tamén os posuidores de accións preferentes e débeda subordinada terán que asumir a perda da parte que lles toque.
 
É obvio que do que se trata é de preparar á entidade para unha inmediata privatización. Agora sábese, ademais, que a venta só se poderá facer a unha entidade financeira. Parece que xa non caben aqueles fondos de inversión internacionais que tanto tempo levamos agardando e que Castellano ía traer. Con outras palabras, trátase de utilizar Novagalicia Banco como moeda de cambio para que os grandes bancos españois acepten entrar no banco malo, ao que se mostraban renuentes se non había contrapartida. Como Santander e La Caixa xa tiveron a súa recompensa, parece acaído pensar que o futuro da entidade galega sexa que se lle regale ao BBVA. Pero para calquera banco español o único que ten valor de Novagalicia Banco e a cota de mercado, en especial do mercado galego. Non lles interesan para nada nin a rede de oficinas nin os empregados, nin a rede exterior, nin as súas participadas. Con estas durísimas condicións que se lle esixen trátase entón de adaptar de xeito abrupto as características da entidade ás esixencias do gran banco no que está predeterminado que se integre.
 
Consumarase así o espolio que hai tanto tempo prognosticamos aquí. Quedámonos sen caixas, sen banco, e o que a estas alturas é peor, sen emprego. 
 
Como xa se ven preparando dende hai tempo, tratárase de ocultar tamaña desfeita, e aos seus verdadeiros responsables, detrás da cortina de fume das indemnizacións e das pensións que se levaron os antigos directivos das caixas. Como o pobo o que quere é morbo, daráselle morbo. 
 
Pero o que de verdade ten interese para o país é poder coñecer as razóns e os responsables das sucesivas decisións que se foron tomando.
 
Primeiro, por qué e con qué obxectivos se impuxo a fusión, cando unha das caixas e medio país estaban en contra.
 
Segundo, cál foi o papel dos diferentes poderes políticos (goberno de Galicia, goberno de España, Banco de España) nesta decisión.
 
Terceiro, cál era a verdadeira situación económico-financeira de Caixa Galicia e Caixanova no momento da fusión.
 
Cuarto, cándo se fará pública a auditoría de KPMG que serviu de xustificación á fusión.
 
Quinto, quén decidiu colocar a José María Castellano como presidente do consello de administración de Novagalicia Banco.
 
Sexto, agora que xa está preto o punto final, ¿faranse públicos os resultados da xestión de Castellano e González Bueno?.
 
Séptimo, ónde están os inversores internacionais polos que aínda seguimos agardando.
 
Oitavo, quén son os responsables, e en que consistiu, o engano do que falan os inversores galegos. 
 
Noveno, por qué Bankia poderá seguir como entidade independente e Catalunya Caixa, Banco de Valencia e Novagalicia Banco, non.
 
Décimo, ¿qué futuro ten pensado o goberno galego para o que queda de Novacaixagalicia, patrimonio inmobiliario, cultural e empregados, incluídos?
 
A dar resposta a este tipo de preguntas debería dedicarse a comisión de investigación comprometida por Núñez Feijóo. Porén, moito nos tememos que non pasará das consabidas indemnizacións.

quarta-feira, 14 de novembro de 2012

Hay motivo, pero no hay objetivo

Que las huelgas generales son un recurso muy caro que hay que administrar con cautela, lo demuestra el hecho de que desde la muerte del dictador, hace ya 37 años, sólo se han convocado 13, y no todas eran verdaderas huelgas generales.
 
No hace falta justificar aquí, ni siquiera enumerar, las importantes razones que la ciudadanía tiene para una protesta de este calado. Empezando por los cinco millones de parados que, desgraciadamente, no pueden hacer huelga. Sobran motivos, efectivamente. 
 
Además de todas las huelgas sectoriales, ésta es la segunda huelga general que se convoca en 2012. Para una clase trabajadora ya demasiado castigada por eres, amenazas de despido, riesgos ciertos de quiebra empresarial, incremento de impuestos, deterioro, eliminación o privatización de servicios públicos, rebajas salariales, supresión de pagas extras, etc. el esfuerzo adicional que se le exige con la huelga de hoy es excesivo. 
 
Si la memoria no nos falla, de todas las huelgas generales, la realmente exitosa fue la de 1988, con Felipe González en el gobierno. Por supuesto que en aquel momento todavía teníamos la ilusión y la suficiente confianza en las propias fuerzas, de las que hoy carecemos, como para creer que sí era posible -sí se puede-, desde la calle, cambiar las cosas. Pero sobre todo, entonces sí se perseguía un objetivo concreto, la reforma laboral -la primera de las innumerables que siguieron luego-, que se pretendía imponer.
 
En la de hoy, los objetivos que se persiguen son, cuando menos, difusos. Aparte de ese pretendido, y parece que finalmente fallido, carácter internacional, y esa protesta, en genérico, por las políticas económicas que se vienen aplicando, da la impresión que el principal motivo era recobrar protagonismo por parte de las organizaciones sindicales. Unos sindicatos convertidos desde hace años en anquilosados monstruos burocráticos que no tienen reparos en aplicar a sus propios trabajadores la abusiva legislación laboral contra la que dicen luchar. Unos sindicatos, por otra parte, carentes de alternativas, incapaces de hacer propuestas, aferrados a los viejos métodos que, se demuestra día a día, ya no valen para revertir la situación, ni, lo que es peor, para movilizar a los trabajadores.
 
Por eso, en nuestra opinión, ha sido un error quemar un cartucho tan caro y tan valioso como es una huelga general, de manera tan precipitada y tan poco planificada. Y no vale ahora, tratar de medir el éxito a través del recuento de los miles, o millones, de manifestantes en las ciudades españolas. Porque para ese tipo de movilización, evidentemente justificada y pertinente, no era necesaria una huelga general.
 
Así lo vemos. Con tristeza.

terça-feira, 30 de outubro de 2012

Gañar xogando ao contraataque

Poñer en dúbida que os resultados das eleccións galegas constitúen un grande éxito para o Partido Popular é absurdo. É certo que perdeu votos, 135.493 para ser exactos - a falta do reconto do voto exterior que pouco alterará os resultados-, ou o que é o mesmo, medio punto porcentual no total de votos a candidaturas. Pero con esa perda de votos, dispón de 3 escanos máis que na anterior lexislatura.

Gobernar toda a lexislatura nun contexto económico de crise profunda e conseguir incrementar a maioría parlamentaria, é un triunfo rotundo, ao que cabe facer poucas tachas. Hai poucos exemplos equiparables de gobernos que nese escenario foran quen de lograr resultados semellantes.

Pero o máis interesante é analizar as causas en que se basea ese resultado. En relación aos logros acadados na acción de goberno, pouco máis puido mostrar o PP que a súa xestión da austeridade e dos recortes, respecto ao que ven acontecendo no resto de comunidades autónomas do estado. É indubidable que a cifra de déficit público autonómico, asunto do que temos escrito moito aquí, coa que pechou 2011 é, comparativamente, moi boa en relación ao resto de comunidades autónomas. Xa non é tan positiva a cifra en que se está movendo en 2012.

Pero non hai máis. As políticas sociais foron só unha suma continua de recortes en educación, en sanidade ou en servizos sociais. O mesmo ocorreu en infraestruturas, medio ambiente e ordenación do territorio. E as políticas que deberían impulsar os sectores produtivos, industria, sobre todo, pero tamén agro e mar e emprego, brillaron pola súa ausencia en toda a lexislatura, máis aló do reparto discrecional de axudas e subvencións a determinadas empresas.

¿Por qué resultou tan doada, entón, a vitoria do PP?. Primeiro e sobre todo, polo pésimo traballo da oposición. Tanto ao longo da lexislatura como na campaña electoral. Máis preocupados nestes tres anos e medio, polas liortas internas en que PSOE e BNG andiveron metidos, que por facer traballo de oposición ao goberno. Semella que se pasaron todo ese tempo en resolver, sen conseguilo, as crises internas provocadas pola perda das eleccións de 2009.

En segundo lugar, por enfocar a campaña electoral unicamente como un acoso e derribo ao goberno de Núñez Feijóo, sen preocuparse de presentar e defender programas de goberno coherentes e con propostas cribles para a cidadanía.

En terceiro lugar, por presentar uns líderes de circunstancias, consecuencia, en ambos casos, de solucións en clave interna ás liortas nas que estaban, pensando non en gañar unhas eleccións senón en manter o poder dentro da propia organización. Así, acabaron presentando cabezas de cartel realmente moi pouco atractivos para a cidadanía. Moi lonxe, tanto por parte do PSOE como do BNG, do candidato que presentaba o PP. Tan só Alternativa Galega de Esquerda tiña un candidato capaz de competir, ou superar, en cualidades e atractivo persoal, ao candidato da dereita.

Pero sobre todo, o PP gañou as eleccións porque soubo poñer ben en evidencia aos ollos da cidadanía a difícil e complicada alternativa de goberno que se daría, de non ser eles os que gañasen as eleccións. Efectivamente, que por primeira vez en moitos anos o nacionalismo se presentase fragmentado axudaba a facer crible aquilo de “elixen vostedes entre un goberno e un reparto de goberno” e permitiulles volver a poñer en primeiro plano todos os erros, descoordinacións, disputas por defender as áreas de poder, a escenificación de dous gobernos independentes cando non contraditorios, polos que tanto se ten criticado ao anterior goberno bipartito PSOE-BNG. O que é peor, agora todo iso, dicía o PP, sería elevado ao cadrado, pois non sería un goberno bipartito, senón un cuatripartito. Nunha situación económica tan complicada como a actual, boa parte da cidadanía deulle creto a esa ameaza e optou por apoiar a aquela forza política que, de gañar, garantía un goberno estable.

Así pois, boa parte do éxito do PP nestas eleccións ven explicado máis polos erros alleos que polos moi escasos acertos propios.

domingo, 28 de outubro de 2012

Despois das eleccións, resaca

Leo con retraso, pois non estiven operativo estes días, o artigo de Anxo Quintana en Praza Pública. Interesante. Sobre todo polo que ten de autocrítica, ou de crítica ao BNG -pois un xa non sabe se Quintana segue dentro ou está fóra-. Hai que empezar por dicir que non compartimos as descualificacións que se lle fan nos comentarios que lle seguen ao artigo, simplemente polo seu pasado como vicepresidente da Xunta, ou polo mal que escribe en galego. Penso que, como el mesmo di, o seu protagonismo político xa pasou e que, polo tanto, se fala é simplemente para dicir o que pensa, sen buscar ningún rédito político. 
 
Non compartindo moitos dos argumentos que manexa Quintana, a súa reflexión, porén, semella moito máis atinada que todo o que temos lido estes días doutros militantes cualificados do BNG e mesmo da súa dirixencia (Paco Rodríguez, Pilar García Negro ou Xosé Ramón Ermida). 
 
En primeiro lugar, é reconfortante escoitar que os galegos non son cidadáns alienados que votan ao PP debido á súa escaseza de capacidade de análise. Non. Efectivamente, os galegos teñen un nivel de coñecemento político e de capacidade crítica homologable á do resto de cidadáns europeos. Desmentindo, dunha vez por todas, aquilo tan socorrido nas noites electorais de que se non nos votan, e votan ao PP, é porque son parvos.
 
Como calquera outra cidadanía, os galegos deciden o seu voto en función do que creen será mellor para os seus intereses. Polo tanto, como di Quintana, o papel dunha forza política é convencelos de que o seu proxecto é mellor que o dos adversarios. Evolucionar dende a cultura da emancipación descolonizadora á cultura da loita democrática de proxectos.
 
Segundo, non ten ningún sentido que ao BNG lle preocupe máis o 14% dos votos que obtivo Beiras coa Alternativa Galega de Esquerda que o 66% dos votos que suman PP e PSOE. Esa demonización que se está a facer de Beiras, revisións biográficas con mala baba incluídas, nas que o BNG coincide con Núñez Feijóo, é reveladora de que se respira pola ferida. Pero non deixa de ser unha análise miope. Porque, postos a coincidir, coincidirase máis con Anova-Izquierda Unida que co PSOE e o PP, ¿ou non?. 
 
Resume ben Quintana as contradicións esquizofrénicas nas que leva vivindo o BNG nos últimos 20 anos. En 1993, con Beiras como cabeza de cartel, o BNG obtivo o 18,55% (véxase o gráfico 1). En 1997, co mesmo candidato, acádase un resultado histórico, impensable poucos anos antes, o 25,11% dos votos, constituíndose en segunda forza política do país. Resultado que, co mesmo candidato, se defende en 2001, cun 22,97% e se continúa sendo a segunda forza política. Son estes resultados, debidos fundamentalmente a Beiras, os que permiten acceder ao goberno en 2005, xa con Quintana como cabeza de cartel. 

 

Gráfico 1. Resultados das eleccións autonómicas en Galicia (1981-2012).


Ese era o momento para converter ao BNG nun partido normalizado, homologado dentro do sistema. Pero non, optouse por seguir sendo un partido marxista leninista revolucionario. O BNG Seguiu xogando a facer oposición ao propio goberno. Un día moderados, e outro día radicais. Sostendo unha cultura política sen matices. Relativizando os éxitos electorais, pero facendo crises polos resultados adversos (así tivo que dimitir o propio Quintana). Querendo estar no goberno, pero ao mesmo tempo, renunciando a gañar eleccións. 
 
Seguimos coincidindo con Quintana en que, dende hai anos, é un erro manter posicións antisistema, coas que é imposible gañar eleccións. Esta é a transición á que nunca se atreveu o BNG. Renunciar a ser un partido anticolonialista e liberador, para xogar coas regras que dende hai anos lle corresponden a este país. 
 
Quéirase ou non, Galicia está hoxe no club dos trinta países máis ricos do mundo. No marco dun sistema político de democracia representativa e cun modelo económico capitalista. A análise á que tanto contribuíu Beiras, de país atrasado e colonizado, xa non ten vixencia. É certo, polo tanto, que na actual situación política e económica de Galicia, correspóndelle ao sector privado ser o principal motor de desenvolvemento do país. Calquera outra formulación peca de romántica e trasnoitada. 
 
A cuestión que ten por diante o BNG é, efectivamente, a de reflexionar consensuadamente sobre o qué se pode facer, non de pelexar por ver quén manda. 
 
No que discrepamos de Quintana é na súa formulación de nacionalismo ortodoxo. Hoxe por hoxe, o benestar dos cidadáns galegos non depende de si acadamos ou non o pleno autogoberno. Calquera reorganización política que nos sitúe fóra dos mecanismos de solidariedade do estado español suporía para a cidadanía galega unha perda de entre o 10% e o 20% da súa renda dispoñible. É aquí no que se equivoca Quintana na súa análise, o seguidismo miope de Cataluña. 
 
Polo tanto, calquera opción política que se formule como obxectivo prioritario o pleno autogoberno, ten que comezar por explicarlle á cidadanía que, aló menos a curto prazo, esa posibilidade converteranos en bastante máis pobres. 
 
Finalmente, é unha mágoa que Quintana acabe por incorrer nos mesmos erros que a liña oficialista do BNG. Deixemos que o altermundismo, a esquerda solidaria, Beiras, demostren a súa utilidade, sen descualificalos de antemán. 

domingo, 21 de outubro de 2012

Valoración de urxencia duns resultados previsibles

No que atinxe ao principal, poucas sorpresas. A principal novidade é que o PP máis ou menos co mesmo número de votos que nas anteriores eleccións viu incrementada a súa maioría absoluta en tres escanos. Consecuencia lóxica da fragmentación do nacionalismo. 
 
É duro dicilo, pero o do PSOE era previsible. Certo que a debacle ten o dobre de magnitude do que era esperable. Consecuencia das liortas internas e dunha evidente falta de liderado. Pachi Vázquez pode ter moitas cualidades, pero non é a persoa para encabezar un proxecto político gañador. Ademais da falta de líder, ausencia total de proxecto e de programa. A campaña foi realmente insultante para a cidadanía. Demagoxia burda e barata. Nin unha proposta minimamente artellada, nin unha idea aproveitable.
 
O BNG é o gran derrotado destas eleccións. Aínda que na campaña parecía que, grazas ao traballo de Jorquera, podería salvar os mobles, finalmente non foi así. Penso que a derrota non é neste caso atribuíble ao candidato. É obvio que non é un líder carismático pero, dixémolo aquí, fixo un traballo máis que digno. Estaba claro que as recentes escisións tiñan que pasar factura en termos de votos, sobre todo grazas a lei de Hont, pero non parecía que tanto. Estes resultados poñen de manifesto que os problemas do BNG son estruturais. Non se pode pretender emular en campaña electoral aos partidos nacionalistas de dereitas, que teñen éxito noutros países -Cataluña, Euskadi, Escocia ou Quebec-, sendo un partido de esquerdas, ou de extrema esquerda -a UPG debe ser das poucas formacións políticas no mundo occidental que se segue definindo como marxista-leninista-. O facer seguidismo cego deses nacionalismos de dereitas leva a contradicións insalvables a respecto da esencia da ideoloxía propia. 
 
Esas contradicións do BNG puxéronse máis en evidencia coa irrupción da coalición Alternativa Galega de Esquerda (Anova e Esquerda Unida). É indiscutible que o gran éxito de AGE, os verdadeiros vencedores destas eleccións, ten en gran medida nome e apelidos, Xosé Manuel Beiras, pero do fenómeno Beiras falaremos con máis tempo outro día. Diciamos que o discurso de AGE nestas eleccións, nidiamente de esquerdas, solidario e de clase, deixando moi en segundo plano a cuestión nacionalista, fixo aflorar a inconsistencia do discurso BNG, que se reclama moi de esquerdas pero que pretende facer propostas homologables ás de CiU en Cataluña ou ás do PNV en Euskadi. 
 
Do resto de formacións políticas que competían nestas eleccións, pouco que dicir. Todo segundo o previsto. Compromiso por Galicia, do que seguimos pensando que ten futuro e que ten espazo ideolóxico a cubrir, adoeceu de falta de líder, de excesiva heteroxeneidade interna, e de falta de tempo para desenvolver o proxecto. 
 
Do PP, como partido gañador, boa parte do éxito, moi difícil na actual conxuntura económica, é atribuíble ao seu candidato Núñez Feijóo. Un líder sólido e cada vez máis carismático para a dereita. Soubo vender ben os escasos logros do seu goberno nesta lexislatura, que pasan todos polo acerto en aplicar medidas de austeridade antes que o resto, e tamén a imaxe de goberno serio fronte ao previsible desgoberno que se daría se gañasen os outros. 
 
E así rematou a festa. 

sábado, 20 de outubro de 2012

Todo o peixe na lonxa

Leo hoxe na rede, o da xornada de reflexión é unha antigualla superada pola tecnoloxía, que seica o PP anda preocupado por mor do tracking (que non sei moi ben o que é), que disque os sinala ancorados nos 37 deputados. Non sei, non é o que se percibe na rúa, pero xa veremos.
 
Foi esta unha campaña bastante plana. Como era previsible, o PP limitouse a presumir das contiñas que nos fan, segundo Núñez Feijóo a comunidade autónoma máis solvente de España. Nin unha proposta de futuro minimamente artellada. Só vagas referencias a que a vindeira lexislatura será a do crecemento. Pero non se sabe cómo. Se como parece á vista da confección das listas electorais, vai manter ao conselleiro de economía e industria, parece bastante imposible que sexan quen de deseñar ningunha política industrial digna de tal nome. O que si conseguiu Núñez Feijóo foi esconder bastante ben a Rajoy evitando así, en boa medida, facerse cargo do desgaste do goberno central. E tamén conseguiu que se aplazase a petición do rescate. Aínda que, polo que se viu en Andalucía esa dilación non garante nada.
 
O PSOE, aínda moi tocado a nivel estatal a pesar das vitorias de Andalucía e Asturias, e carente de lideranza tanto en Madrid como en Galicia, limitouse a facer unha campaña baseada na demagoxia burda e directa. Poñendo en evidencia, unha e outra vez, os recortes que efectuou o goberno da Xunta. Enredándose máis alá do razoable coas dúbidas sobre si existen ou non os contratos de Pemex. Prometendo miles e miles de empregos públicos na próxima lexislatura para mozos, mulleres e parados de longa duración. Facendo as contas do que prometeu Pachi Vázquez, achegariámonos en emprego público ao nivel de Cuba, ou case.
 
Ao BNG hai que lle recoñecer que mantivo o tipo mellor do que era previsible despois da sangría das excisións, aínda demasiado recentes. E o candidato Jorquera constituíu unha sorpresa positiva para a meirande parte da cidadanía que non o coñecía. Ademais de enredarse, na miña opinión en exceso, co lío de Pemex, poñendo en dúbida as contas de Núñez Feijóo a raíz do informe do Consello de Contas, e tamén coas críticas aos recortes do goberno da Xunta, demasiado poucas propostas dignas de tal nome cara á vindeira lexislatura. A única relevante foi a que lanzaron ao comezo da campaña reclamando un concerto fiscal para Galicia, ao estilo de Cataluña. Non imos repetir aquí a nosa opinión sobre este asunto porque para os lectores habituais é ben coñecida. O que si resulta sorprendente é que a medida que avanzaba a campaña esa proposta foi desaparecendo do argumentario do BNG. Nin saíu no debate de Jorquera con Núñez Feijóo, nin se volveu a falar do asunto, que eu saiba.
 
No que respecta aos grupos extraparlamentares, nada pola dereita, nin UPyD nin Mario Conde lle van rabuñar voto algún ao PP. E esta era unha das esperanzas da esquerda, que un e outro grupo acadasen o meirande número de votos posibles sen chegar ao necesario 5%. 
 
Compromiso por Galicia foise diluíndo a medida que avanzaba a campaña. Penso que é unha forza política necesaria polo espazo ideolóxico que pretende ocupar. Penso tamén que ten xente valiosa e ben intencionada. Pero penalizoulle en exceso a falta de liderazgo. A heteroxeneidade interna, cara ao futuro debería soltar lastre, tanto pola dereita coma pola esquerda, para conformarse como opción nidiamente socialdemócrata. A falta de tempo para desenvolver unha mínima estrutura de partido imprescindible. E tamén, supoño, a escaseza de recursos económicos para enfrontar unha campaña deste tipo. Cousa que se pon máis de manifesto cando non se conta cun mínimo apoio dos medios de comunicación.
 
A grande sorpresa destas eleccións, como xa tiñamos prognosticado aquí, foi Alternativa Galega de Esquerda (Anova e Esquerda Unida). Máis propiamente, a grande sorpresa, quen o diría á súa idade, foi Xosé Manuel Beiras. O efecto Beiras foi medrando cada día da campaña. É indubidable que pola súa brillantez persoal, está a anos luz do resto de líderes que concorren a estas eleccións, tanto en capacidade argumentativa e dialéctica, como en oratoria, como en coñecementos. Se me apuran, mesmo fisicamente, sigue dando mellor na cámara que todos os seus opoñentes. Pero teño para min que o aspecto relevante do éxito foi centrar o discurso nas cuestións de clase, cunha posición nidia de esquerdas, internacionalista e solidaria, deixando moi en segundo plano o asunto do nacionalismo. Nos tempos que corren, e coa que está caendo, esta é a mensaxe que quere oír unha sociedade, sobre todo unha mocidade, desencantada, cando non desesperada.
 
Por todo isto, como xa prognosticamos aquí hai días, a única posibilidade de que o PP perda a maioría absoluta é que Alternativa Galega de Esquerda obteña por riba dos cinco escanos. O PP sábeo, por iso na última semana de campaña se dedicaron máis a atacar a Beiras que ao PSOE. 
 
Hoxe, o PP confía en que boa parte da cidadanía decida o seu voto en función das dúbidas que lle xera o imaxinarse o complicado que podería chegar a ser formar un goberno alternativo digno de tal nome.
 
Así está a cousa.

terça-feira, 16 de outubro de 2012

Nunca máis

A catástrofe do Prestige, da que se cumprirán xa dez anos o vindeiro mes, e da que hoxe, por fin, se iniciou a vista oral do xuízo, foi a última ocasión na que os galegos demostramos moi maioritariamente un sentimento de pertenza, de identidade como pobo. A sociedade civil viviu aqueles dramáticos feitos coma unha agresión ao país. E expresou, con rabia, que estaba disposta a defender o propio, o patrimonio colectivo. A defender unha das súas principais sinais de identidade, a paisaxe, o mar, as costas, as praias. 
 
Non é esaxerado dicir que o Prestige foi o principio do fin da era Fraga Iribarne no goberno de Galicia. Faltaban aínda tres anos para que se celebrasen eleccións autonómicas e o esforzo mediático para paliar as consecuencias foi inmenso en todo este tempo. Pero a total desconexión entre as actuacións do goberno -dos gobernos- e as expectativas da cidadanía foi de tal calibre, o nivel de frustración foi tan elevado, que tres anos despois, seguía intacto o sentimento de engano, de fraude. 
 
Houbo que agardar dez anos para que hoxe, por fin, se iniciase, como diciamos, a vista oral do xuízo co que en teoría se pretenden imputar responsabilidades. E volve a ser un día triste para Galicia porque á vista dos acusados que se sentan no banquillo: o capitán do barco, o primeiro oficial, o xefe de máquinas, e como único responsable político o naquel tempo Director Xeral da Mariña Mercante, e inevitable pensar que a tomadura de pelo que supuxo este dramático asunto aínda non rematou. 
 
Ningún responsable político autonómico. Ningún ministro do goberno Aznar (co papel tan destacado que tiveron naquela crise Álvarez Cascos, Mariano Rajoy, Jaume Matas, Arias Cañete, Federico Trillo, o propio Aznar, ...). Nin o Delegado do Goberno en Galicia. O máximo responsable político acusado é un Director Xeral. En fin...
 
¡Nunca máis!   

sábado, 13 de outubro de 2012

No ecuador da campaña electoral

Da a impresión de que pouco se está movendo. Debates electorais incluídos. A pesar da agradable sorpresa de Jorquera, non para os que xa o coñeciamos, e a pesar de que incriblemente Pachi saíu vivo do debate, semella que, agás para o seu propio aparato que se mostra nervioso en exceso, para a maioría da opinión pública o PP avanza placidamente cara á revalidación da maioría absoluta. 
 
Nos dous debates, Núñez Feijóo estivo por debaixo das expectativas. No primeiro, con Pachi, demasiado espeso. Enredouse en datos e cifras que non se correspondían coa demagoxia elemental e directa do seu opoñente. Na opinión do cidadán medio foi máis efectivo aquel "o déficit quedoulle niquelao" de Pachi Vázquez que tódolos números que Núñez Feijóo puxo enriba da mesa.
 
No debate con Jorquera, percibiuse claramente a sorpresa do presidente da Xunta diante da capacidade dialéctica do candidato do BNG. Na miña opinión, Jorquera fixo o seu traballo de maneira excelente. Sen embargo, viuse penalizado polas escasas propostas dignas de tal nome do seu programa electoral. O tema estrela do BNG nesta campaña é a reivindicación dun concerto fiscal para Galicia. É unha proposta claramente seguidista do nacionalismo catalán, pero que ignora a realidade económica do país. Ao redor deste asunto temos escrito moito neste blog: O ovo ou o foro; Novo modelo de financiamento autonómico: máis insolidariedade; Nacionalismo orientado, nacionalismo desorientado; Referendums, independencia e PIB; Nacionalismos: utopías, dogmatismos, realidades. Fronte ás vagas cifras que manexa Jorquera de recadación do estado en Galicia e das transferencias que o sistema de financiamento autonómico realiza a Galicia, só hai que lembrar o diferencial entre o PIB per cápita e a renda dispoñible per cápita en Galicia. En 2009, último dato que ofrece o INE, o PIB per cápita en Galicia equivalía ao 89,8% da media española. No mesmo ano, a renda per cápita dispoñible era o 94% da española. É dicir, cada galego dispón dun 4,2% máis de renda do que realmente produce. Superávit que é financiado pola solidariedade interterritorial española. É por isto, que resulta difícil de entender que, con argumentos estritamente económicos, se reivindique un concerto fiscal. Outra cousa sería formular o asunto en termos políticos, explicándolle á cidadanía que o concerto vai facer que sexamos, a curto prazo, un pouco máis pobres pero que incrementará de xeito decisivo a nosa capacidade de decidir. Curiosamente, este asunto, o de máis substancia de todo o que propón o BNG, non saíu no debate con Núñez Feijóo. Por algo será. 
 
Fóra das tres forzas con representación parlamentar, agás Alternativa Galega de Esquerdas, o panorama é desolador e con encefalograma plano. Pola dereita, nin UPyD nin Mario Conde amosan ningunha posibilidade de rabuñarlle votos ao PP. O invento de Mario Conde que parecía tiña algunha posibilidade en Pontevedra e en Ourense, desínchase de maneira notable a cada día que pasa, confirmando o que é en realidade, un chiringuito impresentable que pode ter algunha posibilidade nunhas eleccións xerais, sobre todo en Madrid co altofalante de Intereconomía. No centro-esquerda, Compromiso por Galicia está confirmando os augurios pesimistas que aquí lle prognosticabamos hai xa tempo. Cunha composición en exceso heteroxénea, que vai dende o dereitismo do seu cabeza de lista por Pontevedra, Rafa Cuíña, ata onte militante do PP, ata posicións netamente esquerdistas. Sen un liderado digno de tal nome, pois Xoán Bascuas está sendo claramente superado polo seu papel. Sen implantación territorial e sen unha estrutura de cadros de partido con experiencia suficiente. Está dando a imaxe do que é, un experimento naif cheo de xente con boas intencións. 
 
Así as cousas, a única novidade salientable no panorama político destas eleccións é a coalición de Anova e Esquerda Unida, Alternativa Galega de Esquerdas. Máis propiamente, a única novidade é un home de 76 anos que leva toda a súa vida na política. Xosé Manuel Beiras é o único cabeza de cartel capaz de conectar coa xeración desencantada que ten agora menos de trinta anos. Ademais, o xiro cara o altermundismo e o internacionalismo solidario, reforzado coa suma de Esquerda Unida, deixando nun segundo plano as reivindicacións nacionalistas, coincide cos resultados do último barómetro do CIS a respecto da auto identidade e do sentido de pertenza dos galegos, e fai que a súa mensaxe sexa a que mellor se adapte ás demandas dunha parte considerable da mocidade galega. Ademais, Alternativa Galega de Esquerdas ten base territorial e ten unha estrutura de cadros moi experimentada. É por iso que a pesar do evidente boicot que está a sufrir por parte dos medios de comunicación, representa a día de hoxe a única esperanza para impedir que o PP revalide a súa maioría absoluta.
 
De feito, se Alternativa Galega de Esquerdas está por riba dos catro ou cinco deputados, a pesar da previsible debacle do PSOE e da parece que inevitable caída do BNG, a maioría absoluta do Partido Popular estará en perigo.
 
De tódolos xeitos, o principal eslogan do PP fronte a esa posibilidade de alternancia, "elixen vostedes entre un goberno e un reparto de goberno", semella ter demasiada forza.
 
Así está a cousa.

sexta-feira, 28 de setembro de 2012

Stress test, cada vez peor

Recén saído do forno hoxe mesmo a análise de stress test realizado por Oliver Wyman sobre as entidades bancarias españolas, hai algúns datos, en relación a Novagalicia Banco, que merece a pena comentar.
 
O informe simula dous escenarios macroeconómicos diferentes. O escenario base, o máis favorable, supón unha caída do PIB de -1,7% ata 2014, unha taxa de desemprego por riba do 23,5% e unha inflación do 4,8% (gráfico 1). Neste escenario precísanse 25.900 millóns de euros para sanear as entidades con problemas no sistema bancario español (gráfico2).

Gráfico 1. Escenarios macroeconómicos comtemplados no stress test

Gráfico 2. Resultados, ata 2014, das entidades bancarias españolas no escenario base

No escenario adverso o PIB reduciríase ata 2014 en -6,5%, a taxa de desemprego chegaría ao 27,2% e a inflación sería do 1,4% (gráfico 1). Neste caso, as necesidades de recursos para cubrir o burato das entidades deficitarias elévanse a 53.700 millóns de euros (gráfico 3).
 
Pois ben, no escenario base, dende hoxe ata 2014, Novagalicia Banco acumulará unhas perdas, incluíndo a devaluación dos seus activos inmobiliarios, de 9.139 millóns de euros. No escenario adverso esa cifra elévase a 12.738 millóns de euros.

Gráfico 3. Resultados, ata 2014, das entidades bancarias españolas no escenario adverso

Tendo en conta que as provisións realizadas ata o momento pola entidade ascenden a 4. 569 millóns de euros, a conclusión do estudo é que no mellor dos escenarios Novagalicia Banco precisaría, despois dos 2.465 millóns de euros que o FROB xa aportou hai un ano, unha inxección adicional de recursos por valor de 3.966 millóns de euros. No escenario adverso, as novas necesidades de recursos elévanse a 7.176 millóns de euros (gráfico 4).
 
Con ser moi graves estes datos, o máis desalentador é a capacidade de xeración de beneficios que este stress test lle prognostica a Novagalicia Banco ata 2014. No escenario base, o máis favorable, estímanse uns beneficios de -56 millóns de euros. No escenario adverso, a capacidade de xeración de beneficios sería de -788 millóns de euros. É dicir, o manter aberto o "negocio" equivale a seguir acumulando perdas. Alomenos no período analizado.

Gráfico 4. Resultados do stress test para Novagalicia Banco

Este dato reduce a cero, na nosa opinión, as xa moi escasas posibilidades de lograr que algún inversor privado decida colocar o seu diñeiro na entidade. Lembremos que este era o obxectivo que, se supón, xustificaba a entrada na entidade de Castellano como presidente do consello de administración e de González Bueno como conselleiro delegado. 
 
Pero é que ademais, tamén converte en practicamente inverosímil a segunda opción que algúns seguían barallando e respecto á que nos sempre fomos escépticos, a subasta de Novagalicia Banco e a súa compra por parte dunha grande entidade saneada -é dicir, Santander ou BBVA-.
 
Polo tanto, as opcións cada vez son menos. Eu diría que só quedan dúas. A constitución dun grande e ruinoso banco público, integrando Bankia, Catalunya Banc, Banco de Valencia e Novagalicia Banco, operación que só serviría para alongar a agonía e poñer en marcha un proceso de liquidación controlada, con peche de oficinas e despidos programados nun horizonte temporal máis curto que longo. Ou ben, a segunda e definitiva opción, proceder xa de maneira inminente ao peche e liquidación da entidade.
 
Non sei se despois de hoxe o BNG seguirá mantendo como punto estrela do seu programa económico a conversión de Novagalicia Banco no gran banco público galego...
 
Así nos imos achegando ao triste final desta lamentable historia. 

sábado, 15 de setembro de 2012

Mal de moitos...

A débeda da Comunidade Autónoma de Galicia acadou no segundo trimestre deste ano 2012 os 7.627 millóns de euros. Para entendelo, se a tivésemos que pagar a escote, cada galego debería poñer 2.745 euros. Se vostede ten unha familia de catro membros, debería achegar 10.980 euros, case dous millóns das antigas pesetas, ou máis de metade do que custa un automóbil medio.

Gráfico 1. Incremento da débeda pública autonómica dende o 2º trimestre 2009 ata o 2º trimestre 2012.

Nesta primeira metade do ano, é dicir, en só seis meses, incrementouse en 8,82%. Dende o comezo da lexislatura de Núñez Feijóo a débeda pública de Galicia pasou de 4.282 millóns de euros a 7.627 millóns. Ou o que é o mesmo, a débeda pública per cápita incrementouse en tres anos e medio en 1.214 euros, un 79,29%.

Gráfico 2. Débeda pública autonómica en porcentaxe de PIB (2º trimestre 2012).

En termos absolutos, estes datos son un despropósito. Pero dado o seguidismo que dende Galicia se fai de Cataluña e Euskadi, non deixan de ser un éxito rotundo. En porcentaxe de PIB, a débeda pública galega está no 13,3%. A de Cataluña, no 22% (gráfico 2). En taxa de incremento dende 2009, a débeda galega medrou un 78,12%, pero a de Euskadi incrementouse un 388,93% (véxase o gráfico 1).

Se comparamos o total de débeda cos orzamentos 2012, vemos que a devolución da débeda absorbería o 77,37% do orzamento anual. É dicir, para devolver a débeda precisamos o orzamento íntegro de tres trimestres da Comunidade Autónoma. En Cataluña esa devolución da débeda consumiría o orzamento de 6 trimestres (gráfico 3).


Gráfico 3. Porcentaxe que representa a débeda pública sobre o orzamento da comunidade autónoma(2º trimestre 2012).

Así pois, como a estatística é esa ciencia que permite dicir que o consumo medio de polos é un cando vostede come dous polos e eu ningún, cantos máis polos coman os outros, estatisticamente, menos comemos nos. Aínda que en realidade, no asunto que nos ocupa, todos estamos comendo demasiados polos. Pero uns máis que outros. Ese é o argumento que lle permite sacar peito a Núñez Feijóo. A análise comparativa da evolución do endebedamento galego co conxunto das comunidades autónomas, da un balance máis que aceptable para Galicia.

Aquilo ben coñecido, no país dos cegos o torto é o rei. Por iso se equivoca a oposición centrando as críticas neste asunto. Catastrófico en si mesmo, pero un triunfo comparativamente coas outras comunidades.

terça-feira, 4 de setembro de 2012

De egos e liderados

A convocatoria de eleccións para o 21 de outubro tivo a virtude de obrigar a saír do limbo ás diferentes forzas políticas que pretenden concorrer ás mesmas. Porque unha cousa e filosofar e facer teoría política, e outra demostrar que se ten estrutura e capacidade para dar a batalla electoral.
 
A día de hoxe, só o BNG, ademais obviamente do PP, ten os deberes medianamente adiantados. Cun candidato á presidencia da Xunta non discutido, cunha estratexia electoral clara, cunha estrutura que ten sobradamente demostrada a súa eficacia, cunha simboloxía que o identifica con claridade -e que ten máis importancia do que puidera parecer-, aínda que ineludiblemente sufrirá o castigo, en número de votos, consecuencia das recentes escisións, semella que seguirá sendo, con diferenza, a principal opción do voto nacionalista. 
 
Os demais estaban a velas vir. O PSOE dándolle voltas durante meses á realización dun proceso de primarias, que finalmente xa non poderá ser, o que os obriga a presentar a un candidato discutido internamente e sen ningún liderado real no partido, nin fóra del.
 
As dúas escisións do BNG, Anova e Compromiso por Galicia, tíñano difícil, pois un partido político con opcións de acadar resultados aceptables, non se organiza de un día para outro. Aínda así, semella que en todos estes meses non foron quen de definir unha estratexia clara para enfrontar o vindeiro proceso electoral. 
 
Condenados a buscar algunha alianza con alguén, pois por si solos teñen moi difícil superar o mínimo do 5% que da acceso ao parlamento, e a pouco máis dunha semana para ter que pechar as listas electorais, non hai acordo nin entre eles, nin con ninguén. 
 
Dende fóra, o que se percibe é que Anova peca de exceso de liderado e Compromiso de todo o contrario. Coma sempre fixo, ao longo da súa vida política, Xosé Manuel Beiras asume todo o protagonismo. O que non é criticable en si mesmo, pero si se bota de menos un mínimo relevo xeracional. Lanza propostas, en moitos sentidos suxestivas, pero inviables. A última, na que está agora, é esa fronte ampla, ao estilo da syriza grega, que aglutine a todas as forzas á esquerda do PSOE. Pero claro, aí foi acaída a resposta de Jorquera, esa fronte ampla xa era o BNG -e ten vocación de seguir séndoa-, co que Beiras quere pactar agora, cando hai só uns meses que se botou fóra. Por outro lado, Compromiso inclúe grupos, ou partidos, que dificilmente poden, pola súa ideoloxía, formar parte dunha fronte de esquerda, esquerda. Esquerda Unida, que con toda seguridade mellorará sensiblemente os seus resultados, ve que esa fronte ampla que propón Beiras garantiríalle a presenza no Hórreo, e que, no peor dos casos, unha alianza só con Anova podería ser suficiente. O único problema pode ser cómo encaixar os diferentes egos e os seus afáns de protagonismo.
 
A situación de Compromiso, supoño que por ter unha composición máis heteroxénea, é máis paradoxal. As primeiras sondaxes din que sen alianzas os seus resultados serán marxinais. Non imos entrar agora nas discrepancias que manteñen con Anova e que a día de hoxe impiden chegar a un acordo. O que é demasiado evidente é a debilidade do seu liderado. Aínda que nominalmente si ten un líder, elixido democraticamente, Xoán Bascuas, o certo é que, de momento, a súa presenza pública é mínima, e a súa capacidade para atraer votantes presúmese moi escasa. Non é baladí que nas primeiras enquisas de valoración de líderes que están facendo os medios de comunicación, por quen preguntan, como líder de Compromiso por Galicia, é por Rafa Cuíña. 
 
Non acredito para nada no éxito de UPyD nin do novo invento de Mario Conde, si finalmente se consolida, aínda que en termos de resultado electoral poden ter a súa importancia si, como parece, poden restarlle votos ao Partido Popular.
 
Así segue a cousa antes de empezar a festa.

quinta-feira, 30 de agosto de 2012

Pemex como termómetro electoral

Diciamos o outro día que o intento de Núñez Feijóo de enredar co número de deputados, xa aparcado pola convocatoria de eleccións para o 21 de outubro, era síntoma de que non ve claro o resultado.

Hoxe anunciou un novo contrato de Pemex, a empresa petrolífera mexicana, para o sector naval. Trataríase de construír sete buques abastecedores por un valor de 100 millóns de euros.

Teño para min que, a partir de agora poderemos intuír que resultados van dando as sondaxes electorais internas do Partido Popular en función do número de barcos que a petroleira mexicana vaia encargando aos estaleiros galegos dende hoxe ata o 21 de outubro. 

Facendo reconto, dende que descubrimos México, naquel viaxe presidencial tan fructífero, salvo polo asunto de Novagalicia Banco para o que non se encontraron inversores, Pemex ten pedidos xa, a día de hoxe, dous buques quimiqueiros -100 millóns de euros e 2.000 postos de traballo-, 14 remolcadores -250 millóns e 2.500 postos de traballo, e un flotel -plataforma petrolífera, que non está cuantificado nin en euros nin en postos de traballo-, máis os sete buques abastecedores xa citados -100 millóns de euros e, suponse que outros 2.000 postos de traballo-. Ademais, está aberta a posibilidade de construír buques militares para a armada mexicana. Por outro lado, Pemex instalará a súa base loxística para Europa no porto exterior de Punta Langosteira.

A este ritmo, sobre todo se as sondaxes van indicando dificultades para que o PP revalide a súa maioría absoluta no Hórreo, non só completaremos as carteiras de pedidos de todos os nosos estaleiros, recuperando, ou superando, os niveis de emprego das mellores épocas, senón que mesmo poderiamos ir pensando en abrir novos estaleiros.

Mágoa que os mexicanos non precisen automóbiles, conservas de peixe, pedra de granito, pizarra, fabricación de téxtil, etc. Sería un salto cualitativo definitivo para o país.

¡Ándale manito! ¡güey!

terça-feira, 28 de agosto de 2012

Así non

Publica hoxe LVG un interesante gráfico (infografía lle chaman agora) que nós de xeito un moito chapuceiro traemos aquí. Non o atopamos na edición dixital e pasámonos o choio de escanealo a pedal. 
 
Recolle, coido que de maneira exhaustiva e clarificadora, o mapa do nacionalismo galego a día de hoxe. Clarificador aló menos para min que levaba un tempo perdido entre tanta sopa de letras. Aparecen nada máis e nada menos que 19, #dezanove#, partidos políticos. E 30, #trinta#, líderes, sen contar que en dúas formacións -independentistas lles chaman- non se referencia ningún líder. Case tantos dirixentes coma votantes. 
 
Gráfico 1. O puzle do nacionalismo
 
Non cabe dúbida que tanta pluralidade democrática, a parte de para alimentar egos, pode ser óptima para recoller e reflectir todo o abano de sensibilidades e matices políticos. 
 
É certo, por dicilo todo, que neste marasmo de siglas están xa conformadas tres "grandes" coalicións ou frontes: BNG, Anova e Compromiso por Galicia. 
 
Aínda así, se do que se trata é de ter influencia política e condicionar a formación do próximo goberno de Galicia, tendo en conta que nas últimas eleccións con todo o voto nacionalista aglutinado nunhas únicas siglas o resultado foi o que foi, é obvio que tamaña atomización só contribúe á consolidación do goberno da dereita. 
 
A pregunta é, pois, ¿andamos a setas ou a rolex?.

segunda-feira, 27 de agosto de 2012

Panorama electoral

Que Núñez Feijóo non as ten todas consigo demóstrao o intento de enredar co número de deputados que conforman a cámara galega. O avanzar nesa proposta xogaba a favor de non adiantar a convocatoria electoral. 
 
Finalmente, sen embargo, hoxe aparcou esa idea de modificar a composición do parlamento e decidiu convocar para o 21 de outubro. Na nosa opinión por tres motivos.
 
O primeiro, a redobrada política de axustes duros, en recortes sociais, en impostos e en emprego, que o goberno central terá que adoptar como consecuencia do inminente rescate da economía española por parte das autoridades europeas. Seguramente, o máis penoso do que nos espera se producirá nos dous últimos meses deste ano e no primeiro semestre de 2013. 
 
O segundo motivo é que pensa que a día de hoxe pode presentar un bo balance de xestión no que é o desolador panorama autonómico español. Efectivamente, Galicia é a comunidade con menos déficit público e aínda que a débeda se disparou nesta última lexislatura, como xa temos analizado aquí, as cifras globais son máis que aceptables si se comparan coas de outras autonomías. Nesta nova maneira de entender a política económica, que consiste en levar ben as contiñas, como se dunha economía familiar se tratase, e con algo de enxeñaría contable, pode ser suficiente. Terá que selo, porque non hai máis. A destrución de emprego medrou a maior ritmo que a media española, a evolución do PIB foi, na segunda metade da lexislatura, tamén peor que a española, a política industrial non existiu máis que para repartir algúns cartos discrecionalmente entre algunhas empresas, o esforzo en I+D reduciuse moi considerablemente a respecto da lexislatura anterior, o mesmo que os gastos sociais. Ademais de todo isto, está o aínda non explicado estrepitoso fracaso da fusión das caixas de aforros, asunto no que este goberno se ten implicado tanto. 
 
A terceira razón, pensamos que determinante á hora de decidir este adianto electoral, é a situación dos partidos da oposición, aos que pilla co pe cambiado. 
 
O PSOE cun líder de circunstancias en Galicia, pensando en promover un proceso de primarias -que xa non poderá ser- para valorar a posibilidade de presentar ao ex ministro Blanco, a pesar de seguir imputado, non lle queda outra que consolidar a Pachi Vázquez como candidato á presidencia da Xunta. Non é un bo candidato. 
 
O nacionalismo esnaquizado en non se sabe cantos grupos, despois das escisións do BNG a raíz da última asemblea, e debatendo sen fin as posibles políticas de alianzas entre eles. Alianzas que, en termos electorais, ou pasan por reeditar unha fronte ampla de todo o nacionalismo, ao estilo do que viña sendo o BNG, ou conducirán ao fracaso.
 
As incertezas veñen, sobre todo, de si a evidente subida en votos de Izquierda Unida vai ser suficiente para superar o 5% que lle dea acceso ao parlamento, e do impacto que poden ter nos resultados do PP as novas opcións que explotan o desencanto, cando non a desesperación da cidadanía, como son UPyD ou ese novo invento de Mario Conde. 
 
Polo demais, o PP parte coa avantaxe dun candidato ben valorado e moi pouco desgastado pola acción de goberno, e o apoio que supón un poder municipal máis amplo que nunca. O de ter o goberno de Madrid, a estas alturas xa non se sabe si é un activo ou lastre. 
 
Así está a cousa.

quinta-feira, 23 de agosto de 2012

Aferrados ao atraso

Temos escrito aquí que, para nos, "O atraso económico de Galicia", ao lado de "sempre en Galiza", é o libro máis importante que se ten escrito por e para Galicia. Permitiu artellar, na década dos setenta, un discurso nacionalista realista, sólido e contundente.

Era aquel un país subdesenvolvido, no que a principal fonte de riqueza era a emigración, naquel momento xa cara aos países "do centro" -Alemaña, Francia, Suíza, Gran Bretaña, ...-. Era acaído, entón, artellar un discurso a partir das teses dos principais teóricos do desenvolvemento económico -Samir Amin, Furtado, ...- e baseado en conceptos como colonialismo interior, drenaxe centro-periferia, desenvolvemento autocentrado, ...

Pero non debemos esquecer que aquel país, sobre o que se escribiu "o atraso", ten pouco que ver coa actual realidade de Galicia. Hoxe volve sobre este asunto Fernández Prieto nun interesante artigo en LVG, a propósito do pesimismo con que se recibiu a noticia de que para o próximo período de programación da UE, Galicia, que supera o 90 % da media de PIB per cápita da UE-27, deixará de ser rexión de converxencia, e polo tanto, deixará de recibir os fondos destinados a promover o desenvolvemento económico das rexións máis pobres.
 
Somos un país moderno e desenvolvido. Estamos no club dos trinta países máis ricos do mundo. No conxunto da UE-27, a nivel de rexións -NUTS 2-, estamos exactamente na media, ocupamos o posto 135 entre 275 rexións. Por certo, cun ritmo de converxencia superior a bastantes outras rexións españolas. 
 
Esta tería que ser a noticia. E debería ser recibida co optimismo que corresponde. Sobre todo se pensamos que hai só 12 anos, o noso PIB per cápita era un 25 % inferior á media europea. No canto diso, o goberno láiase e a oposición acúsao non se sabe moi ben de qué.
 
Para calquera goberno, sobre todo nunha época coma esta, o constatar que vai haber menos ingresos é unha mala noticia, sobre todo se en todos estes anos non se sentaron as bases dun modelo económico aberto e competitivo. Efectivamente, deberiamos ter a confianza suficiente nas nosas capacidades para afrontar esta nova con naturalidade. Pero como temos un goberno que entende a economía única e exclusivamente como un exercicio contable, calquera asunto, por positivo que sexa, que altere as previsións de ingresos ou de gastos, percíbese como unha catástrofe.

Pero máis estraño aínda é o discurso da oposición e de boa parte da cidadanía de progresista e de esquerdas. Non deixa de sorprenderme a crítica feroz que con frecuencia se fai daquelas poucas empresas autóctonas que son quen de competir con éxito nos mercados internacionais. Hai pouco escribiamos aquí a propósito de Inditex. Engadir só dous datos para aqueles que din que Inditex non aporta nada a Galicia e que igual sería para nos que fose unha empresa ucraína. Grazas a Inditex, o téxtil é xa o primeiro sector en creación de valor engadido en Galicia, con 2.466 millóns de euros (dos que Inditex xera o 99%); en segundo lugar, a construción con 529 millóns e en terceiro lugar a automoción con 502 millóns de euros. Na comarca de A Coruña, Inditex supón o 43% do valor engadido bruto.

E o nacionalismo segue construíndo o seu discurso a partir da pobreza e o atraso. defendendo a mesma metodoloxía de análise da realidade económica do país construída hai corenta anos. Pero ese é un tema recorrente neste blog:
Referendums, independencia e PIB; Nacionalismo orientado, nacionalismo desorientado; o atraso e nos. 

Como di atinadamente Fernández Prieto, semella que "a nosa aspiración colectiva é seguir sendo -ou parecendo- pobres para lograr axudas a fondo perdido, coas que seguir fomentando empregos de conserxe na Deputación de Ourense".

sexta-feira, 10 de agosto de 2012

Cainismo galaico

Xa sei que é difícil, pero estaría ben non mesturalo todo. Publicábase estes días que Amancio Ortega é xa o terceiro home máis rico do mundo. As reaccións en España, e moi especialmente en Galicia, son dun cainismo que espanta.

Por dúas vías diferentes de ataque. A primeira, os salarios de miseria que Inditex paga nos países en que fabrica os seus produtos. A segunda, lembrando a explotación que a mesma Inditex fixo nos seus inicios das costureiras galegas que cosían na casa ou en talleres clandestinos do rural, sempre con condicións laborais moi precarias e traballando en negro.

A respecto deste segundo asunto, certo sen dúbida, a ninguén que coñecese a Galicia dos anos setenta lle pode estrañar nin sorprender. Era habitual o traballo mergullado en todos os sectores, e máis no téxtil. Lembro verdadeiras empresas fantasma, que nunca chegaron a existir legalmente, que se montaban repartindo máquinas de tricotar polas aldeas. Nese contexto, a única diferenza é que Inditex, e algunha outra, chegaron a ter éxito e conseguiron consolidarse como proxectos empresariais reais.

En canto á explotación laboral en países en desenvolvemento, a crítica roza os límites do cinismo. Porque vostede, querido lector, que retwittea de boa fe novas de xornais que poñen de manifesto os salarios de miseria que Inditex paga en Marrocos, está utilizando, con toda seguridade, aparellos electrónicos fabricados cos mesmos salarios de miseria na India, na China ou en Taiwán. Probablemente vista roupa deportiva fabricada por meniños neses mesmos países por salarios aínda máis miserables. Seguramente estea seguindo os Xogos Olímpicos nun fantástico televisor de plasma que puido comprar a prezo de ganga polo mesmo motivo. E cando avalía as súas decisións de compra, tanto de roupa, como de aparellos electrónicos, nun próximo futuro tamén de automóbiles, o prezo segue a ser unha variable fundamental sen reparar en si eses prezos supercompetitivos dependen dos salarios de miseria que o fabricante paga nos países de orixe.

Dentro da lóxica do sistema económico no que nos movemos, Inditex só é responsable de saber aproveitar as avantaxes dunha axeitada localización para cada unha das fases do seu proceso de deseño - fabricación – distribución - comercialización. E dende este punto de vista, deberiamos de estar orgullosos de que unha empresa galega fose quen de facelo tan ben e de acadar resultados tan espectaculares.

Outra cousa é poñer en cuestión a lóxica do sistema capitalista. Pero entón non fagamos a Amancio Ortega responsable único de todos os males.

quarta-feira, 8 de agosto de 2012

Que descansen

Pechamos o mes de xullo coas mesmas incertezas que en forma de prima de risco, caída do Ibex, déficit público descontrolado, débeda autonómica inasumible, ameaza de inminente rescate, vimos sufrindo dende que comezou este infausto 2012 e goberna o Partido Popular.

Sen embargo, estes primeiros días de agosto descorren con relativa calma. A prima de risco mantense en niveis bastante contidos para o que ultimamente nos tiña acostumados e as bolsas en xeral, e o Ibex en concreto, subiron con forza estes días. Ata o punto de que o índice español superou a barreira dos sete mil.

As explicacións máis técnicas achacan esta inesperada tranquilidade a que “o rescate brando” para España xa está decidido e materializarase en setembro, momento a partir do que o BCE liberará a España da presión dos mercados de débeda actuando tanto nas emisións primarias como no mercado secundario. É probable que algo semellante ocorra con Italia. Polo tanto, a tregua na prima de risco e a recuperación dos valores bursátiles obedecen a que os inversores, como sempre xogando a futuro, xa están descontando ese rescate.

Non faltan opinantes que relacionan esta calma agosteña coa celebración dos Xogos Olímpicos en Londres. Trataríase da posta en práctica daquela sub realista lóxica gilariana –de Gila-: “¿está el enemigo?, que se ponga”.

Nos defendemos, porén, unha terceira liña argumental. A tranquilidade destes días débese a que agosto é agosto e as ferias son sagradas. Rajoy non perdoa os consabidos días de asueto en Sanxenxo. E Núñez Feijóo, e demais troupe autonómica, con capa na festa do Alvariño en Cambados.

Non se apuren. Non hai présa. Tómense unhas semaniñas máis de merecido descanso. Quizás así se alonguen estes primeiros días de tranquilidade dende que o PP asumiu o poder. Eu, por se acaso, tamén sigo de ferias.

domingo, 29 de julho de 2012

Escribir ao ditado

Son tempos difíciles e hai que comer. Gañarse o pan coa pluma non é doado. Por iso é entendible a crecente reconversión de moi galardoados escritores en opinantes profesionais nos medios de comunicación. 


Está ben facer da necesidade virtude, porque en xeral soen ser columnas limpas, amables, que foxen da rabiosa actualidade, e cunha escrita de calidade. Eu gozo con Manolo Rivas, con Javier Marías, incluso ás veces con Pérez Reverte ou Vargas Llosa, e menos veces con Xavier Cercas.

Pero outra cousa é converterse en mercenario ao servizo do dono da rotativa. E escribir sempre a favor da estratexia empresarial. Nin apelando a Nietzsche, se consegue disimular tanta submisión.

Sobre todo cando ata non hai moito tempo non se tiña ningún reparo en recoller premios patrocinados pola entidade que dirixía aquel a quen agora hai que denigrar sen límite, ou se aceptaba sen asomo de crítica o seu patrocinio para montar xiras de recitais poéticos.

Náusea, efectivamente.

No faiado