quarta-feira, 23 de janeiro de 2013

Non dar puntada sen fío ou traballar para o inglés

O Trasno non tivo a sorte de que o seu alter ego o colocase en ningunha fundación. Nin con ideas nin sen ideas. Nótase que o tal alter ego non é Carlos Mulas, que este si que ten, ao que se ve, ideas. Ideas produtivas.
 
É o que ten traballar para entidades sen ánimo de lucro, cando un quere, e sabe, é onde máis lucro soe haber. Pero hai que querer e saber. O que sempre se chamou non dar puntada sen fío. ¿Será que é para iso para o que vale ser doutor en economía por Cambridge?.
 
Ben ao contrario, o noso alter ego, ten demostrado sobradamente a súa impericia. Primeiro, bautizando a este humilde escribidor cun nome tan pouco comercial e suxestivo. Sobre todo se pensaba facerse un sitio nese tan competitivo mundo dos analistas políticos, económicos, opinantes ou tertulianos. E despois, poñéndoo a traballar a reo, simplemente por amor á arte. Unicamente polo prurito de ter unhas poucas ducias de lectores. O que sempre se chamou traballar para o inglés.
 
É claro que con esta mentalidade tampouco se pode chegar. ¿Alguén se imaxina que a devandita Amy Martin podería ter acadado tan altas cotas de credibilidade, mesmo de popularidade, se estivese disposta a traballar por minutas dez veces inferiores?. Pois ese era o prezo, 300 euros, ao que o noso nefasto alter ego aspiraba, cun proxecto de longo percorrido, unha vez que o Trasno tivese demostrado a súa valía e fose aclamado por miles de lectores.
 
Con tan miserables expectativas, con tan escasa ambición, nun mundo tan competitivo como é o actual, non se vai a ningures. Precísase máis imaxinación, ambición e decisión. Nunha economía como a que nos toca vivir, os hipotéticos negocios con longos períodos de maduración non son negocios nin son nada. As ideas hai que rentabilizalas instantaneamente. Aquilo de máis vale paxaro en man que cento voando. O que ocorre é que Carlos Mulas ten cen paxaros na man, mentres o noso alter ego anda aínda detrás do seu paxaro que segue voando.
 
Obvio que o Trasno non é tampouco Amy Martin. Configurado a imaxe e semellanza do seu miserento creador, estaría disposto, polo tanto, a facturar ben menos que os 3.000 euros da ala por artigo que seica era o que cobraba a tal. Así é imposible facer carreira.
 
Despois da lección que nos acaba de dar Amy Martin, augúranse tormentosas negociacións no seo de a furada do trasno. Veremos como acaba a cousa. 

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado