O decorrer do asunto das caixas de aforros en Galicia, e a bochornosa deriva que está tomando o debate, non é máis que o reflexo da desestruturación social, política e económica do país.
Algúns miramos cada vez con máis envexa, a pesar de todo o que está chovendo tamén alí, a Cataluña e a Euskadi. Seguen tendo claro, polo de agora, o que é importante en clave de país. Nosoutros, que entramos na etapa democrática con un recoñecemento nacional, en termos políticos, equiparable ao seu -coido que por rendas herdadas do galeguismo republicano máis que polos propios méritos que puideramos ter acumulado na transición política- en todos estes anos transcorridos dende entón, en lugar de afianzar o noso estatus de nación -á marxe da consideración legal do termo-, fomos dilapidando todo ese capital político ata homologarnos, por méritos propios, a calquera outra región autonómica española.
Aínda que a algúns nos doa recoñecelo, unha parte importante da poboación séntese máis cómoda con esta homologación. A polémica da lingua ou da bilingua é un bo exemplo, penso. Por non falar dos posicionamentos políticos imperantes nos ambientes con capacidade de decisión en Galicia, especialmente na esfera económica. Por último, os sucesivos resultados electorais confirman, coido, esta tese.
Por iso me alarma que se reclame aínda máis debate social. O debate social para o que está preparado este país estamos a ver cal é, poñémonos cada un a camiseta que lle corresponde e a xogar -un Celta-Depor, ou un Turquía-Portugal, tanto ten-. Non máis debate social, por favor.
Se tivésemos conciencia de país -véxanse dous post anteriores a respecto dos intereses estratéxicos de Galicia- os partidos políticos estatais, PP e PSOE, non poderían presentarse aquí defendendo unha fusión interterritorial das caixas sen correr o risco de ser desaloxados de tódalas institucións. Como non a temos, defenden políticas que, efectivamente como di Antón Baamonde, acabarán por converternos nunha praia de Madrid -nunha praia máis de Madrid- e gañarán votos, non só en Madrid, tamén aquí. Como non a temos, incluso o BNG, sumido cada vez máis nunha tremenda nebulosa ideolóxica -alguén me pode dicir qué defende e qué aspiracións para Galicia ten hoxe o BNG?- é quen de navegar defendendo posicións radicalmente contraditorias en función de cal sexa o foro no que corresponda intervir. E non pasa nada.
Se tivésemos conciencia de país, os políticos municipais non poderían rentabilizar electoralmente o terse convertido en paladíns do localismo máis pailán. A cidadanía sabería diferenciar os intereses locais dos intereses nacionais. Como non a temos, son os primeiros en enfundarse a camiseta, e sáelles rentable.
Se tivésemos conciencia de país ao presidente da Xunta non lle valería marear a perdiz e tería que implicarse e decidir, non pensando en obxectivos persoais, ou de partido, senón en clave de futuro de Galicia. Como non a temos, dicíao no post anterior, este tempo de polémica estao cargando de razóns para xustificar calquera decisión.
Se tivésemos conciencia de país, serían as forzas políticas, todas, as que impulsarían, como defendín eu dende o comezo da polémica, a necesidade dunha nova lei de caixas que implique unha meirande politización e a abolición do caudillismo e dos rexímenes dinásticos nas mesmas. Moito me temo, porén, que se fará unha nova lei cando xa non nos queden caixas. Así será máis doada de facer.
Se tivésemos conciencia de país, serían as forzas políticas, todas, as que esixirían unha análise técnica rigorosa da situación de cada unha das dúas caixas e de cada un dos escenarios de futuro posibles. Como non a temos, móntase unha enorme polémica no máis absoluto oscurantismo. E a ninguén lle preocupa. Semella que, especialmente para o goberno, que así estará menos condicionado para tomar a decisión.
É neste aspecto no que tamén moitos dos máis concienciados e moitos creadores de opinión se precipitan e se equivocan de obxectivo. Precipítanse apostando por unha saída, a fusión-absorción, que cos poucos datos técnicos que se coñecen semella non ser, nin moito menos, a mellor solución. Erran de obxectivo porque implicitamente se demoniza a unha das entidades, cando se tivésemos toda a información, quizás se descubrise que o verdadeiro colapso ven provocada pola outra.
Queremos coñecer xa, con datos reais, a dimensión do buraco, fundamentalmente inmobiliario, no que están atrapadas cada unha das dúas caixas. Cada vez parecen máis fundados os rumores que apuntan a que o descalabro de Caixa Galicia multiplica por dez ao de Caixanova.
Queremos saber, con datos reais, que parte do fondo FROB sería absorbido directamente polos plans de prexubilacións no caso dunha hipotética fusión.
Queremos saber que contía da cota de mercado se perdería no caso desa hipotética fusión.
Queremos saber, en fin, cal é a viabilidade técnica e económica de todos e cada un dos escenarios posibles.
Outro día falaremos dese plan a medio prazo, non declarado por suposto, que pretende facer desaparecer ás caixas que serían engulidas polos bancos a través desas eufemísticas cotas participativas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário