domingo, 22 de novembro de 2009

Caixas de Aforros: minutos decisivos

Anuncia o xornal do norte que nas vindeiras 72 horas tomarase a decisión. A ninguén parece preocuparlle a desinformación e o oscurantismo co que se chega ao momento clave. O importante é sumar opinantes, cantos máis mellor.

Vimos reclamando con insistencia que un debate serio require información veraz sobre a verdadeira situación económico-patrimonial de cada unha das dúas entidades.

Os únicos datos publicados, a altura de setembro, eran bastante parellos. Core capital: 6,29 Caixa Galicia, 5,2 Caixanova. Tier 1: 8,01 e 7,45. Ratio BIS: 11,14 e 11,84. Morosidade: 4,92 fronte a 4,65. Eficiencia 45,85 para Caixa Galicia e 37,7 para Caixanova.

Hai poucos días Antonio Grandío Dopico, catedrático da Universidade da Coruña, fixo público un informe no que se aventura a indagar para coñecer con máis profundidade a verdadeira situación interna de ambas entidades.

É o único intento que en todo o gran debate no que está participando todo o país se ten feito por poñer datos enriba da mesa. Non vou defender aquí este informe. Ao contrario, peréceme frouxo e bastante estrafalario. Agora ben, cando dende La Voz de Galicia, e sobre todo dende Caixa Galicia, se descualifica de maneira radical, deberían achegarse datos para contrapoñer aos contidos nese informe. Nin un só dato, unha simple descualificación xeral ao traballo e ao autor.

Á marxe da calidade do seu traballo, penso que Grandío pon enriba da mesa o verdadeiro asunto que Galicia ten que dilucidar:

1. É viable Caixa Galicia?.

2. Nunha fusión intragalega, a achega dunha Caixanova tamén en delicada situación sería suficiente para salvar a Caixa Galicia do abismo en que semella se atopa?.

Nas conclusións dese informe léense cousas tan estarrecedoras como as seguintes: "Caixa Galicia necesita una aportación extraordinaria de fondos, proveniente del Fondo de Garantía de Depósitos de las Cajas de Ahorros y/o del FROB superior, en el escenario más optimista, a 1.800 millones de euros... En el caso de Caixanova, en el peor de los casos, la cantidad no supera los 485 millones de euros". Hay que tener en cuenta, también, que Caixanova no tiene porqué recurrir a nadie porque no ha utilizado, de momento, la venta de oficinas y edificios en propiedad que le reportarían, como mínimo, 250 millones de euros. Tiene, también, sociedades en su cartera en donde puede realizar plusvalías, como mínimo, de otros 250 millones de euros. Por poner un ejemplo, aunque no tiene que ser necesariamente esto ni nosotros lo deseamos, la venta de su participación en el Banco Gallego le daría holgura suficiente. Caixanova está, igualmente, en mejor situación desde la perspectiva de la cuenta de resultados. La caída de sus ingresos, tanto en términos de margen por intereses, como los derivados de las operaciones financieras, evolucionan más favorablemente."

A esta perspectiva catastrofista contribúe tamén a actitude da dirección de Caixa Galicia. A pouco que se teña seguido o decorrer da economía galega nos últimos vinte e cinco anos, terase a imaxe dun Méndez sempre con afán de protagonismo. En tódolos temas e en tódolos foros. Sorprende que agora, cando se está xogando o futuro da súa entidade e o del propio estea, senón desaparecido porque el si vai a saraos e festas varias, si mudo. Coñecendo que tipo de xogador é semella ter poucos triunfos na man esta vez. Da a impresión de que o que quere é unha solución, a que sexa, tanto lle ten, seguro de que a súa saída persoal non corre perigo en ningún caso.

Como o que interesa é furtar o debate sen entrar no cerne do asunto para que finalmente a decisión se tome en función de quen gañe o debate social, que xa teño dito repetidas veces neste país se reduce a un Celta-Deportivo, vexan a continuación como se presenta o partido de hoxe.

O xornal do norte presenta unha alineación de luxo. Saen atrás cunha defensa veterana, incluso algunha vella gloria como Víctor Moro, con xogadores solventes como Víctor Freixanes -que aínda sen ter demostrado moito neste posto, apórtalle vistosidade ao xogo-. No medio do campo verdadeiros especialistas como Sofía Vázquez e Miguel Ángel Rodríguez -este, por certo, saído da canteira do inimigo-, xunto cun afeccionado, M. Seijo que debuta hoxe. Sen dúbida, é na dianteira onde aparecen as verdadeiras estrelas do equipo. Un media punta colaborador, creativo pero ao tempo con dotes para destruír no xogo de contención, como é Lois Blanco. No centro do ataque a indiscutible figura, Luis Ventoso que ven demostrando nas últimas tempadas a súa eficacia independentemente do rival ao que lle toque enfrontarse e da táctica que empregue o equipo. Un xogador especialmente dotado para o xogo en campo embarrado, está chamado a cotas moito máis altas, xa sexa no actual equipo, ou noutro de máis categoría. El sábeo e dáo todo en cada partido.

Diante desta pléiade de estrelas, pouca resistencia no equipo do sur, moi baixo de moral e semella que sen folgos para formular batalla. Sae hoxe con Javier Sánchez de Dios, como home de referencia, pero claramente na recta final da súa carreira e pensando máis en colgar a pluma que no propio xogo. Secundan á figura dous xogadores da canteira con moi pouca experiencia e aos que lles queda todo por demostrar, L. Costas e I. Bascoy.

Partido pois desequilibrado, moi desequilibrado. Que gañe o mellor.

2 comentários:

  1. Os do sur o teñen merecido, confian no catalán faro, teñen os manghantes do clube financieiro, e ten que ser un coruñes de pro coma o sr Grandio, quen lle dea bazas.A caixa será para Coruña,ou non será, se queda en vigo ou santiago, farase unha grande demagóxía localista coruñesa, moi españoleira e por tanto liberticida e irracional.Non nos merecemos as sedes.Parabéns polo traballo.

    ResponderExcluir
  2. O problema é o que vai pasar dous anos despois da fusión. Aparecerá Caja Madrid como única opción. Ao tempo

    ResponderExcluir

No faiado