Ao fío dos comentarios ao post anterior -referendums, independencia e PIB-, comentarios que agradezo enormemente pois se algún sentido ten escribir aquí é esa posibilidade de feed-back, ocórreseme que non estaría demais fixar algúns dos parámetros de contorna que contextualizan o que aquí se escribe.
É importante porque en ausencia desas acotacións calquera discusión se pode levar ad infinitum baseándose en escenarios moi lonxanos, cando non diametralmente opostos, aos que enmarcan as consideracións que aquí se verten.
Vivimos nun país, Galicia, que pertence hoxe ao club dos trinta países máis ricos do mundo. Inserido na Unión Europea a través da súa pertenza ao estado Español. O sistema económico no que nos movemos está, pois, baseado no capitalismo de libre mercado.
Á vista dos comentarios, é obvio que non fun quen de expresar con claridade o que pretendía poñer en evidencia no post anterior.
Non se cuestiona a aquí a identidade nacional de Galicia, nin o "seu dereito inalienable" á soberanía plena. Iso si, tal dereito ten que ser exercido cando a cidadanía así o decida. Neste momento, en Galicia o voto nacionalista está por debaixo do 15 %.
O obxectivo era poñer en evidencia as contradicións tanto das "políticas seguidistas de Cataluña" que están tomando forza en Galicia, como as contradicións entre os discursos de esquerdas e os obxectivos económicos que se perseguen. Era por isto, polo que viña a conto a referencia a Santa Cruz (Bolivia), aínda sabendo que Santa Cruz non é unha nación.
Os exemplos de Quebec e Escocia veñen ao fío porque utilizan vías democráticas dentro dun escenario de desenvolvemento semellante ou superior ao do estado Español.
Fora deste marco, é evidente, hai moitos outros exemplos, pero claro, os métodos teñen que ser tamén diferentes. É nese outro contexto onde cabe falar de que "a esquerda independentista pode valerse da burguesía nacional e dos seus intereses", sempre a eterna táctica, para acadar os sempre adiados obxectivos estratéxicos, a independencia nacional. E xa despois, avanzar cara ao socialismo... Sinceramente, cádranme moi lonxe estas formulacións do escenario no que actualmente nos movemos.
O segundo asunto ten que ver coa valoración dos beneficios ou perxuízos económicos que para Galicia ten a súa pertenza ao estado español -e tamén, se cadra, á Unión europea-.
Hai unha certa corrente de opinión que avalía como moi negativa en termos económicos a pertenza ao estado Español, baseándose na perda de recadación impositiva que se deriva do feito de que moitas das sociedades que operan en Galicia teñen a súa sede, e polo tanto tributan, en Madrid -ou Barcelona-. É tamén de non dispoñer de capacidade lexislativa en materia fiscal. Xa sei que esa é a posición de certa intelligentia económica nacionalista, mais aínda non teño visto ningún traballo serio que avale esas teses.
Para ter unha foto fixa elemental e de trazo groso, do saldo económico para Galiza, abonda con ver o que recibimos e o que aportamos. No ano 2006 (últimos datos publicados polo INE), a renda dispoñible per cápita en Galicia era de 12.929 € fronte aos 14.192 € da media española. É dicir, cada galego dispón de 1.263 € menos que o español medio. No mesmo ano, o PIB per cápita en Galicia era de 18.525 €, fronte aos 22.290 € da media española. Isto é, por termo medio aportamos 3.765 € menos. A diferenza, 2.502 € per cápita, positivos para nos.
Por último, analizar a actual situación económica coa perspectiva do Atraso de Beiras -tan importante no seu momento para ter unha visión cabal do que era Galicia- no que subxacen teses de teóricos fundamentais do desenvolvemento económico -Samir Amin, Furtado...-, e conceptos como colonialismo interior, drenaxe centro-periferia, desenvolvemento autocentrado, ...equivale a tratar de aplicarlle á economía dun país desenvolvido, Galicia, a metodoloxía analítica dos países en desenvolvemento -hoxe en día xa nin iso-. É bastante desenfocado. Non vexo nin rastro desta formulación analítica na intelectualidade económica catalá, por exemplo.
O concepto de "colonialismo interior" foi introducido por Robert Lafont, penso, un intelectual occitán, e, realmante, Provenza non era o caso dun país en desenvolvemento. Polo tanto, non entendo se o de "desenfocado" se refire ao tempo que Beiras escribiu "O atraso" ou se se refire ao momento actual.
ResponderExcluirAí vai unha "redefinición do concepto": http://bibliotecavirtual.clacso.org.ar/ar/libros/campus/marxis/P4C2Casanova.pdf
ResponderExcluirhá razóns morais, culturais, democráticas tanto ou na miña opinión, máis importantes cas económicas para reclamar, se se quer,o dereito a soberanía.Sendo as económicas importentes,recoñezo que faltan informes económicos,ninguén os paga, pouco soberanismo, para xustifica-los, umha mostra máis das deficiencias do país.Tanto a terminoloxía como o livro de beiras acho-os desfasdos e inapropriados para ista época.duar
ResponderExcluir