Mañá é o día. Feijóo anunciará que o goberno apoia a fusión-absorción. Neste blog está todo dito sobre este asunto. Resulta moi cansando volver outra vez ao mesmo. Pero hai que celebralo.
Poucos lle discutirán habilidade política ao presidente. Toda unha lección de manexo do tempo.
Foi dilatando a súa toma de posición ata que Galicia toda, mobilizada polo xornal do norte e por unha boa parte da intelectualidade, se foi convertendo nunha especie de ágora -ou sería mellor dicir coliseum circense?-.
Mantivo un prudente silencio mentres as outras forzas políticas ían dando bandazos e poñendo en evidencia as súas contradicións. Porén, cando creron que tiñan a Feijóo atrapado na ratoeira -pois, coidaban que non sería quen de enfrontarse ás directrices do PP madrileño nin aos dirixentes das caixas- foron tomando posición, máis ou menos tibia, a favor da fusión.
Cando o pobo ditou sentenza -non unánime, mais si cunha considerable maioría- xurde a habilidade política do presidente e convértese en abandeirado da soberanía popular. O pobo é quen máis ordena, así que este goberno eríxese en máximo defensor da galeguidade das caixas, da caixa galega ou da gran Caixa Galicia.
Escoitáronse clamores de admiración de parte desa intelectualidade que tanto contribuíu a crear opinión. Xa temos líder, mágoa que non sexa dos nosos.
Ademais de converter en vitoria mediático-popular algo que todos lle prognosticaban acabaría sendo un fiasco, que outros obxectivos conseguíu Feijóo?.
Deixar descolocada á oposición, que tiña claro que, ou polo si o polo non, era unha oportunidade única para desgastar ao presidente.
Sementar a discordia, sobre todo no PSOE cun alcalde de Vigo convertido en abandeirado do bando contrario, pero tamén, ao menos inicialmente, con sindicatos e profesionais afíns ao BNG discrepando da posición oficial.
Que o debate fose unicamente visceral, sen revelar absolutamente ningún dato económico, nin sobre a situación real de cada unha das dúas caixas nin sobre a viabilidade de todos os posibles escenarios alternativos.
Se finalmente se consuma a fusión-absorción -pois aínda queda por ver a oposición legal que pode formular Caixanova- lograría dous obxectivos importantes: primeiro, que Caixanova non se escape viva, nin soia nin en compañía de outros. Segundo, preparar a operación para, si se confirma que o gran buraco de Caixa Galicia sumado ao buraco de Caixanova non ten solución co FROB, dentro de dous anos consumar a entrega da gran caixa galega a Caja Madrid, ou ben, tampouco se pode descartar, a súa privatización a través de cotas participativas.
Isto non acaba aquí. Queda moito camiño por andar. A curto prazo, discusión dos termos da fusión-absorción, dirección, sede ou sedes, lei de caixas... A medio prazo, xestión do FROB, peche de oficinas, despidos, prexubilacións, perda de competencia, menos cota de mercado, máis que probables problemas de solvencia da gran entidade galega... Poderemos seguir, entón, por moito tempo lembrando ao Zeca Afonso.
Grândola, vila morena
Terra da fraternidade
A maioria dos galegos/as ademais, de ser do depor o do celta,tamen somos de madrid o do barÇa jejejeje.e por iso non somos menos galegos, non si?
ResponderExcluir