sábado, 30 de janeiro de 2010

EPA: cifras de paro e taxas de actividade

Publicouse a EPA (enquisa de poboación activa) correspondente ao cuarto trimestre de 2009. Para o conxunto de España, o número de parados aumenta en 203.200 persoas respecto ao trimestre anterior, un 4,93% máis, e sitúase en 4.326.500. A taxa de desemprego aumenta nove décimas, situándose no 18,83%. A maior taxa de paro da Unión Europea despois de Letonia. A cifra de desempregados incrementouse en 1.118.600 persoas nos últimos 12 meses, un 34,87% de incremento interanual.

Para Galicia, o paro aumentou en 6.200 persoas respecto ao terceiro trimestre, un 3,81%, e sitúase en 168.400, un 30,53 % máis que un ano antes.

Así pois, en termos absolutos, a situación do emprego en Galicia, sendo moi mala, é mellor que a media do estado. Unha taxa de paro do 12,88%, fronte ao 18,83%, e un incremento no último trimestre do 3,81% fronte ao 4,93% estatal. Sen dúbida, esta menor incidencia do paro en Galicia é debida ao menor peso da construción e do turismo no noso modelo produtivo. Non debemos esquecer, porén, que nos datos de paro rexistrado publicados hai un mes, percibíase que nos tres últimos meses de 2009 as taxas de incremento do paro en Galicia eran sensiblemente superiores ás do conxunto do estado (véxase: Apunte breve sobre os datos de paro rexistrado: luces vermellas en Galicia).

Convén reparar, sen embargo, nas taxas de actividade (activos divididos por poboación maior de 16 anos). En Galicia, 54,79%, fronte ao 59,76% no conxunto de España. É dicir, en Galicia temos un 5% menos que o conxunto do estado de poboación en idade de traballar que efectivamente está traballando ou busca emprego. Ao contrario do que puidera parecer, esta diferenza respecto á media española é o dobre de grande entre a poboación masculina (62,14% fronte ao 68,14%) que entre a feminina (48,07% fronte ao 51,70%). Este dato é relevante, pois significa que temos unha poboación menos competitiva -sobre todo a masculina-, en relación á actividade laboral, que a media do estado.

2 comentários:

  1. Trasno, unha pra nota: a qué cres ti que se debe que os datos da EPA en España son superiores ás do seu paro rexistrado (4,3 millóns fronte a 3,9), mentras que en Galiza é xusto o contrario? A qué cres que se pode deber que os datos da EPA seguen dicindo que o paro en Galiza medra máis lento que no Estado, cando os datos de paro rexistrado destruímos emprego con Feijoo ó dobre de ritmo que no Estado?

    Saúdos.

    ResponderExcluir
  2. A poboación parada da EPA comprende ás persoas de 16 a 74 anos, que non están ocupadas, que están dispostas a traballar e que busquen activamente un emprego, e o paro rexistrado incorpora ás persoas inscritas nas oficinas públicas de emprego.

    Como ven sabes, hai algunhas razóns técnicas que explicarían que o paro da EPA fose superior e outras que provocarían o efecto contrario, que o paro rexistrado fose superior.

    No primeiro grupo (paro EPA maior) estarían: 1) non todos os parados EPA buscan emprego a través das oficinas públicas de emprego. 2) non todos os inscritos como demandantes de emprego nunha oficina pública de emprego se consideran como parados rexistrados. Unha parte deses inscritos, que por cumprir os criterios da OIT (encontrarse desocupado, buscar activamente emprego e estar dispoñibles para traballar) poden estar considerados como parados da EPA, exclúense do paro rexistrado, como é o caso dos estudantes menores de 25 anos ou demandantes de primeiro emprego ou das persoas que demandan empregos de curta duración ou de xornada reducida.

    En cambio, as dúas razóns que xustificarían que a cifra máis alta fose a do paro rexistrado son: 1) Que existen persoas consideradas como paradas rexistradas que non cumpren os criterios da OIT para ser computadas como parados pola EPA, por non buscar activamente emprego e/ou non estar dispoñible para traballar. 2)Que, determinadas persoas que están inscritas nas oficinas públicas de emprego e se consideran como paradas rexistradas non se inclúen dentro do paro da EPA. Isto ocorre cando, sendo o único método de busca declarado na enquisa a inscrición nunha oficina pública de emprego, non tivo contacto con esa oficina nas catro semanas anteriores coa la finalidade de atopar traballo, sen que sexa suficiente a mera renovación trimestral da demanda.

    En canto ao tema específico de Galicia, dúas breves consideracións:

    1) dende hai tempo vense falando de que a mostraxe que se utiliza para realizar a EPA en Galicia é pouco fiable. De feito o director do IGE co goberno bipartito tiña declarado reiteradas veces que era necesario incrementar a mostraxe.

    2) A pesar de todo o anterior, teño para min que o problema está na nosa innata reacción diante de calquera tipo de inquérito. Imaxínate como valoramos iso tan etéreo de se está vostede buscando activamente emprego?, por un lado si, pero por outro, activamente, o que se di activamente, a vostede que lle parece?, podía terme movido máis, non é?...

    ResponderExcluir

No faiado