domingo, 7 de março de 2010

Galicia ten dereito a saber

Estamos asistindo a un proceso de manipulación político-mediática sen parangón na historia do país.

Un xornal, que dende sempre ven facendo gala dun estrafalario nacionalismo do Cantón, eríxese no deseñador da estratexia de país e coloca a fusión das caixas de aforros na axenda do goberno da Xunta e dos partidos da oposición, marcando con parsimonia e teimosía a folla de ruta a seguir.

Diante da oposición radical de unha das caixas -e dunha grande parte da súa contorna económica e social- a aceptar o proceso de fusión, o Parlamento de Galicia desenvolve unha reforma express da Lei de Caixas que ten como obxectivo prioritario remover dos seus cargos á cúpula directiva da caixa que se opón á fusión e conformar un novo consello de dirección que sexa necesariamente afín ás pretensións gobernamentais.

A resposta do goberno central, despois do informe unánime do Consejo de Estado, é presentar recurso de inconstitucionalidade a esa nova lei de caixas do Parlamento de Galicia, o que conleva a paralización da súa aplicación.

Chegados a este nivel de confusión e conscientes da gravidade da situación, manifestamos:

1.- Galicia ten dereito a coñecer os obxectivos que cada unha das diferentes forzas políticas se marca neste asunto.

2.- Galicia ten dereito a que unha decisión tan importante como é o futuro do sistema financeiro, se adopte baseándose en criterios técnicos, rigorosos e obxectivos.

3.- Galicia ten dereito a saber cál é a verdadeira situación económico-financeira de cada unha das dúas caixas de aforros.

4.- Galicia ten dereito a coñecer os resultados dunha auditoría independente que analice a viabilidade de todos os posibles escenarios futuros.

5.- Galicia ten dereito a que con toda a información e transparencia se adopte a decisión que máis contribúa a poder dispor dun sistema financeiro eficiente ao servizo do país.

2 comentários:

No faiado