sábado, 27 de março de 2010

¡No va más!

Revelador o capítulo de hoxe da novela caixas en La Voz de Galicia: "Caixa Galicia tiene el aviso del supervisor para facilitar esta operación haciendo las concesiones necesarias. Y la Xunta sigue exigiendo paridad. Pero Fernández Ordóñez ya ha avisado que, sin acuerdo amistoso, será él quien tome decisiones". Polo demais, ningunha encíclica, ningún opinante nin de plantilla nin foráneo. Victor Moro sólo ante el peligro, repetindo os manidos argumentos de sempre.

Despois de consumir ríos de tinta e toneladas de papel, chegamos por fin ao cerne do asunto, polo que se debería ter empezado. A situación económico-financeira real de cada unha das dúas entidades. Aínda sen que se fixeran públicos os datos, parece que a toma de posición do Banco de España é suficientemente reveladora. Esquézanse pois de tódalas demonizacións que se levan feito de Gayoso. Independentemente do punto de vaidade que poida introducir agora nas negociacións, o problema non está aí.

Caixa Galicia, co barco nas pedras, non ten ningunha capacidade de negociación. Só esperar algún remolque.

Alternativas posibles para Caixa Galicia:

1. Ser absorbida por Caixanova. Todos sabemos que este tipo de operacións adóitanse maquillar para que aparenten ser unha fusión equilibrada e paritaria. Hai, porén, dúas ou tres decisións clave reveladoras de quén ostenta realmente o poder nas que, parece, Gayoso non está disposto a ceder un milímetro. Esta solución provocaría a oposición radical, tanto social como mediática, do norte. Sería curioso ver cómo se acomodan a ese novo escenario os discursos sobre "os perniciosos localismos". Ademais, para que fose posible requiriría unha intervención moi xenerosa do Banco de España a través do Fondo de Garantía de Depósitos. O recurso ao FROB por si só non sería suficiente. No que fai á economía do país sería unha solución traumática en termos de emprego.

2. SIP extrarrexional previsiblemente con Caja Madrid. Sen dúbida a solución preferida, dende o principio, polos dirixentes da caixa do norte. O problema é que Caja Madrid, á vista dos resultados presentados hai uns días tampouco parece en situación de solucionar ningún mal alleo, abondo ten cos propios. Ademais, esa solución sería moi incómoda para Núñez Feijóo que se cansou de repetir que vetaría calquera solución SIP, se ben cando o dicía estaba pensando en Gayoso e en Caixanova.

3.Intervención do Banco de España. Ademais do trauma que provocaría en Galicia, causaría alarma social máis aló do Padornelo, e sobre todo, tambalearía a "imaxe de solvencia do sistema financeiro español" diante dos mercados internacionais. O Banco de España só tomaría esta decisión como último recurso.

En Vigo, resultado de levar o debate ao terreo das paixóns, vívese un clima de euforia. O que lles pide o corpo é machacar, pero a dirección de Caixanova ten demostrado ata o de agora o suficiente sangue frío.

As alternativas que, por orde de preferencia, semella prantexarse Caixanova, son:

1. SIP extrarrexional con Caja Cantabria & Company ou con Caja Navarra & Company. É a opción pola que apostaron dende o principio. Tanto por criterios empresariais -a cada día que pasa, semella máis fundamentada economicamente esta solución-, como por motivos persoais dos seus dirixentes. O gran problema, sobre todo despois do tsunami popular, é a oposición radical da Xunta.

2. Continuar en solitario -de momento-. A día de hoxe a opción que semella máis viable. Seguramente sería só unha solución de curto prazo, pero que previsiblemente acabaría desembocando na alternativa 1.

3. Absorber a Caixa Galicia. Ademais de que presenta problemas obxectivos de viabilidade, a dirixencia de Caixanova tería reticencias a escenificala como unha fusión equilibrada e igualitaria. Pero, sobre todo, a nova Lei de Caixas de Galicia interprétase no sur como unha ameaza para o futuro control da nova caixa.

E Núñez Feijóo e a Xunta de Galicia, totalmente superados polos acontecementos, a qué solucións poden aspirar?. Á vista das declaracións dos últimos días, válelles calquera saída que se poida disfrazar -máis ou menos- de fusión equilibrada e igualitaria. De non materializarse esta alternativa os custos serían grandes. Ou aceptar os SIP's extrarrexionais ou aceptar a intervención de Caixa Galicia polo Banco de España.

E o BNG?, lendo a súa web non hai de qué preocuparse, "é a formación política que obxectivamente durante todos estes meses levou, e leva, a iniciativa no debate sobre as caixas". Un mundo feliz.

Polo demais, a intelectualidade máis lúcida do país seguirá xogando a que todo é culpa do malvado Gayoso e do presunto maquiavelismo de Blanco, MAFO, Zarrías e tutti quanti?. Veremos pronto unha colaboración conxunta de Baamonde e De Toro en El País rectificando?. Promoverá LVG, para iniciar a reconstrución do país nesta nova xeira, un manifesto conxunto de contrición dos freixanes, ónegas, ventosos, sofías, etc.? Non creo...

4 comentários:

  1. Na miña opinión...
    Que quebre quen teña que quebrar!...
    Ou solución "NACIONAL" galega..., ou o caos...
    Nin SIP nin hostias...
    CANTO PEOR, MELLOR!!!...
    Ah, e se chega o caso, que algún amigo agasalle cunha pistola e unha bala a algún dirixente financieiro ou mediatico...
    Pode que na soedade do despacho, unha conversa privada entre a sen, a pistola e a bala sexa para algún a saída mais digna e honorable...
    Xa llo dixeran a De Gaulle... (Franco)...
    Hai que saber retirarse a tempo...

    (Outra alternativa é alugar un cuarto nun piso alto dun hotel para que o recepcionista lle inquira si é para durmir ou para saltar)...

    Por si acaso vou levar ao tinte o traxe e a corbata negra...
    Podo precisala nuns días para algún enterro en San Amaro ou en Feáns...

    ResponderExcluir
  2. Unha pequena reflexión, por voltar a un punto que vostede sinalou con anterioridade:

    Ainda que a pintura que vostede fai, semella moi crible, coido que non se deben facer consideracións sobre a solvencia de ningunha das dúas caixas. Esa imaxe (a da solvencia), que é moi técnica e moi brumosa, a teñen moi poucos actores, e a algúns deles parece importarlle ben pouco o que ven.

    Por iso non sei se falar de que "Caixa Galicia, co barco nas pedras, non ten ningunha capacidade de negociación" é atinado ou non (a pintura semella plausible, coincido); pero é comete-lo mesmo erro que outros cando emprenderon as súas cruzadas pro ou anti-fusión.

    O realmente importante, pareceme a min, é tomar a decisión técnica e económica correcta, é iso so se pode facer con todos os datos na man. ¿Teñen-os que que deben tomar as decisións?

    ResponderExcluir
  3. Entendo a súa crítica, pero non digo máis que o que días pasados dicían Xornal de Galicia e Faro de Vigo: "o Banco de España encargalle a Caixanova pilotar as negociacións", ou hoxe mesmo La Voz de Galicia, que cito no artigo:"Caixa Galicia tiene el aviso del supervisor para facilitar esta operación haciendo las concesiones necesarias". Parece evidente que se o propio regulador a sitúa en condicións de inferioridade, non pode ser debido máis que á súa extrema debilidade.
    Grazas e saúde,

    ResponderExcluir
  4. Que pasa aquí?, Touriño a favor da fusión e o psoe en contra, Quintana e Beiras contra a fusión e o bng a favor. Solución, Touriño novo líder do bng, asemblea xa, e Quintana novo líder do psoe, designación xa.

    PS. Quintana di que leva con el a Antón L. Ao final, este do psoe de Ourense que se pasou ao pp só foi un precursor. Menos mal que non teño cartos, que alivio.

    ResponderExcluir

No faiado