sábado, 12 de fevereiro de 2011

Un salto cualitativo na normalización da lingua

Máis aló da eterna polémica idiomática na que vive o país, constátase que, malia os avances que se teñen logrado a prol do galego no ensino, na administración, e mesmo -aínda que menos- nos medios de comunicación, a dramática realidade é que cada vez hai menos galegofalantes.

De pouco consolo son esas enquisas, e eses estrafalarios modelos matemáticos, que dedicándose a contabilizar os que "entenden" o galego e os que o falan moi de vez en cando, constatan que a situación non é tan mala e que a supervivencia da lingua está garantida.

Por iso, os que na adolescencia nos sorprendemos escoitando a John Wayne dicir "carallo", por primeira vez, os que fomos quen de aprender o que significaba "unha escordadura de nocello" vendo as retransmisións futbolísticas da tvg, non podemos deixar de saudar con delicia esa nova que saía á luz esta última semana, a produción do primeiro filme pornográfico integramente en galego: "o divino ferrete".

Se son certos eses datos que ás veces se publican e que indican que unha enorme porcentaxe da poboación adulta en todos os países desenvolvidos, é consumidora de porno, non cabe dúbida que esta novedosa iniciativa contribuirá a espallar o idioma, de xeito lúdico, entre amplas capas da cidadanía. Se a proposta calla, e se consolida un volume de produción suficiente e cunha axeitada periodicidade, podemos estar asistindo ao inicio dun rexurdimento sen par da nosa lingua, non só entre os nosos paisanos, senón tamén como lingua vehicular ao longo e ancho do mundo.

Requírese, sen embargo, que os guionistas do "divino ferrete" acaden o equilibrio necesario entre a simpleza habitual dos diálogos nos filmes porno, nos que moitas veces é difícil discernir o idioma en que falan os protagonistas, pois a súa expresividade léxica -que non oral- limitase a unha infinita sucesión de sons guturais, e as súas naturais pretensións literarias coas que se corre o risco de desvirtuar o verdadeiro leitmotiv deste xénero cinematográfico.

Se son quen de lograr que esa ópera prima estea axeitadamente balanceada entre os contidos que calquera espectador agarda dun filme porno estándar e o suficiente diálogo como para contribuír á difusión do noso idioma, a Xunta de Galicia debería considerar algún tipo de axuda dentro do flamante Plan I2C, para esta incipiente actividade creativa.

É preocupante, sen embargo, que os produtores do "divino ferrete" anuncien que están dispostos a "facer máis con menos". Non sería de recibo que acaben facendo unha mera parodia de filme porno. Porque hai asuntos nos que, seica, o tamaño si importa.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado