quarta-feira, 25 de maio de 2011

¿Traballa para o PP Rodríguez Zapatero?

Cada día que pase sen convocar eleccións, peor para o país, peor para o PSOE, peor para a esquerda e peor para o propio Rodríguez Zapatero.

Peor para o país porque si xa ata o de agora a credibilidade institucional nese eufemismo chamado "mercados" estaba en mínimos, é fácil imaxinar como evolucionará a partir de agora, cun partido no goberno que acaba de sufrir unha durísima derrota electoral e sen apoios parlamentarios suficientes. Porque está claro que tanto CiU como PNV -como xa anunciaron- retiraranlle o seu respaldo e dedicaranse a ir preparando os próximos pactos co PP. Por suposto, non cabe esperar de Rajoy ningunha contribución á gobernabilidade. Agárdannos pois uns meses de máis crise e máis problemas coa colocación de débeda: camiñaremos, outra volta, cara á beira do precipicio.
Peor para o PSOE, xa que canto máis tempo tarden en clarificar o seu liderazgo, máis división interna, máis espectáculo e máis bochorno. Dende logo, non poderían facerlle favor máis grande ao PP que entrar agora nun proceso de primarias. A mellor solución pasa por atopar canto antes -con congreso extraordinario ou sen el- a alguén disposto a asumir o custo dunha segura e dura derrota electoral. E dicir, outro Almunia, quizás, a medio prazo, coa mesma recompensa que este.

Peor para a esquerda porque oito meses máis de goberno de Rodríguez Zapatero só servirían para, seguindo as instrucións de Angela Merkel, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional -seguramente non haberá intervención explícita como en Grecia e Portugal, pero está claro que si nos marcarán a política a aplicar-, facerlle o traballo sucio ao PP, adoptando todas as medidas de axuste máis  duras e impopulares. Así, cando goberne o PP, poderá rendibilizar a máis lenta que rápida recuperación, sen ningún desgaste.

Peor mesmo para Rodríguez Zapatero, porque estes meses que quedan, contribuirán, aínda máis, a borrar do imaxinario colectivo calquer vestixio -se o houbera- de bo goberno. Moito máis, si se empeña, como parece, en colocar na carreira sucesoria á candidata de Media Pro.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado