terça-feira, 4 de outubro de 2011

¿Un turco en Vigo?

Entendendo e compartindo en boa medida a indignación popular suscitada hoxe pola noticia que facía público o que se levará de prexubilación o anterior director xeral de Novacaixagalicia, non podo deixar de pensar que se trata, unha vez máis, da utilización pedestre da máis elemental técnica de manipulación de masas.
A bo seguro que esa millonaria recompensa está pactada e aprobada polo consello de administración de Novacaixagalicia no momento do seu nomeamento como director xeral. Tendo en conta que nese consello de administración había unha relativamente ampla representación de todo o abano político, ¿por qué ninguén controlou, limitou, se escandalizou ou o publicou naquel momento?. ¿Por qué a sra. Mar Barcón dimite con once meses de retraso?.

A saída do anterior director xeral obedece á decisión do novo presidente do consello de administración de NCG Banco de contar cunha nova dirección e cun novo conselleiro delegado. Seguen sen explicarse as razóns que avalan o nomeamento do sr. Castellano, aínda que, dado que non achegou un só euro privado -nin propio nin alleo- para capitalizar o novo banco, semella evidente que esas razóns só poden ser políticas. Para non levarnos sorpresas semellantes no futuro, estaría ben que se fixeran públicas as condicións salariais e contractuais do novo conselleiro delegado, sr. González Bueno, nun banco nacionalizado ao 94% do seu capital.

A noticia de hoxe, sendo importante, canaliza a indignación popular cara a un asunto concreto e tanxible, ao tempo que desvía a atención da cidadanía dos problemas e das responsabilidades clave: ¿por qué nos quedamos os galegos sen entidade financeira e quén son os culpables? (para non repetirme, remito ao lector aos dous anteriores post: Certificado de defunción (Galiza quere... saber) e Galiza quere... saber (2)).

Seguiremos sen saber o qué pasou, cómo pasou e por qué pasou, pero ao fin temos un culpable ao que se lle pode poñer cara.

Hoxe durmiremos un pouco máis tranquilos, xa temos un cabeza de turco.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado