Curioso este fenómeno do fútbol. Convertido nun puro negocio mediático global mantén, sen embargo, toda a súa capacidade para aglutinar os sentimentos tribais da poboación. Cuestión que sería máis ou menos entendible cando xogaban once de Vigo fronte a once de A Coruña, por exemplo -ou cando xogan once de Francia contra once de Alemaña-, pero difícil de explicar cando un mesmo xogador -en función dos seus lexítimos intereses económicos- pode pasar de xogar hoxe nun equipo a xogar mañá no eterno rival. Só queda como xustificante iso tan abstracto que se chama o amor á camiseta ou aos colores do equipo. Hoxe en día nin iso, pois sometidos á presión do merchandising e a ditadura dos deseñadores, os clubs sacan cada ano tres ou catro novos xogos de camisetas, a cal máis rechamante, e que perverten, ás veces ata o esperpento, as súas indumentarias tradicionais.
Desposuído desa compoñente de representatividade tribal, o fútbol queda reducido a un mero espectáculo -un pouco ao estilo de como os norteamericanos ven os partidos da NBA-. De feito, penso que é esta percepción do fútbol como espectáculo a que está facilitando a concentración da cota de mercado nuns poucos equipos -empresas- de clase mundial. Así se explica o interese por ver ao Barcelona, ao Real Madrid ou ao Manchester -e por comprar as súas camisetas- ata nos lugares máis recónditos planeta. Pero esta concentración do mercado nuns poucos equipos, acabaría provocando a desaparición de todos os restantes que non acadasen ese nivel de excelencia, a semellanza do que ocorre en calquera outro mercado globalizado. Se non fose porque inexplicablemente se mantén esa identificación de once tipos reclutados nos lugares máis estraños, vestidos cunhas camisetas cada vez máis estrafalarias, coas esencias dunha cidade ou dun pobo.
Así se segue explicando que hoxe en Riazor milleiros de persoas se esquezan por un momento da crise e se pasen dúas horas berrando ¡Aupa Deportivo! -ou ¡Vigo No!- e outros ¡Hala Celta! -ou ¡puta Coruña!-.
Nenhum comentário:
Postar um comentário