quarta-feira, 9 de novembro de 2011

Os debates gáñanse ou pérdense nos titulares do día seguinte

Gañou Rajoy, din tódolos xornais, agás un. Certo que as valoracións fanas recorrendo á consabida enquisa na páxina web, polo que a fiabilidade estatística de tales experimentos é cero. Pero a sensación que queda no común da cidadanía e que arrasou Rajoy. Impresionante o despliegue, neste sentido, de La Voz de Galicia. Á altura de La Razón, El Mundo ou ABC.

Enfrontábase o candidato do PSOE a unha misión imposible. Nunha situación tan catastrófica, en tantos sentidos, como a que vivimos, como membro que foi do goberno nos últimos oito anos, pódeselle facer responsable de todos os males. Calquera proposta, calquera idea que puidera poñer riba da mesa, podía ser descualificada polo seu contrincante recorrendo ao consabido "¿por qué no lo hizo vd. en los últimos ocho años?".
Pola contra, ao candidato do PP abondáballe con reiterar ata o infinito tódolos desastres que estamos vivindo, empezando pola cifra de parados. Non necesitaba concretar nada, máis alá de grandes promesas en abstracto, valeiras de contido.  Precisaba tamén non meter a pata con algún erro de bulto.

Rajoy, limitouse a seguir estritamente esa estratexia conservadora, sen perder o control e sen cometer erros, salvo o desliz xeográfico de situar a Cazalla na provincia de Cádiz. Ao formular así o debate non se pretende gañar votos, senón simplemente non perdelos. Máis que suficiente para o PP nestes momentos.
Obrigado a xogar ao ataque, Rubalcaba conseguiu poñer en evidencia algunhas das propostas máis duras que contén o programa do PP. E, se ben, non foi quen de dar a sensación de ter un verdadeiro programa de goberno, concretou moito máis algunhas ideas. Ademais de mostrar máis capacidade argumental.

Así pois, calquera teleespectador minimamente obxectivo, percibiu que o único que puido gañar algúns votos a raíz do debate foi Pérez Rubalcaba. Moi lonxe, en calquera caso, do que necesita o PSOE.  Pero si para consideralo gañador do debate e perdedor das eleccións.

Um comentário:

  1. Se hai algo que me amola(moito) é facerse partidistas a hora de emitir xuizos, neste caso quedei abraida coa ganancia rotunda de Rajoy, que nin soupo descifrar o seu programa, nin quixo entrar a valorar as súas propostas, tendo que ler un discurso necio, aborrecible e cansino. Tiña moito para predicar e decir, moito por gañar, pero...quedouse en iso, un aguanta sen máis beneficio que o aplauso dos seguidores(eses que non se quedan na casa a hora de votar). Un saúdo

    ResponderExcluir

No faiado