sexta-feira, 23 de dezembro de 2011

O cabalo de troia amarelo

Tendemos a ver a presenza china en occidente só a través de tendas todo a cen e restaurantes de comida barata. Pero a realidade é moi diferente.

O goberno de Portugal acaba de vender a súa participación maioritaria  -21,35%- na empresa pública máis estratéxica do país, Energías de Portugal (EdP) á empresa chinesa Three Gorges por 2.693 millóns de euros.
Nos primeiros días de 2011, Carlos Mouriño, presidente do Celta, vendía Censa Porriño á empresa chinesa de enxeñaría Citic Heavy Industry por 60 millóns de euros.

Aínda coñecéndose moi pouco a respecto do volume dos investimentos chineses e do seu destino xeográfico, o certo é que o goberno chinés está aproveitando a súa enorme potencia financeira e as actuais debilidades de moitos países periféricos europeos -Italia, Grecia, Irlanda, España, Portugal-, pero tamén en Alemaña, Francia, Reino Unido e mesmo Estados Unidos, para facerse co control de empresas que eles consideran estratéxicas.  Por dous motivos.  A busca de mercados e a busca de activos estratéxicos.
En canto aos mercados, os chineses están evolucionando dende o modelo tradicional de exportación ata un modelo de Inversión Estranxeira Directa, establecéndose en Europa, e tamén en Estados Unidos, para abrir mercados, achegarse ao cliente occidental, coñecer os seus gustos máis sofisticados e mellorar o recoñecemento da marca para despois posicionarse no propio mercado chinés. Hóldings con sede en Luxemburgo, Suíza ou Hong Kong operan como distribuidores dos investimentos en terceiros países. Son os exemplos da adquisición de IBM por Lenovo ou de Volvo por Geely, ou a entrada de Haier, a cuarta compañía mundial de electrodomésticos que desembarcou en Italia comprando primeiro Meneghetti e logo Elba. Segundo estatísticas oficiais, o volume anual de IED acadou xa os 300.000 millóns de dólares.

Con estas adquisicións evitan as tarifas de importación da UE ou de EE.UU., pero sobre todo, melloran a súa capacidade de deseño, desenvolvemento e produción de produtos axeitados para o mercado europeo e para a vertixinosamente crecente elite económica chinesa. É por iso que están adquirindo un grande número de empresas alemás de enxeñaría, desenvolvemento e innovación.
Moito me temo que en occidente, lonxe de afondar no coñecemento deste fenómeno, prefírese mirar para outro lado á espera de que a enorme capacidade financeira do xigante asiático nos axude a superar a crise.
Pero a realidade é que este proceso acabará por definir, dentro de non moitos anos, o que será a dinámica económica mundial nos próximos decenios.
Como ocorreu case que sempre no pasado, cando os gobernos occidentais queiran reaccionar, só quedará o recurso ao poderío militar. Pero daquela, tampouco esa presunta supremacía estará xa clara.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado