sábado, 17 de dezembro de 2011

¿Un banco galego?

Cuberta xa a primeira fase do plan de recapitalización de Nova Galicia Banco deseñado por José María Castellano, lembremos, tres grupos de inversores: 1) empresarios galegos; 2) empresarios galego-mexicanos; 3) fondos de inversión internacionais; o resultado non pode ser máis decepcionante.

Formalmente, os empresarios galegos investiron 70,4 M €, pero desa cantidade en realidade habería que descontar os 26 M € que nominalmente aporta Manuel Añón, xa que en realidade este empresario, a resultas do conflito que mantiña coa Corporación Caixagalicia, lévase 100 M € dos que 26 M € os dedica a comprar accións do banco. Sería interesante coñecer tamén o importe da inversión, e as súas condicións, feita polo sr. González-Bueno, conselleiro delegado do propio banco, e mesmo a realizada polo sr. Castellano, presidente do consello de administración.
Á vista deste resultado, ¿ninguén está considerando a posibilidade de darlle unha oportunidade ao sr. Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, quen prometera hai uns meses conseguir 1.000 M € galegos nun plis plas?.
O certo é que en cash o empresariado galego aporta 44,4 M €, que equivalen ao 1,68% do capital do banco. O sr. Añón posúe o 0,98%. Si a iso lle sumamos o 6,84% que posúe Novacaixagalicia, resulta que o capital galego en Nova Galicia Banco representa o 9,5% do total.

E aquí esgótanse as posibilidades de sumar capital galego á nova entidade. Salvo, claro está que retomemos aquel eufemismo tan utilizado no fútbol español dos anos setenta e oitenta e consideremos oriundos -de Avión, certamente- aos empresarios mexicanos cos que, seica, se está negociando, e que xa fixeron toda unha declaración de intencións con aquela sintética frase: "comprar barato para vender caro siempre es buen negocio..."

A crúa realidade é que temos un banco co 90,5% do capital público, sen visos de que esta situación poida reverterse, salvo, se hai sorte, realizando unha operación semellante á que se acaba de facer coa CAM e o Banco de Sabadell, é dicir, regalar o Nova Galicia Banco, no caso de que apareza alguén que o queira. Porque, ata o de agora, semella que nin regalado.
E así vai esmorecendo aquela gran operación política que, en clave de país, ía permitir ter unha entidade financeira galega, forte e solvente. Pero hai tempo que este asunto desapareceu das roldas de prensa do goberno da Xunta de Galicia, unha vez esgotada a carnaza que supuxo a demonización dos anteriores xestores de Caixanova.

E aí seguimos. Sen que ninguén explique as razóns que xustifican a presenza, nun banco público, do sr. Castellano e demais directivos fichados a golpe de talonario.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado