sábado, 14 de janeiro de 2012

Balance económico dunha lexislatura

Agora que a remodelación do goberno da Xunta confirma que a lexislatura está esgotada e que entramos xa en campaña para unhas eleccións que se adiantarán, non se sabe si a xuño ou a outubro, pode ser oportuno facer balance.

O primeiro dato relevante, dende o punto de vista electoral, é que a valoración que fai a cidadanía do liderado de Núñez Feijóo é máis que notable.

E isto a pesares de que, como mostraremos a continuación, non hai ningún indicador económico que xustifique ese indiscutible éxito.  Ao contrario, Galicia perde posicións no conxunto do Estado dende o inicio desta lexislatura.

O primeiro dato destacable é a evolución do esforzo en I+D. Dende o ano 2000 ata o ano 2007, Galicia converxe en porcentaxe do PIB dedicado a I+D coa media do Estado. A partir de 2007, sen embargo, a distancia é cada vez maior (véxase o Gráfico 1).

Gráfico 1. Evolución do esforzo en I+D 2000-2010
Esta evolución tradúcese na consecuente perda de posicións no conxunto do Estado. Hai que lembrar que Galicia segue a ser a quinta comunidade autónoma por número de habitantes, representando o 5,92% do total español. En canto ao PIB, Galicia é a sexta comunidade, representando o 5,40% do estado. A Táboa I amosa o retroceso entre 2007 e 2010 no ranking de I+D.

Táboa I. Ranking de Comunidades Autónomas por gasto en I+D en relación ao PIB. Anos 2007 e 2010
No ano 2007, Galicia era a sétima comunidade por porcentaxe de gasto en I+D en relación ao PIB. No ano 2010, Galicia ocupa nese ranking a posición número 12, sendo superada por Andalucía, Cantabria, Aragón, Comunidade Valenciana e Asturias.

Gráfico 2. Evolución interanual do Índice de Produción Industrial, 2002-2011 (mes de novembro)
O Gráfico 2 mostra o descalabro do Índice de Produción industrial dende o ano 2007 ata o ano 2011. Podería pensarse que este dato é consecuencia da crise económica xeral e, polo tanto, non imputable á xestión do goberno de Galicia. O Gráfico 3, sen embargo, reflicte o peor comportamento de Galicia nos últimos anos respecto á media española.

Gráfico 3. Evolución mensual do Índice de Produción Industrial 2005-2011
Finalmente, o Gráfico 4 mostra as cifras de paro rexistrado, dato no que Galicia viña ofrecendo nos últimos anos un mellor comportamento que a media española. Apréciase como en 2011 as cifras de Galicia son notablemente peores que as do conxunto do Estado.
Gráfico 4. Evolución mensual das cifras de paro rexistrado. 2005-2011
Se como parece, ningún destes datos fundamentais ten repercusión na avaliación que a cidadanía fai da xestión política, acabará sendo certo aquilo de que o único realmente importante é a imaxe e a súa proxección mediática.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado