Co novo modelo, desenvolvido en 2009 polo goberno Zapatero, Cataluña, que impulsou esta reforma trala aprobación do Estatut, obtivo 1.986 millóns de euros máis, situándose por primeira vez por riba da media das comunidades autónomas en recursos tributarios por habitante unha vez descontada a súa achega á solidariedade rexional. Conseguiu rachar así coa dinámica do anterior modelo de 2001, no que Cataluña tendo unha recadación fiscal superior á media, tras as súas achegas á solidariedade rexional quedaba por debaixo da media española en financiamento recibido. Tomando un índice 100, que representa a media das autonomías, a Generalitat recadou 120,7 e obtén un 103,6 de financiamento. No modelo anterior, recadando 119, obtiña 96 de financiamento.
Con todo, a gran beneficiada é a Comunidad de Madrid, a pesar de ser moi reticente co novo modelo no momento da súa aprobación. Coa actual fórmula, Madrid recada 145,9 e obtén, despois de contribuír á solidariedade rexional, un financiamento de 108. No modelo anterior, recadaba 137, e obtiña de financiamento 93.
Para Galicia, o novo modelo é claramente prexudicial. Anteriormente, Galicia recadando 88 obtiña, grazas a solidariedade rexional, un financiamento de 115. Co novo sistema, a Xunta recada 83,2, e obtén un financiamento de 101,1. É dicir, o cambio de modelo supón pasar dun diferencial de 27 puntos (115-88) a un diferencial de só 17,9 puntos (101,1-83,2).
En xeral, isto é o que ocorre con tódalas comunidades autónomas no novo sistema de financiamento. As máis ricas, as que máis recadan, melloran o seu financiamento. Pola contra, as máis pobres, as que menos recadan, ven reducido o seu financiamento. Con outras palabras, o novo sistema é menos redistributivo, e polo tanto, máis insolidario que o anterior.
Gráfico 1. Racadación fiscal e financiamento por comunidade autónoma co modelo 2001
(Media España =100)
O Gráfico 1, mostra a recadación e o financiamento de cada unha das comunidades autónomas, tomando 100 como media para o conxunto de España, co modelo anterior que se aprobara en 2001. E o Gráfico 2, mostra o diferencial financiamento - recadación por comunidade autónoma nese sistema de 2001. Apréciase como a comunidade máis favorecida, Extramadura, tiña un diferencial positivo, diferenza entre financiamento obtido e recadación fiscal, de 50 puntos. O mesmo que Canarias que obtiña un diferencial positivo de 48 puntos. En terceiro lugar estaba Galicia cun diferencial de 27 puntos. No lado contrario, a comunidade máis desfavorecida, Baleares, tiña un diferencial negativo de -45. Seguíalle Madrid con -44 e Cataluña con -23.
Gráfico 2. Diferencial Racadación fiscal - financiamento por comunidade autónoma co modelo 2001
No Gráfico 3, vese a recadación e o financiamento nas diferentes comunidades autónomas co novo sistema de 2009. E o Gráfico 4, amosa o diferencial financiamento - recadación neste novo sistema 2009. Agora o diferencial máis positivo corresponde a Canarias 39,6, seguido de Extremadura 35,8, e Galicia 17,9. Si se compara co Gráfico 2, compróbase que Canarias perde 8,4 puntos de diferencial, Extremadura perde 14,2, e Galicia perde 9,1. No outro extremo, a Comunidad de Madrid ten un diferencial de -37,3, gañando 6,7 puntos respecto ao sistema anterior, Baleares -22,3, co que recupera 22,7 puntos, e Cataluña -17,1, mellorando a respecto do modelo anterior 5,9 puntos.
Gráfico 3. Racadación fiscal e financiamento por comunidade autónoma co modelo 2009
(Media España =100).
Así pois, o novo modelo reduce a variabilidade, prexudicando ás autonomías máis pobres e favorecendo ás máis ricas. Ou o que é o mesmo, diminúe os efectos redistributivos e a solidariedade do sistema.
Un exemplo máis, como xa temos escrito aquí máis dunha vez, de que hoxe por hoxe, o discurso nacionalista de éxito constrúese en base a este tipo de argumentos fiscais insolidarios, en Cataluña, en Escocia, ou en Santa Cruz (Bolivia). E non queda espazo, neste novo contexto económico, para o nacionalismo de esquerdas, internacionalista, solidario e anticolonialista.
Por iso resulta cada vez máis inexplicable o seguidismo romántico que dende o nacionalismo galego se fai das formulacións que chegan de Cataluña ou Euskadi.
Nenhum comentário:
Postar um comentário