quinta-feira, 31 de maio de 2012

Xogando de farol

Despois de cinco meses de goberno do PP, é obvio que non se están cumprindo as expectativas que eles mesmos se tiñan feito antes de chegar ao poder.

Aínda que durante toda a longuísima campaña electoral quedou claro o seu interese por agochar o programa de goberno, quen máis quen menos presupoñiamos que si tiñan un plan.

Visto desde hoxe, parece que o elemento central dese plan era que o simple cambio de goberno, substituíndo a un goberno, e sobre todo a un presidente do goberno, tan denostados como o goberno socialista e o seu presidente Rodríguez Zapatero, por un goberno máis de dereitas sería suficiente.

Por iso o seu labor de oposición se limitou a socavar -destruír- a imaxe de Rodríguez Zapatero, aínda que iso implicase tamén o desprestixio do país. E a súa insistencia en poñer de manifesto, unha vez gañadas as eleccións, o desastrosa que era a herdanza recibida -os cinco millóns de parados, ou o déficit público do 8,5%, cando os socialistas se cansaron de repetir que non pararía do 6%-.

Non había máis estratexia. No canto desa chusma que nos gobernaba, agora vimos nos que somos xente de orden e, sen máis, recuperaremos a confianza de Europa e dos mercados.

Pero despois de empezar aplicando receitas de libro dende a óptica europea -decreto de medidas urxentes, reforma laboral, recortes en sanidade e educación-, o goberno de xente de orden comezou a facer política á antiga usanza: non presentou os orzamentos ata despois das eleccións andaluzas -tres meses despois do que sería normal-, ou o incremento do déficit consecuencia do engano nas contas en comunidades gobernadas polo PP.

¿Lémbrase o lector o que se comentaba en España a respecto da falta de seriedade do goberno grego cando ocorreu o rescate dese país?. ¿Qué imaxe proxecta hoxe España diante dun cidadán alemán que está pagando o 52 % da súa renda en impostos?.

E agora o de Bankia. Ademais de poñer de manifesto a magnitude do problema para unha grande parte da poboación, serviu para constatar que, efectivamente, este goberno xoga de farol. Primeiro anúnciase a nacionalización de banca, na que o goberno investiría 19.000 millóns de euros, aos que habería que sumar os 4.565 millóns que o FROB xa tiña inxectado na entidade. Despois, sen consultar ao BCE, dise que eses 19.000 millóns se entregarán a Bankia en títulos de débeda pública que a entidade podería descontar no BCE, evitando así sacar a subasta a débeda no mercado. Para forzar a situación, España négase a acudir ao fondo de rescate.

Despois da sorpresa inicial, derivada, sen dúbida, do insólito da situación, a resposta europea foi rápida e contundente: nin de broma.

¿Con qué cartas xoga o goberno esta partida?. Unicamente co temor que Europa pode ter a un rescate dunha economía do tamaño da española e ás repercusións que iso podería ter para a continuidade da moeda única europea. Farol tras farol...

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado