sexta-feira, 13 de julho de 2012

Á beira da insubmisión, de momento

Conforta ver que non estamos solos. No medio da morea de mensaxes confusos e desorientados de cidadáns individuais, asociacións de todo tipo, partidos políticos e sindicatos, por fin xurde un líder civil que chama, con sólidos argumentos, á insubmisión da cidadanía diante da desfeita que está a provocar este goberno.

É de agradecer, nestes días nos que asistimos desconcertados a cambios flagrantes na liña editorial de medios que sempre consideramos referente, que o presidente e editor do xornal máis influínte de Galicia utilice hoxe todo o seu poder e a súa capacidade de crear opinión, en defensa da cidadanía. A portada de hoxe do xornal e o seu artigo editorial, son unha demostración de compromiso coa sociedade civil.

Máis alá de algúns clamorosos esquecementos -ningunha referencia a un modelo fiscal socialmente máis xusto; ningunha referencia ao fraude fiscal; ningunha referencia á amnistía fiscal; ningunha referencia á loita contra a economía mergullada- é difícil non estar de acordo con todos e cada un dos seus argumentos: inaceptable perda de soberanía; inaceptable submisión de todos os políticos, en particular do presidente do goberno, aos mandatos europeos; rebelión contra da opinión publicada, da que tantas veces el foi parte; esixencia de responsabilidades aos causantes desta catástrofe; a posta en evidencia da hipertrofia das estruturas políticas que non se tocan, mentres se ataca despiadadamente á cidadanía, en particular aos empregados públicos, aos parados, aos dependentes. En definitiva, difícil non compartir este diáfano e fundamentado chamamento á insubmisión.

O problema é, unha vez máis, a memoria histórica. Imposible non lembrar aquel outro ataque de dignidade -equiparable ao actual- do mesmo xornal, cando a catástrofe do Prestige. E tamén o seu inopinado cambio de rumbo, de cento oitenta grados, en canto se conseguiron determinados compromisos políticos e económicos, nos que, casualmente, tivo un papel fundamental o actual presidente do goberno.

Hoxe, cando xa a súa credibilidade e moito máis cuestionable que entón, resulta inevitable non dubidar a respecto das verdadeiras razóns que se agochan detrás desta loable posición de defensa dos intereses cidadáns. ¿Non será simplemente un aviso a navegantes tratando de influír nas próximas decisións políticas nas que se xoga o futuro de Novagalicia Banco do que depende a supervivencia de tantos proxectos empresariais -algúns mediáticos- galaicos? ¿Non se tratará de facerse forte cara a unha hipotética e máis que previsible privatización da radio televisión de Galicia? ¿Non estaremos asistindo a unha burda estratexia empresarial que busca posicionarse cara ao inminente reparto da publicidade institucional e partidista diante das vindeiras eleccións autonómicas?.

Chi lo sa...

2 comentários:

No faiado