sexta-feira, 10 de agosto de 2012

Cainismo galaico

Xa sei que é difícil, pero estaría ben non mesturalo todo. Publicábase estes días que Amancio Ortega é xa o terceiro home máis rico do mundo. As reaccións en España, e moi especialmente en Galicia, son dun cainismo que espanta.

Por dúas vías diferentes de ataque. A primeira, os salarios de miseria que Inditex paga nos países en que fabrica os seus produtos. A segunda, lembrando a explotación que a mesma Inditex fixo nos seus inicios das costureiras galegas que cosían na casa ou en talleres clandestinos do rural, sempre con condicións laborais moi precarias e traballando en negro.

A respecto deste segundo asunto, certo sen dúbida, a ninguén que coñecese a Galicia dos anos setenta lle pode estrañar nin sorprender. Era habitual o traballo mergullado en todos os sectores, e máis no téxtil. Lembro verdadeiras empresas fantasma, que nunca chegaron a existir legalmente, que se montaban repartindo máquinas de tricotar polas aldeas. Nese contexto, a única diferenza é que Inditex, e algunha outra, chegaron a ter éxito e conseguiron consolidarse como proxectos empresariais reais.

En canto á explotación laboral en países en desenvolvemento, a crítica roza os límites do cinismo. Porque vostede, querido lector, que retwittea de boa fe novas de xornais que poñen de manifesto os salarios de miseria que Inditex paga en Marrocos, está utilizando, con toda seguridade, aparellos electrónicos fabricados cos mesmos salarios de miseria na India, na China ou en Taiwán. Probablemente vista roupa deportiva fabricada por meniños neses mesmos países por salarios aínda máis miserables. Seguramente estea seguindo os Xogos Olímpicos nun fantástico televisor de plasma que puido comprar a prezo de ganga polo mesmo motivo. E cando avalía as súas decisións de compra, tanto de roupa, como de aparellos electrónicos, nun próximo futuro tamén de automóbiles, o prezo segue a ser unha variable fundamental sen reparar en si eses prezos supercompetitivos dependen dos salarios de miseria que o fabricante paga nos países de orixe.

Dentro da lóxica do sistema económico no que nos movemos, Inditex só é responsable de saber aproveitar as avantaxes dunha axeitada localización para cada unha das fases do seu proceso de deseño - fabricación – distribución - comercialización. E dende este punto de vista, deberiamos de estar orgullosos de que unha empresa galega fose quen de facelo tan ben e de acadar resultados tan espectaculares.

Outra cousa é poñer en cuestión a lóxica do sistema capitalista. Pero entón non fagamos a Amancio Ortega responsable único de todos os males.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado