segunda-feira, 12 de novembro de 2012

Así nos ven en América Latina

Dicía estes días Núñez Feijóo que vista dende Brasil, España da medo. Por motivos profesionais, nos tamén andivemos estes días, nos que tivemos abandonado este blogue, por algúns países de Latinoamérica. En concreto, Chile, Perú e Brasil.
 
Non imos falar aquí do contraste evidente entre a conxuntura económica que estamos a vivir aquí e a fase económica claramente expansiva da que están disfrutando en cada un deses países.
 
O máis relevante é a imaxe que de España se percibe, agora mesmo, neses países. Vennos como un país á deriva, en descomposición, e que camiña, sen remisión cara ao precipicio. Sobre todo pola profunda crise económica, a cuxa visión máis catastrofista e exacerbada contribúen tanto os emigrantes retornados, como os medios de comunicación, e moi recentemente, con máis impacto alí do que puidera parecer, a campaña electoral norteamericana. Pero non só pola crise económica. 
 
Sociedades que ata hai ben pouco tempo nos tiñan como exemplo a seguir, pola evolución que en España se tiña acadado no relativo á credibilidade institucional, para tentar de superar a súa endémica corrupción política, fican agora abraiadas co que está acontecendo aquí, non só en tódolos niveis políticos, senón tamén na empresa privada, e en particular na banca. 
 
Países que ata hai ben pouco vían a España como a porta de entrada máis sinxela, polas afinidades lingüísticas e culturais, para ese Eldorado que era Europa, o que se traducía como ben sabemos en importantes cifras de emigración cara ao noso país, están sendo agora, e alardean diso, receptores de traballadores españois de alta cualificación. Ata o punto que, me comentaba un colega chileno, están pensando que como ocorrera na anterior grande crise española, a Guerra Civil, países como México, Arxentina e o mesmo Chile, se beneficiaran da cualificación e do coñecemento que aportaban os exiliados políticos españois, con esta outra gran crise española actual, están tamén empezando a suplir a súa escaseza de capital humano e coñecemento con estes novos exiliados económicos españois e beneficiándose, en grande medida, dos esforzos de formación á mocidade que nos últimos anos leva feito España. 
 
Non entenden tampouco como un país que ata hai ben pouco tempo transmitía unha imaxe de total estabilidade política e de cohesión, sobre todo comparada coa súa realidade, estea agora cuestionándose a súa propia viabilidade futura como estado. É certo que, en xeral, sobre este asunto a información que teñen é parcial e sesgada en exceso, pero moitos cidadáns latinoamericanos ven isto como o principio do fin de España como país rico e desenvolvido.
 
Contrasta todo isto coa admiración con que, non hai moitos anos, temos comprobado noutros viaxes a estes mesmos países, non así na Arxentina, se tiña en Sudamérica polo fenómeno económico español.
 
Así nos vai, así nos ven.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado