sexta-feira, 7 de dezembro de 2012

Perderon o medo

Durante boa parte do século XX, a que lle tocou vivir á miña xeración, o debate político, polo tanto tamén o ideolóxico, estaba balanceado. O bloque soviético xogaba de contrapeso fronte ás pretensións asoballadoras do capital e da dereita. Non só polo apoio material que proporcionaba ás forzas políticas de esquerdas en occidente, senón, e sobre todo, porque xogaba un papel de referente para boa parte da poboación que vía que outro modelo económico e social era posible, real e tanxible. 
 
Sería iluso pensar que todos os avances en dereitos laborais, e en consecuencia tamén sociais, que se teñen conseguido en Occidente ao longo do século XX, serían posibles se non existise a Unión Soviética. Non está demais lembrar que todos os movementos sindicais occidentais que lograron contrarrestar o modelo de capitalismo salvaxe que xurde a partir do taylorismo e do fordismo, afloran con forza despois da revolución rusa do 17, logrando reverter unha parte das ganancias que xera o modelo de produción capitalista en beneficio da clase traballadora.
 
No período que vai dende o 1920 ao 1990, todas as formulacións económicas, políticas e ideolóxicas occidentais, estaban condicionadas pola existencia dun modelo alternativo. Sen entrar a valorar as bondades e as debilidades desa alternativa, o certo é que xogaba o papel de regulador, cando non de moderador, do que se cocía en Occidente.
 
Todos os procesos historicamente transcendentes teñen un período de maduración máis ou menos longo. Por iso agora, despois de vinte anos, asistimos ás consecuencias reais da caída do Muro de Berlín en 1989 e o posterior desmantelamento do bloque soviético. A dereita política e económica occidental sente, hoxe, que ten as mans libres. Non só para aplicar as políticas e os criterios económicos que sempre lle interesaron, senón tamén, e isto e a novidade, para marcar a pauta no debate ideolóxico. A nivel español, non hai máis que ver a desfachatez coa que o ministro Gallardón tacha de conservadores aos que se opoñen ás súas demenciais políticas privatizadoras da xustiza, ou a soltura coa que o ministro Wert impón criterios ultraconservadores na política educativa.
 
Cunha socialdemocracia desnortada, tamén falta de referentes reais, e unha clase traballadora acomodada en exceso ás indubidables avantaxes consumistas do capitalismo, a dereita política e económica non atopa ningunha resistencia real para poñer en práctica todas aquelas políticas que sempre desexaron. Desmantelamento do sector público, privatización de todo aquilo susceptible de xerar negocio privado, sexa sanidade, educación, pensións ou paradores de turismo. E, o que a máis longo prazo e peor, imposición de criterios puramente ideolóxicos, que son os que definitivamente transforman a sociedade. 
 
Desafortunadamente, non se albisca por ningures xermolo algún susceptible de callar nun movemento de resistencia real. Porque, sendo realistas, pouco se pode agardar dos verdadeiros contrapesos que o modelo capitalista occidental vai ter enfronte nos vindeiros anos. Tanto Rusia, coma China, coma Brasil ou India, están xa na mesma lóxica económica, e polo tanto, tamén na mesma lóxica política.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado