sábado, 7 de março de 2009

E agora qué?

Xa temos novo goberno cun apoio popular sólido e incontestable, non só polo número de votos, senón sobre todo pola concentración dos mesmos maioritariamente na Galicia urbana e costeira, a máis moderna e desenvolvida.
Podería pensarse que eses resultados son consecuencia dun programa atractivo e acaído para estes tempos de crise que xerou expectativas e deu resposta ás inquedanzas da cidadanía. Teño para min, sen embargo, que lonxe diso, como xa ten escrito algún analista mediático, estamos diante dunha derrota merecida e dunha vitoria inmerecida. Imos comentar hoxe por qué unha vitoria inmerecida, deixando para o próximo post os motivos dunha derrota merecida.
Unha vitoria inmerecida porque o partido gañador escapou durante todo o proceso electoral do debate económico para explicar a súas propostas para enfrontar a crise e o seu modelo de desenvolvemento para os vindeiros anos. Lonxe diso, a campaña –perfectamente deseñada e cun forte apoio dos medios de comunicación máis influentes- centrouse en acusar ao goberno bipartito de despilfarro e amiguismo. E aí seguimos. Aínda non se lle teñen escoitado ao presidente electo, nestes primeiros días de lóxica proliferación de declaracións nos medios, argumentos de política industrial ou económica que permitan albiscar cal vai ser a folla de ruta para os vindeiros catro anos. De momento, seguimos enrocados no Audi –ou no Citroën- e na substitución do mobiliario de oficina da presidencia. Pouco máis, salvo o, en principio loable, presunto adelgazamento da administración, que en calquera caso parece dubidoso que chegue a concretarse.


Nunha situación económica como a que vivimos, eu gustaría que tanto na campaña electoral como agora, nas primeiras declaracións do presidente electo, se escoitasen propostas sobre os asuntos realmente importantes para o futuro do país. A cidadanía ten dereito a saber qué pensa facer o novo goberno en asuntos de vital importancia para o noso futuro. Aí vai un decálogo de preguntas sobre o que me gustaría coñecer o que pensa facer o novo goberno:

1. Vai continuar desenvolvendo o modelo I+D+i do que o goberno bipartito puxo as bases nestes tres últimos anos, ou hai algunha formulación alternativa?

2. Qué actuacións ten previstas para a captación de investimentos estranxeiros –unha eiva importantísima á que o anterior goberno tampouco foi quen de dar mínima resposta-?

3. Qué políticas ten previstas para o apoio á internacionalización das empresas? Da a impresión de que, do mesmo xeito que o goberno saínte, non se vai ir máis aló dunha política continuista para o IGAPE.

4. Qué se pensa facer, salvo a renuncia, xa anunciada, a crear un grupo leiteiro galego, para dar pulo á industria agro-pesqueira?

5. Cal é a posición do novo goberno a respecto do sector financeiro, nomeadamente sobre o futuro das caixas de aforro, asunto no que tampouco o bipartito quixo entrar?

6. A parte da inxenua e estéril proposta de incentivar a compra de automóbiles, qué medidas de reactivación da industria ten previstas?

7. Cal vai ser a posición do novo goberno na definición do novo modelo de financiamento autonómico?

8. Qué posición mantén o presidente electo en materia de infraestruturas? Seguirá defendendo o modelo AVE do Psoe-bipartito, ou ten un modelo alternativo máis racional?

9. Cáles son as claves para a ordenación do territorio? Pódese esperar un paulatino desmantelamento das actuais Deputacións e a creación de áreas metropolitanas ou, polo contrario, debemos esperar máis do mesmo?

10. Cál é o modelo de formación profesional e universitaria do novo goberno?

Agora que xa non estamos en campaña señor presidente, cumpre poñerse a traballar sobre os asuntos verdadeiramente importantes para o país.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado