Despois de case trinta anos de autonomía, con maiorías de todo o espectro político, ningún goberno foi quen de acabar, por vía lexislativa, coas autocracias profesionais que dende tempo inmemorial (di)rixen as nosas caixas de aforros. Os motivos desa inhibición do poder político son fáciles de imaxinar.
O argumento sempre foi o mesmo: manter as caixas despolitizadas e cunha xestión profesional. Por certo, moi interesante a columna de Barreiro Rivas hoxe en La Voz de Galicia a respecto das connotacións negativas que os propios políticos ven no termo politización.
Esquécese que as caixas son fundacións de natureza privada con finalidade social nas que participan as diferentes administracións públicas (concellos, deputacións, goberno autónomo, ...). Non son empresas privadas, non teñen accionistas nin poden repartir beneficios, as dúas características definitorias da iniciativa económica privada.
Así pois, pretender despolitizar as caixas sería tanto como despolitizar os concellos ou a Xunta de Galicia. Sen embargo, incriblemente as caixas están despolitizadas dende hai moito tempo.
En ausencia de capital e de accionistas, sen intervención algunha das institucións públicas, con sistemas de elección de representantes de impositores e traballadores para o consello de administración nada transparentes, todo o poder se concentrou nos directivos profesionais.
Se na empresa privada está aínda sen resolver o problema de encontrar mecanismos de control eficaces da xerencia profesional, é fácil imaxinar a infinita liberdade da que as tecnocracias dirixentes das nosas caixas veñen gozando.
A Xunta de Galicia ten a obriga de rachar cos trinta anos de silencio e decidir politicamente en clave de país. Hoxe máis que nunca Galicia necesita caixas de aforros máis politizadas, máis controladas, máis públicas e máis galegas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário