Unha característica común a todos os países subdesenvolvidos é a falla de credibilidade da cidadanía nas súas institucións. Así, ninguén paga impostos, ninguén cumpre as sancións, moitos resístense a pagar os servizos públicos, outros moitos intentan sobornar a todo funcionario público que se lle pon diante, e moitos destes déixanse comprar. Pola contra, un valor común aos países máis desenvolvidos é o respecto e a crenza nas institucións.
O efecto máis pernicioso da ola de corrupción que vivimos, máis aló do descrédito da clase política, é a perda de lexitimidade das institucións. Foméntanse así, moito máis en situación de crise económica como a actual, comportamentos puramente individualistas de sálvese o que poida, sen ter en conta para nada restricións de tipo ético.
No curto prazo este tipo de hábitos sociais serven, sen dúbida, para soportar taxas oficiais de paro tan esaxeradamente elevadas como as que estamos a sufrir. É sintomática neste sentido a paz social da que aínda disfrutamos, e moito máis o escaso número de parados que recorreron a solicitar a axuda dos famosos catrocentos euros.
Mais a longo prazo, será moi difícil construír, sobre eses principios sociais e morais, un país moderno e desenvolvido. Este descrédito institucional vai camiño de situarnos, na miña opinión, ao mesmo nivel de subdesenvolvemento institucional e político que tiña este país á morte do ditador, tirando pola borda o enorme esforzo cidadán dos últimos trinta anos.
Non é suficiente con atallar xudicialmente de xeito puntual os casos que se van descubrindo. Se aos líderes políticos lles preocupase algo máis que o titular do xornal ou a cabeceira do telediario do día seguinte, deberían adoptar de maneira urxente e unánime as medidas necesarias para erradicar esta lacra. E a primeira desas medidas tería que ser, por suposto, a reforma da lei de financiamento dos partidos políticos.
Pero como a banalización da política acadou xa cotas dificilmente reversibles, só nos queda trasladar aquilo de Assim vai Portugal, uns vão bem, outros mal...
Nenhum comentário:
Postar um comentário