Se co campo embarrado non é suficiente para ganar, xogo subterráneo, patadas nas canelas do contrario.
Se onte diciamos que o xornal do norte ía a por todas, hoxe dálle unha volta máis ao torniquete sacando aos pesos pesados á praza. Semella que se están a queimar os últimos cartuchos.
Porén, cando para convencer se quere ser categórico, eliminando o máis mínimo matiz, acábase por caer na demagoxia máis barata.
Equivócanse cando personalizan nos directivos de Caixanova, pensando que son os únicos que se opoñen á absorción. Veño dicindo en varios post anteriores que medio Galicia séntese agraviada, e a medida que pasan os días isto é máis fácil de constatar.
Equivócanse recordando ao chou exemplos de fracasos pasados, porque en algúns deses exemplos sería moi acaído revisar, e explicar, comportamentos minifundistas localizados na Coruña, non en Vigo.
Equivócanse tratando de evidenciar que os argumentos que se esgrimen agora para oporse á absorción son xusto os contrarios dos que se utilizaron antes para impulsar a fusión da Caixa de Vigo coa Caixa Ourense e Caixa Pontevedra. Entre outras cousas porque esa fusión sureña de primeira xeración foi unha reacción de resposta tardía á moi anterior fusión das caixas do norte. Semella que na Coruña xa non se lembran de que Caixa Galicia tamén xurde da fusión da Caixa da Coruña e Lugo coa Caixa de Ferrol, e a posterior absorción das Caixas de Santiago, e Provincial de Lugo, e das Caixas Rurais da Coruña, Ourense e Pontevedra.
Equivócanse cando se presupón como argumento contrario á absorción que Gayoso non quere perder o seu posto de presidente... que queren que lles diga, cando o xogo é así de heavy, quizá non estaría demais engadir que se en algunha das dúas entidades hai deseñada unha liña dinástica hereditaria é en Caixa Galicia. Asunto este que evidencia un moito maior apego ao cargo e ao poder, porque quéirao el ou non, a vida activa do Sr. Gayoso está chegando ao seu fin.
Equivócanse cando se invocan os intereses de Galicia pero o seu propio localismo minifundista lles impide formular, sequera fose como hipótese para avanzar, algún tipo de solución compensatoria para a outra parte do país.
Equivócanse cando intentan centrar o debate neste nivel de demagoxia, no canto de falar con rigor da situación real, con datos, das dúas entidades e das diferentes estratexias posibles para avanzar.
Equivócanse, en fin, cando intencionadamente se malinterpreta a mensaxe do ministro Sr. Blanco. Non saben vostedes que o PSOE en Madrid -en Galicia parece que non teñen unha postura definida e unánime- ve ben as alianzas interrexionais? É o que pasa cando se escribe a desgana e por encargo.
Ou será que non se equivocan e que en realidade estanse preparando para cantar bingo agora que xa temos a Rato en Caja Madrid?. Os cartóns do bingo que os paguen outros.
Concordando no básico coa crítica á Voz, bótanse en falta propostas para solucionar isto.
ResponderExcluir