sexta-feira, 6 de novembro de 2009

A quén lle preocupan os intereses estratéxicos de Galicia?

Canto máis sinistros son os desexos dun político, máis pomposa, en xeral, se volve a nobreza da súa linguaxe
Aldous Huxley


Ao socaire desta enorme polémica das caixas moito se teñen invocado os intereses estratéxicos de Galicia para xustificar accións, inaccións, argumentacións ou meras opinións. Dende os tecnócratas das propias caixas ata os medios de comunicación, partidos políticos, goberno, alcaldes, opinantes profesionais e cidadáns en xeral.

O problema da lingua é que cando se abusa da utilización de determinadas palabras, sobre todo cando se refiren a conceptos abstractos, acaban por perder o seu significado se non hai nada detrás con que identificalas.

Se nos cinguimos ao ámbito político que sería onde estarían maioritariamente as responsabilidades para actuar a prol de acadar eses intereses estratéxicos de Galicia, nos últimos anos tiveron responsabilidades de goberno as tres forzas políticas con unha representatividade significativa.

O goberno bipartito (PSOE, BNG) nos catro anos de mandato non foi quen de debuxar unha estratexia económica de país que permitise marcar, entón si, uns verdadeiros obxectivos estratéxicos.

O actual goberno (PP) nin presentou no seu programa ese deseño estratéxico, nin parece que lle preocupe desenvolvelo agora. A súa percepción do que é facer política está moi lonxe destes áridos asuntos.

Un dos motivos de que iso sexa así é o curtopracismo no que se instalou a política que fai que formular propostas de longo alcance, con longos períodos de maduración, se considere pouco rendible en termos electoralistas.

A presión e a repercusión dos medios de comunicación obriga a que unha grande parte da acción política, ou toda, se faga exclusivamente de cara á galería.

A interrelación institucional e económica con espazos socio-económico-políticos máis amplos nos que estamos integrados (España, Europa) fai que esa acción política estea en gran parte condicionada, subordinada ou dependente das estratexias deses outros espazos.

Para o caso dos partidos estatais o proxecto non é Galicia, senón España, polo que as estratexias de país e os seus intereses aparecen sempre relativizados e subordinados.

Neste contexto, no que ninguén ten un deseño de país, a alusión aos intereses supremos de Galicia non é máis que pura retórica, libre de ser utilizada por todo aquel que considere que ese chamamento ás esencias encaixa ben cos seus intereses máis prosaicos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado