terça-feira, 3 de novembro de 2009

Rajoy dalle a razón a Peter

Nin coa que está caendo o PP consigue marcar distancias co PSOE. Hoxe fíxose público o barómetro do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) correspondente ao mes de outubro. A diferenza en intención de voto é de 3,3 % a favor da dereita, un 2,1% máis que no barómetro de xullo, pero moi escasa vantaxe dada a situación de crise que vive o país.

Na peor valoración dun goberno dende fai 13 anos –última etapa de Felipe González-, a oposición non consegue despegar.

Xa sei que son moitos os factores que converten ao PP no camarote dos irmáns Marx e que inflúen moi negativamente: Gürtells, Costas, Camps, Aguirres, etc., etc.

Mais teño para min que o principal elemento que está detrás destes resultados é a confirmación, unha vez máis, do principio de Peter: ascéndese ao longo dunha xerarquía ata acadar o nivel de incompetencia.

Efectivamente, Mariano Rajoy, un parlamentario aceptablemente bo e con unha longuísima carreira política, sempre ascendente, está demostrando unha absoluta incapacidade para o posto que actualmente ocupa: líder da oposición e candidato a presidente do goberno.

Todos os presidentes de goberno anteriores, excepto Calvo Sotelo que chegou a selo sen ganar unhas eleccións, tiñan un carisma e unha capacidade de liderado moi superiores ás que ten Mariano Rajoy. Incluído Zapatero, antes de se converter na caricatura que é hoxe.

Claro que esa falla de authoritas carismática –en terminoloxía de Max Weber- non é allea a aquel atípico procedemento sucesorio utilizado polo PP en 2004, mediante o que Rajoy foi indixitado candidato por Aznar, pervertendo así a propia esencia do liderado político.

Con todo, a manifesta incapacidade do goberno para xestionar a crise económica mantén viva a candidatura de Rajoy, que pode acabar ganando por gol en propia meta dos socialistas.

Nesa dirección apunta a enquisa do CIS ao sinalar que a falla de confianza en Zapatero acada o 72,3% e que a súa xestión é mala ou moi mala para o 47%. O 34% opinan que o PP realizaría unha mellor xestión económica, mentres que só o 24% prefiren aos socialistas á fronte da economía.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado