terça-feira, 17 de novembro de 2009

Rajoy empeza a desvelar o seu programa económico

Si, o líder do PP desmentiu onte aos que afirmaban que non tiña discurso económico, que non era quen de facer propostas para un modelo económico de futuro, que utilizaba a crise simplemente para facer demagoxia.

Demostrou que antes que nada un político ten que actuar e decidir sempre a prol do seu proxecto de país e tomar posición sobre os asuntos importantes. Rajoy oponse á modificación da Lei Beckham e asume o custo de impopularidade que desta decisiva posición poida resultar. Con un par, si señor. Arríscase a perder uns cantos votos a cambio de asegurar a entrada de talento foráneo non só intelectual, tamén físico, ao que se ve.

Os argumentos que expuxo o líder da dereita foron, como é habitual nel cando fala de economía, de considerable calado. “Este tipo de normas pensadas para captar talento en campos moi diversos, como o científico non funcionaron mal en España, polo que non ten ningún sentido modificalas”.

Non especificou Mariano canto talento científico captado do exterior cree el que cobra máis de seiscentos mil euros anuais –límite a partir do que se aplicaría a reforma que propón o goberno-. Iso si, mostrouse convencido de que “hai que continuar atraendo talento” tamén no fútbol.

Remarcou, por outra banda, que se o goberno está pensando en modificar tan fantástica norma para incrementar a recadación impositiva, estaríamos a falar do “chocolate do loro” e que, dende logo, non compensaría ese ínfimo incremento dos ingresos públicos a desmoralización que suporía en boa parte da cidadanía o non poder deleitarse xa co talento de Messi, Cristiano Ronaldo ou Kaká.

Unha vez enunciada a súa proposta económica, o líder popular derivou o discurso cara a un terreo no que se sinte máis cómodo. Prognosticou unha liga moi pechada entre Real Madrid e Barça, aínda que lle recomendou a o club catalán realizar algunha fichaxe no mercado de inverno, aproveitándose, se supón, da avantaxe competitiva que xera norma tan progresista de captación de talento como a que el mesmo acababa de defender.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado